AD

Actualidad

Dano Cerebral Galicia reclama a posta en marcha do Proceso Asistencial Integrado e oito medidas máis

today21 junio, 2024

Fondo
share close
AD

A anovada marca unifica á Federación con todo o movemento asociativo do dano cerebral. A alta comisionada lembrou que os poderes públicos son “garantes do dereito a unha vida digna”. As propostas están dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas e familias con dano cerebral adquirido na lexislatura 2024-2028.

Nove demandas e un novo nome. Foron moitas as novidades presentadas pola que xa se coñece como Dano Cerebral Galicia -ata hoxe Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)- nun acto que tivo lugar esta mañá na sede da Valedora do Pobo.

Introducido pola alta comisionada, o presidente de Dano Cerebral Galicia, Luciano Fernández Pintor, expuxo o proceso de confluencia do movemento asociativo do dano cerebral adquirido a nivel estatal, autonómico e local, con raíces en 2017, para introducir a que é a nova imaxe de marca e denominación da Federación.

“Desde hoxe, a nosa voz alzada emite un só berro, que é o de que somos, con maiúsculas, Dano Cerebral”, sinalou Fernández, detallando os obxectivos deste proceso: promover o recoñecemento desta discapacidade -aínda non tan coñecida como as súas causas, como o ictus-, facilitar a identificación das asociacións co dano cerebral adquirido, e amosar unha imaxe de unidade de todo o tecido asociativo: “un paso máis cara a unidade”, engadiu o presidente de Dano Cerebral Galicia, “o que significa notoriedade, o que significa concienciación do conxunto da sociedade”.

Luciano Fernández lembrou tamén que “a maior coñecemento e consciencia, maior sensibilización: poboación máis capacitada para a prevención das causas e para a identificación dos síntomas. Tamén para recoñecerse ou recoñecer a outra como persoa con dano cerebral, e así procurar o recurso de atención máis axeitado”.

A primeira entidade en presentar a nova marca, Dano Cerebral Estatal, fíxoo nun acto que tivo lugar hai pouco menos dun mes. Desde esa data, abriuse un período de incorporación á nova imaxe e denominación, na que o tecido asociativo provincial e local irá sumándose e anunciando os cambios.

O respaldo da Valedora do Pobo e outros apoios

Previamente, a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, realizou unha intervención na que volveu amosar o respaldo da súa institución ao movemento asociativo do dano cerebral adquirido. Perante as máis de 30 asistentes que encheron a biblioteca da súa sede, a alta comisionada salientou que “os poderes públicos son garantes do dereito a unha vida digna” de toda a poboación, especialmente das “persoas que están nas marxes por mor da súa discapacidade”, ás que “cómpre poñer no centro das políticas públicas”

A alta comisionada ten colaborado xa en diferentes ocasións con FEGADACE, acollendo o acto do Día do Dano Cerebral 2022, e estando sempre pendente das necesidades e demandas do colectivo do dano cerebral adquirido.

Dano Cerebral Galicia contou coa asistencia ao acto de representantes dos tres grupos parlamentarios; da Administración, nomeadamente nas áreas de Política Social e Sanidade; de colexios e entidades profesionais de relevancia; do Terceiro Sector de Acción Social e, por suposto, das asociacións de dano cerebral federadas.

Nove demandas para unha lexislatura

Montserrat Terceiro Rey, membro da Rede de Cidadanía Activa do movemento asociativo do dano cerebral (entidade promovida por Dano Cerebral Galicia para a participación social e incidencia política das persoas con esta discapacidade), foi a encargada de pechar o acto presentando as demandas para a lexislatura xa iniciada, e que se estende ata 2028.

Estas propostas dan continuidade ás liñas de traballo abertas pola Federación, o conxunto do movemento asociativo da discapacidade e a propia acción institucional das administracións implicadas e refírense a áreas como a da atención e coordinación sociosanitaria, a promoción da vida independente e a desinstitucionalización, a accesibilidade universal ou a creación dunha comisión permanente sobre discapacidade no Parlamento de Galicia.

En concreto, Dano Cerebral Galicia reclama a posta en marcha dunha comisión de Discapacidade no Parlamento de Galicia que sexa permanente e lexislativa; a actualización do financiamento dos servizos e programas de atención a persoas con dano cerebral adquirido ao IPC e outras modificacións; o impulso dun modelo de atención que garanta a vida independente (con máis servizos e recursos); unha cota específica de ‘discapacidade cognitiva’ nas ofertas públicas de emprego para persoas con discapacidade intelectual; a consideración das entidades do sector da discapacidade como colaboradoras estables e profesionalizadas do sistema autonómico de Emprego; a capacitación dos e das profesionais de Emprego, e tamén de servizos sociais, con respecto a esta discapacidade; o desenvolvemento da Lei de Accesibilidade de Galicia para garantir a efectiva accesibilidade universal; ou a eliminación da concorrencia non competitiva para a adxudicación de axudas públicas.

Mención especial merece a demanda de reestruturación e/ou ampliación dos recursos materiais, técnicos e humanos necesarios para a aplicación do Proceso Asistencial Integrado para o dano cerebral adquirido, recentemente publicado pola Consellería de Sanidade e na elaboración do que o movemento asociativo tivo un papel de importancia. En paralelo, Dano Cerebral Galicia solicita a intensificación das campañas de prevención das causas e a ampliación dos recursos para a atención das persoas con dano cerebral adquirido en fase crónica.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%