AD

Actualidad

As obras do Pombal comenzarán o 25 de xuño: Así afectarán á mobilidade

today19 junio, 2024

Fondo
share close
AD

19/06/2024 As obras de reurbanización da rúa do Pombal comezarán o próximo 25 de xuño, unha vez rematado o curso escolar, co obxectivo de reducir o seu impacto na mobilidade. Os traballos, nos que se van investir máis de 730.000 euros, permitirán mellorar a accesibilidade e renovar a rede de servizos, ao tempo que «son reflexo da aposta por un novo modelo urbano que prioriza a mobilidade peonil e ciclista, grazas á ampliación da beirarrúas e o acondicionamento dun carril bici».

Os concelleiros de Obras, Xesús Domínguez, e Mobilidade, Xan Duro, compareceron hoxe en rolda de prensa para explicar o proxecto e dar conta das súas repercusións no tráfico e no transporte urbano. Fixérono despois de ter mantido ao longo do día de onte diversas reunións con representantes dos centros educativos máis afectados polas obras (Pío XII, Raíña Fabiola e IES Rosalía de Castro) e das asociacións veciñais, así como un encontro aberto ao que asistiron os residentes da zona. Os dous concelleiros pediron desculpas á veciñanza polas molestias que ocasionen as obras, das que foi adxudicataria a UTE conformada por Oviga e Inside the time e que teñen un prazo de execución de 8 meses, «un prazo que sempre é estimado e calculado sen ter en conta condicionantes como a meteoroloxía ou as dificultades que xurdan no transcurso dos traballos».

Mellora da accesibilidade e da seguridade

O concelleiro Xesús Domínguez explicou que o Pombal «é unha rúa con problemas de accesibilidade, pero ademais localízase nunha zona con diferentes centros educativos e entendemos que é unha prioridade mellorar tamén a seguridade». Nese sentido, o edil apuntou que a reurbanización «favorecerá o calmado de tráfico».

Con ese sentido, e apuntando a un novo modelo urbano, na rúa do Pombal haberá unha única beirarrúa, situada ao carón dos edificios, que terá un ancho ampliado de 1,80 metros. A calzada quedará cun ancho de tres metros, e acondicionaráse tamén un carril bici en sentido subida, ao carón do muro da Alameda. A rúa estará configurada como unha plataforma única, «cunha diferenza de altura de tan só uns centímetros entre a calzada, e a beirarrúa, para as que se utilizarán distintos materiais». Ademais, haberá pasos peonís elevados, para reducir a velocidade do tráfico rodado.

As obras do Pombal tamén suporán a renovación das instalacións xerais de saneamento e abastecemento, que aínda son de fibrocemento; así como das redes de telecomunicacións, gas natural e iluminación pública. Tal e como explicou Xesús Domínguez, estas actuacións obrigan a que as obras «se acometan na totalidade da rúa, sen posibilidade de manter carrís intermintentes abertos ao tráfico».

Cambios na mobilidade

O concelleiro de Mobilidade deu conta dos cambios que suporán as obras do Pombal no que tén que ver co tráfico e o transporte urbano. Xan Duro explicou que «aínda que as modificacións están xa a ser comunicadas e estarán debidamente sinalizadas, vai ser inevitable que se produzan problemas, sobre todo nas primeiras xornadas dos cortes, e mentres que os e as conductoras non se afán aos novos itinerarios». Nese sentido, o edil lembrou que esta rúa é «un dos eixos principais da mobilidade en Santiago, e non hai alternativas fáciles». Por iso, vaise a facer «un importante esforzo por sinalizar desde as diferentes entradas da cidade, para evitar a chegada de vehículos a ese punto».

Xan Duro relato que nestas semanas previas ao comezo das obras xa se foron adoptando algunhas medidas, como «o pintado na rúa de Galeras para permitir o xiro a ésquerda cara a rúa de García Sabell, que tén como obxectivo facilitar unha vía máis de saída para evitar posibles atascos polas obras». Tamén se van instalar semáforos que permitan o paso alterno en Poza de Bar, para que esta rúa poida ser utilizada aínda cando estea pechada Cruceiro do Gaio. O concelleiro explicou que que as consecuencias das obras no tráfico dependerán da fase na que se atopen as obras. Inicialmente quedará inutilizada para o tráfico a Travesa do Cruceiro do Gaio, e quedará habilitada para peóns a beirarrúa dereita en sentido baixada. Nunha segunda fase, quedará habilitada para peóns a beirarrúa da esquerda en sentido baixada; mentres que a beirarrúa da dereita en sentido baixada ficará habilitada para residentes e usuarios. Por último, na última fase das obras, cun prazo aproximado de seis meses, Cruceiro do Gaio volverá ser transitable, e as beirarrúas seguirán coa mesma distribución: a da esquerda en sentido baixada será para peóns, e a da dereita para residentes e usuarios.

O concelleiro explicou que «os cambios fóronlle comunicados a navegadores como Google ou Tomtom, para que actualicen as súas indicacións sobre os itinerarios e axuden a redirixir o tráfico». Tamén agradeceu ao aparcamento «La Catedral», que puxo prazas ao dispor dos veciños afectados polas obras que non poderán acceder aos seus garaxes, ao tempo que mantén a colaboración co Concello para que a comunidade educativa dos colexios Pío XII e Raíña Fabiola poida utilizar as instalacións de balde coincidindo cos horarios de entrada e saída do colexio.

Modificacións nas liñas de autobús

O concelleiro de Mobilidade explicou ademais que as obras do Pombal «afectarán notablemente á rede de transporte, posto que son sete as liñas de autobús que circulan por ese viario». Trátase, en concreto, das liñas 4, 8, 9, C2, C4, P1 e P7, que terán que ver alterados os seus itinerarios. Xan Duro apuntou que «se ben circulando desde Galeras cara o centro, os autobuses poden utilizar itinerarios alternativos por Poza de Bar, avenida das Burgas, Avenida da Coruña e saída a Rosalía de Castro ou Xoán Carlos I; no sentido contrario de circulación, desde o centro cara Galeras, non hai desvíos posibles». Polo tanto, explicou, as zonas de Galeras, Salvadas e Vista Alegre cubriranse con servizos circulares, e as paradas destes puntos quedarán inutilizadas.

A liña 4, que comunica Romaño coas Cancelas, será a máis afectada polas modificacións e estará desdobrada en dúas rutas: unha que irá desde Cancelas a Mallou pasando por San Caetano, San Roque, Virxe da Cerca e Praza de Galicia; e outra que cubrirá o itinerario Romaño-Praza de Galicia, cunha prolongación a Casas Novas.

Xan Duro explicou que «nestes últimos días estamos redobrando esforzos para comunicarlles todos estes cambios especialmente aos veciños e veciñas da contorna das obras, pero tamén a todos os usuarios e usuarias do transporte público que se van ver afectadas polas modificacións dos itinerarios e da mobilidade». Así, estánse a entregar folletos informativos, e vanse vinilar as marquesinas para que a información estea o máis clara posible. O concelleiro lembrou, ademais, que a empresa municipal Tussa está á disposición de todos os veciños e veciñas para explicar calquera cuestión relacionada co servizo de transporte e calquera dúbida pode ser consultada a través do mail mobilidade@tussa.gal.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%