AD

Actualidad

Sanmartín logra 850.000 € da Deputación para arranxar as cubertas do Vero Boquete

today8 junio, 2024

Fondo
share close
AD

07/06/2024 A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, reuniuse este venres co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para abordar a colaboración entre ambas as dúas institucións e proxectos de futuro. Na reunión participaron tamén o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, a concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Miriam Louzao, e a concelleira de Deportes e Relacións Veciñais, Pilar Lueiro.

No encontro «cordial e productivo», que se celebrou na sede da institución provincial na Coruña, a rexidora compostelá arrincou o compromiso dun primeiro investimento de 850.000 euros para arranxar as cubertas do Estadio Municipal Verónica Boquete. Ao finalizar a cita, a alcaldesa compostelá indicou que no encontro o Concello presentou «unha serie de demandas».

«Dentro desas necesidades acordamos que houbese unha partida de 850.000 euros para arranxar as cubertas do Vero Boquete San Lázaro e establecer unha serie de amaños de relativa urxencia», explicou Sanmartín.

Pola súa banda, Formoso explicou ao finalizar a reunión que fará esta actuación cunha achega a través dun expediente de modificación de créditos ao longo do presente ano, o que dará un prazo duns meses ao Concello para redactar o proxecto.

Proxecto cultural e senda de Figueiras

Formoso e Samartín abordaron tamén a posibilidade de colaboración da Deputación nun proxecto cultural colaborativo proposto polo Concello de Santiago que, en verbas de Sanmartín, se trata dun proxecto «colaborativo», isto é, «un espazo singular que se faría entre a Deputación e o Concello» e sobre o que quedaron «emprazadas» ambas as administracións para ver «as características».

Sobre a senda de Figueiras, Sanmartín e Formoso comprometeron darlle unha solución a eses 130 metros que neste momento aínda non están feitos.

A maior Vía Verde de Galicia inicia a chegada a Compostela

Outro dos asuntos tratados na reunión foi o inicio das obras do primeiro tramo da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, previsto para finais de xuño.

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 753.820,86 euros as obras deste primeiro tramo, cun percorrido de 2,2 quilómetros que parte da antiga estación de ferrocarril da Sionlla. O proxecto completarase nos vindeiros meses cunha segunda fase de 8 quilómetros de lonxitude, que discorrerá do punto quilométrico 2+2 ao 10+200. En total, os dous tramos en territorio compostelán sumarán 10 quilómetros e suporán un investimento de 1,8 millóns de euros.

Estes dous tramos de Compostela conectarán co resto da Vía Verde, en funcionamento desde 2022, que atravesa os municipios de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda para completar unha gran ruta ciclable de 36 quilómetros sobre as antigas vías do ferrocarril que a consolidan como a maior Vía Verde de Galicia.

Aproveitando a reunión de traballo, Formoso e Sanmartín asinaron os convenios para o financiamento do funcionamento dos centros socioculturais do rural e do Ensanche de Santiago, aos que a Deputación destina 220.000 euros.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%