AD

Actualidad

Primeiro ano de mandato en Ames: “Somos un goberno en minoría, pero valente e responsable»

today19 junio, 2024

Fondo
share close
AD

📷 Entrevista a Blas Garcia, alcalde de Ames | Arquivo RLS

O voceiro do grupo de goberno, Víctor Fernández, que destacou “este primeiro ano de mandato foron 366 días de intenso traballo. A valoración política que facemos desde o goberno é moi positiva, tanto en termos de xestión como de acción política

O alcalde, Blas García, fixo un repaso do traballo realizado durante o último ano nas diversas áreas municipais. Quixo tamén falar da política fiscal municipal: “Somos un goberno en minoría, pero somos un goberno valente e responsable. Temos que revisar os prezos dos servizos complementarios de educación sobre todo os do servizo de comedores escolares que levan sen revisar dende o ano 2012”

Ames, 19 de xuño de 2024.- O salón de plenos da Casa do Concello acolleu hoxe ás 13.00 hora unha rolda de prensa na que o Goberno municipal fixo balance do primeiro ano de mandato. Estiveron presentes o alcalde e mailos sete concelleiros e concelleiras que forman o executivo local. Interviron o rexedor municipal, Blas García, e mailo voceiro do grupo de goberno municipal, Víctor Fernández. Na súa intervención o alcalde falou do traballo realizado nas áreas de cultura; normalización lingüística; turismo; axenda urbana; servizos económicos; deportes; promoción da saúde; urbanismo; administración xeral; mobilidade; promoción económica; obras e servizos básicos; benestar social, igualdade e voluntariado; educación; mocidade; medio natural, atención ao rural, transparencia e patrimonio. Ademais, púxose en valor a creación da Entidade Pública Empresarial Augas de Ames, así como o inicio dos traballos previos ás obras de humanización da avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro. Tamén destacou  o diálogo manido coa Xunta de Galicia para a posta en marcha dun novo polígono empresarial en Bertamiráns, para a creación de vivenda pública e maila defensa do monte. Coa Deputación da Coruña chegouse a acordos para o financiamento do Ames AV LAB con 160.000 euros e tratarase de que a entidade provincial achegue 700.000 euros para o Mercado municipal de Ames.

A rolda de prensa comezou coa intervención do voceiro do grupo  de goberno municipal, Víctor Fernández, que destacou “este primeiro ano de mandato foron 366 días de intenso traballo. A valoración política que facemos desde o goberno é moi positiva, tanto en termos de xestión como de acción política. Foron 12 meses de absoluta e completa estabilidade política, un elemento de gran importancia para facer calquera análise da xestión deste ano. Doce meses de estabilidade dun modelo xa consolidado, ese modelo de gobernanza en minoría, cun goberno que, con 8 concelleiros/as, foi quen de manter a liña dos últimos anos, de aposta por unha política social”.

Víctor Fernández engadiu «esta estabilidade permitiu consolidar todas esas políticas que xa se viñan facendo nos últimos anos, polo que seguimos sendo un goberno referente en políticas sociais en todas as áreas de goberno. Ademais, non só se consolidaron senón que se impulsaron novas iniciativas e proxectos que se traduciron nunha mellora da calidade de vida da veciñanza. Tamén é preciso destacar que, aínda sendo un goberno en minoría, este foi o segundo ano que máis rápido se aprobaron os presupostos municipais, o que amosa a capacidade de interlocución e negociación con todos os grupos políticos, poñendo por riba sempre ao noso concello e os seus veciños e veciñas. Somos un concello que avanzamos, tanto no cuantitativo como no cualitativo. Foi un ano moi positivo, de estabilidade e impulso do Concello de Ames”.

Cultura, normalización, Turismo e axenda urbana

A continuación, o alcalde, Blas García, fixo un repaso do traballo realizado durante o último ano nas diversas áreas municipais. Deste xeito comezou pola área de cultura na que incidiu en que ao longo deste último ano impulsouse o apoio ás asociacións municipais coa aprobación da concesión de axudas directas ás comisións de festas e o anticipo do 50% das subvencións ás asociacións. Ademais, dentro da programación cultural consolidáronse citas como o MillaRock, o Ames Jazz ou o festival Cinema Miúdo, e puxéronse en marcha novas iniciativas como o ciclo de Cine Clásico (con máis de cen asistentes) ou o Ciclo de Monólogos (con case mil asistentes).

