AD

Actualidad

Os centros socioculturais de Santiago «viven o verán» con máis de 25 actividades distintas

today11 junio, 2024

Fondo
share close
AD

11/06/2024 A Rede de Centros Socioculturais prepárase para uns meses moi intensos, con ducias de actividades no programa «Vive o verán». Música en directo, exposicións, actividades deportivas ou roteiros, fan parte dunha proposta na que se prevé a participación de máis de 3.000 persoas, «pensada para chegar a públicos moi diversos, e que ten como obxectivo que os veciños e veciñas desfruten do verán redescubrindo o seu municipio, con actividades de lecer, educativas, e que fomentan as relacións sociais e o tempo compartido». A programación foi presentada hoxe en rolda de prensa polo concelleiro de As Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro.

O programa «Vive o verán» incorpora este ano 26 actividades distintas e un total de 155 sesións. Tal e como explicou Xan Duro, «hai moitas propostas para as familias, específicas para o público infantil, pero tamén moitas actividades pensadas para persoas adultas». Agás nos espectáculos ao aire libre, as diferentes actividades teñen límite de prazas e é precisa a inscrición previa.

As actividades artéllanse en torno a seis bloques temáticos: Verán en familia, Verán nos parques, Paseando no Verán, Actividades de verán nos centros socioculturais, Espectáculos de Verán e exposicións. A eles súmanse os Clubs de Verán, o programa de conciliación na rede de centros.

Verán en familia

A programación de verán comenzará cunha das propostas pensadas para as familias: unha quedada intercentros na Praza da Quintana, que terá lugar na tarde do martes 25 de xuño, e que estará chea de xogos e actividades. Haberá prazas para 100 persoas, e as inscricións deben facerse no centro sociocultural de Vite.

Xa ao longo do mes de xullo, desenvolveráse a actividade «Argallando no carballo». Será nas tardes dos martes e dos xoves, cada xornada nun punto e cunha actividade diferente. Así, haberá talleres de debuxo, de arxila ou de elaboración de coroas de flores, en puntos como a Finca do Espiño, o Paxonal, en San Lourenzo, na granxa do Xesto ou en Monte Viso. Desta maneira, as persoas participantes «non só poderán desfrutar de obradoiros lúdicos que fomentan a creatividade, senón que tamén coñecerán mellor diferentes espazos verdes de Santiago».

Seguindo a mesma liña, unha das novidades deste ano serán as «Veladas nocturnas para as familias», con dúas citas no mes de xullo: a representación da obra «Feira das Sementes», de Babaluva Teatro, o 3 de xullo no espazo exterior do centro sociocultural de Santa Marta; e o contacontos musical «Lúa triangular, nada é imposible» de Jara Ortiz, o 17 de xullo na carballeira de San Lourenzo.

Actividades nos parques e paseos

Os parques teñen un gran protagonismo no programa «Vive o Verán», e serán tamén escenario de diferentes actividades saúdables, creativas e divertidas. Así, haberá clases de Tai Chi e Chi Kung en espazos como o parque de Penedo de Conxo, o parque de Santa Marta, o Parque do Cotaredo, o porque do centro sociocultural Maruxa e Coralia ou o Campus Sur; ou de danza nos parques de Galeras e Eugenio Granell. Tamén están previstos obradoiros de debuxo ao aire libre na cidade da Cultura, na zona histórica e no museo de ciencias naturais da Universidade de Santiago; ou clases de defensa persoal para adolescentes na praza José Saramago de Vite.

Para coñecer o entorno natural de Santiago e a súa historia, no programa «Vive o verán» incluíronse diferentes paseos e roteiros. Así, haberá rutas á procura das herbas de San Xoán nos diferentes barrios; ou para aprender a identificar as plantas medicinais. Tamén están previstos paseos para coñecer as parroquias de Figueiras ou Vidán, un percorrido guiado para descubrir as gárgolas da cidade histórica; ou dúas rutas nocturnas con perspectiva feminista, sobre o papel das mulleres na historia de Santiago.

As propostas de paseos complétanse con dúas rutas circulares para coñecer mellor os parques biosaudables de Compostela: unha desde Conxo pasando polo Ensanche e Santa Marta, e a outra percorrendo o Romaño, Vite e Fontiñas.

Actividades de verán nos centros

Ademais, nos propios centros socioculturais manteráse unha intensa actividade ao longo de todo o mes de xullo, con propostas moi diversas en cada un deles. En Vite funcionará a aula de xogo e a biblioteca de luns a venres, e a aula de informática faráo de mércores a venres. No CSC das Fontiñas haberá sesións de escape room os martes de xullo e xogos de pistas os venres; no Ensanche haberá diferentes propostas formativas vinculadas ás novas tecnoloxías; e no Romaño prevénse obradoiros de cociña nas tardes dos martes. O CSC Maruxa e Coralia tamén terá en xullo diferentes actividades para todos os públicos, vinculadas a novas tecnoloxías, reciclaxe ou debates sobre temas de actualidade; e en Figueiras terá lugar un obradoiro de pintura con elementos naturais. Ademais, os centros do Ensanche, Fontiñas e Romaño estarán abertos en horario de tarde ao longo do mes de xullo.

A oferta de «Vive o verán» complétase con diferentes espectáculos, algúns deles programados pola propia rede, como é o caso do concertos do ciclo Terraceamos +, outros incluídos na rede cultural da Deputación da Coruña, e outros enmarcados no Festival Internacional Atlántica. Tamén se poderán ver diferentes exposicións: «Espazos Socioculturais en trazos», cos debuxos realizados por David Orihuela dos diferentes locais da rede de CSCs; a mostra de maquetas de estacións do ferrocarril «O primeiro camiño de ferro en Galicia», ou a do «Museo máis pequeno da cidade».

Por último, ao longo do mes de xullo, os centros socioculturais rurais e urbano poñen en marcha os seus clubs de verán, para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

A programación pode consultarse na web do concello, nas redes sociais dos Centros Socioculturais, e nos mesmos centros. A información das distintas actividades pode descargarse escaneando o código QR que aparece no folleto informativo, cos detalles sobre o procedemento e lugar de inscrición.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%