AD

Comarca

Silleda recoñece a dona Sara, mestra centenaria, como ‘(in)visible’ do mes de setembro

today24 septiembre, 2024

Fondo
share close
AD
  • Aos 101 anos, dona Sara simboliza o legado das mestras rurais que marcaron xeracións en escolas de Silleda e arredores

 Silleda. 24-9-2024.- Neste mes de setembro, coincidindo co inicio do curso escolar, o Concello de Silleda recoñece a traxectoria de María Sara Asunción Fernández Blanco, coñecida como dona Sara, unha mestra que dedicou a súa vida ao ensino, e que aos seus 101 anos segue sendo un exemplo de compromiso, sabedoría e paixón pola educación. Dedicándolle o recoñecemento (in)Visibles, o Concello quere visibilizar a pegada e o legado que deixaron e deixan as mestras no municipio, poñendo en valor a súa contribución á sociedade.

Dona Sara, cuxo nome completo é María Sara Asunción Fernández Blanco, naceu en setembro de 1923 na parroquia de Carmoega, lugar da Devesa, pertencente ao concello de Agolada. Filla de Manuel e Asunción, foi a maior de catro irmáns. Desde moi pequena, tivo a sorte de estar vinculada ao ensino grazas á súa nai, que exercía como mestra na parroquia lalinense de Cangas, onde dona Sara asistiu á escola xunto cos seus irmáns.

O amor polo ensino levouna a seguir os pasos maternos, converténdose tamén en Mestra Nacional de Primeira Ensinanza. Ao longo da súa extensa carreira profesional, exerceu en múltiples escolas unitarias esparexidas por Agolada, Lalín e Vila de Cruces, ata que, finalmente, fixo raíz en Silleda. Neste municipio, deu clases primeiro en Siador e concluíu a súa traxectoria educativa no Colexio Público de Silleda.

Dona Sara garda con moito cariño os recordos das moitas nenas e nenos cos que compartiu horas de estudo e traballo. Estes, hoxe adultos, mantéñenlle o mesmo agarimo que ela sempre sentiu por eles. Ademais, lembra con afecto as súas compañeiras e compañeiros de profesión, con quen compartiu momentos duros pero tamén cheos de esperanza por un futuro mellor para as xeracións vindeiras.

Como tantas mulleres do seu tempo, dona Sara tivo que compaxinar o exercicio da súa profesión como mestra coas responsabilidades do fogar. Foron tempos difíciles, pero ela sempre mantivo a esperanza de que, grazas ao seu traballo, as xeracións futuras poderían gozar dun mundo mellor. E, ao seu ver, moitas cousas cambiaron para ben.

A día de hoxe, dona Sara quere expresar o seu profundo agradecemento á veciñanza de Silleda pola acollida e consideración que sempre lle brindaron, axudando a ela e á súa familia a facer máis levadía a vida. Agora, aos seus 101 anos, dona Sara quere que todo o pobo saiba do seu sincero recoñecemento e afecto.

Ao longo da súa vida, foi testemuña de grandes cambios no ensino e na sociedade, e a súa figura, (in)visible durante moito tempo, hoxe emerxe como un símbolo de todas as mestras que, como ela, loitaron por un futuro mellor desde a discreción e o esforzo diario.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%