A promoción e impulso do uso da lingua galega foi unha das prioridades do departamento de Normalización Lingüística, como demostra a blindaxe do “Modo Galego, Actívao!” por parte do Concello e a Real Academia Galega, un proxecto de promoción da lingua galega no que participaron máis de tres mil alumnos e que terá continuidade ata o ano 2026. Outra das actuacións destacadas foi a posta en marcha dunha oficina de turismo da que se beneficiaron un total de 255 persoas dende o 15 de xullo ata o 15 de setembro. De cara a este verán, ampliouse tanto a cobertura como o período de funcionamento (do 15 de xuño ao 15 de setembro).

No relativo a Axenda Urbana, esta foi elaborada en colaboración cos distintos axentes sociais do concello e foi aprobada por unanimidade no pleno extraordinario do pasado 13 de xuño. Este documento, que naceu dun proceso participativo, marcará a estratexia e as accións a levar a cabo ata 2030, para facer de Ames un concello de convivencia amable, acolledor e máis saudable.

Servizos económicos, deportes e promoción da saúde

O pasado mes de febreiro aprobouse definitivamente o orzamento xeral do Concello para o exercicio 2024, que ascendeu a 32.568.424,74 euros, medrando en 2.843.117,97 euros respecto do anterior orzamento de 2023.

En canto á área de deportes, neste último ano impulsáronse obras de mellora nas distintas infraestruturas deportivas do concello, e construíronse novos espazos como o parque de calistenia do paseo fluvial de Bertamiráns ou o centro de lanzamento homologado para atletismo en Ventín. Este bloque pechou coa posta en valor do plan municipal de saúde mental impulsado deste o departamento de promoción da saúde, un proxecto pioneiro que pon o foco nas persoas maiores e nos adolescentes e que non só inclúe accións de apoio e seguimento, senón tamén un plan de formación para o persoal municipal.

Urbanismo, administración xeral e mobilidade

A creación de vivenda foi un dos eixos centrais do departamento de Urbanismo. Actualmente, estase a negociar coa Xunta de Galicia a cesión de seis parcelas no Milladoiro para a creación de vivenda de protección pública. En total cederíanse 5.338 metros cadrados de terreo urbanizable nos que se poden construír 213 vivendas.

Ademais, concluíron as obras da améndoa central de Bertamiráns e estanse a levar a cabo os traballos previos ás obras de humanización da contorna das rúas Madalena, Estivada de Castelao e das Camelias, integrando a praza da Madalena, o parque de Estivada de Castelao e mailos espazos públicos que lindan coas mesmas. O principal obxectivo do proxecto é buscar un deseño que sexa comprensible, utilizable e accesible por todos os usuarios, garantindo a súa seguridade e comodidade.

Outra das actuacións destacadas foi a execución do Plan de estabilización municipal, que permitiu regularizar máis de 110 prazas en distintos departamentos municipais nun total de sete procesos de promoción interna, feito que nunca sucedera no Concello de Ames. No ámbito de mobilidade, o máis destacado foi o proxecto de reordenación do tráfico no polígono Novo Milladoiro, que conta cun orzamento de arredor de 175.000 euros e que servirá para reordenar a circulación e incrementar as prazas de estacionamento.

Promoción Económica, emprendemento e atención e participación veciñal

Esta Concellería desenvolveu importantes programas para a dinamización do comercio local de Ames como a campaña “Bonos Consuma”, á que se adheriron un total de 108 establecementos e que tivo un impacto económico de 260.000 euros. En canto a formación e inclusión laboral o Concello realizou unha forte aposta para formar e integrar no mercado laboral á veciñanza de Ames que máis dificultades poida ter á hora de acceder a el. Mediante obradoiros como o Ames Emprega e Integra, 72 das 580 persoas participantes (o 75% mulleres) foron contratadas durante o programa de formación.

Tamén destaca a posta en marcha do AMES AV LAB, o laboratorio para o impulso da nova produción audiovisual, o fomento do talento emerxente e a dinamización do tecido produtivo audiovisual do Concello de Ames. Cun orzamento de 200.000 euros, actualmente forman parte deste laboratorio 15 proxectos.

Creación da EPEL de Ames

No apartado de obras e servizos básicos destaca a xestión do plan Ames Progresa e do Plan de Obras da Deputación da Coruña cun investimento de máis de 6 millóns e euros, dos cales o 60% executouse no rural e o 40% nos núcleos urbanos. Ademais, dentro desta área destaca a posta en marcha da Entidade Pública Empresarial Augas de Ames. Neste senso o alcalde dixo que un dos obxectivos deste mandato é iniciar os traballos para levar a rede de abastecemento a todos os núcleos do rural, que non dispoñen deste servizo, e que a localidade do Milladoiro e maila súa contorna se poida abastecer a través da captación que facemos do río Tambre.

Na área de benestar social, igualdade e voluntariado destaca o incremento de 15 prazas no programa Xantar na Casa; a posta en marcha do Club de mocidade con diversidade e do novo programa de conciliación para a mocidade con diversidade; así como o programa de voluntariado Fai Tribo, que permitiu sumar novos voluntarios/as.

Departamentos de educación, mocidade e medio ambiente

No departamento de educación, unha das áreas con máis peso do Concello de Ames, destacan os servizos complementarios (Bos Días, Comedores Escolares e Tardes Divertidas) con 1.500 usuarios/as, e os programa lúdicos dos que se benefician unhas 1.300 familias. Tamén se fixo un investimento de 69.000 euros en melloras nos distintos centros educativos. Ademais, estase tramitando a licitación da cociña central que dispón dun orzamento base 324.300 euros e está previsto que proximamente se licite o mantemento das instalacións educativas, a subministración de alimentos para os programas de conciliación e a web de conciliames.

Na área de mocidade creouse o club xuvenil, que conta con 15 mozos/as inscritos/as, e na Factoría, que conta con 14 grupos, realizouse un investimento de 18.000 euros para executar diversas melloras nas súas instalacións e contar con novo equipamento. Ademais, estase tramitando a aprobación do regulamento de uso da Factoría.

Por último, no departamento de medio natural, atención ao rural, transparencia e patrimonio destacan varias actuacións relativas á xestión subsidiaria da biomasa coa reactivación da limpeza subsidiaria de parcelas da rede de faixas secundarias tras catro anos de parálise; e maila notificación masiva aos propietarios de ditas fincas. En canto ao benestar animal procedeuse á tramitación para licitar o servizo e canceira e lacería; acondicionamento dos parque caninos e mellora das colonias felinas. No programa de plantación continúase coa loita contra os lumes forestais coa plantación de árbores autóctonas ampliando o programa a Cruxeiras.

Ademais, para a posta en marcha das comunidades enerxéticas mantivéronse xuntanzas coa veciñanza para a creación da primeira comunidade enerxética. Tamén se traballa na posta en marcha da aldea modelo de Ferreiros. No apartado de transparencia o obxectivo é manter o primeiro posto en transparencia e mellorar neste apartado dando espazo na web municipal aos grupos políticos da Corporación municipal.

Política fiscal municipal

O alcalde quixo tamén falar da política fiscal municipal. “Somos un goberno en minoría, pero somos un goberno valente e responsable. Temos claro que se queremos manter o nivel dos servizos que prestamos no Concello de Ames, temos que tocar a política fiscal municipal. Iso quere dicir que teremos que tocar os prezos dalgúns dos servizos que se prestan para manter a súa calidade. Imos a revisar os prezos das escolas deportivas municipais, algo que nos levan solicitando os clubs deportivos do concello. Ademais, temos que revisar os prezos dos servizos complementarios de educación sobre todo os do servizo de comedores escolares que levan sen revisar dende o ano 2012. Dende ese momento non se tocaron os prezos dos comedores escolares. Todos sabemos o que subiu o IPC e o que subiron os salarios, polo que se queremos seguir ofrecendo a calidade dos menús dos comedores, temos que adaptar os prezos en función da subida do IPC. Neste sentido o que queremos facer é algo moi sinxelo, que paguen máis os que máis gañan”.

“Tamén teremos que revisar a taxa do lixo (todos os concellos de Galicia teñen que facelo), debido á normativa que se vai comezar a aplicar en abril de 2025, onde hai que pagar en función do que se aporta, para que o servizo de lixo non dea perdas. A nós o que nos toca é ser valentes. Imos a intentar seguir contando coa colaboración dos grupos da oposición que queiran ser responsables”.

Momentos complicados

Por último, Blas García tamén quixo resaltar dous momento complicados que viviu o goberno municipal durante o primeiro ano de mandato. “O primeiro foi o do brote de norovirus que sufrimos na semana das Letras Galegas, que foi un momento moi difícil. Tanto a concelleira de Educación coma eu mantivemos contacto con todos os colectivos implicados e coa Xunta de Galicia para resolver este tema. Finalmente a Dirección Xeral de Saúde Pública mediante un comunicado dixo que non era un problema de alimentos dos comedores escolares, senón que era un norovirus que se propagou entre o alumnado e as súas familias”.

“Outro dos momento complicados foi os desacordos mantidos coas ANPAS municipais. Trataremos de arranxar ditas diferencias. Dende este goberno e especialmente dende a Concellaría de Educación e a Alcaldía existe boa disposición para arranxar ditas diferencias. A próxima semana celebraremos un Consello Municipal Escolar, onde imos  a tratar temas moi importantes, e onde a disposición pola nosa parte é total para chegar acordos”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%