Actualidad

Boqueixón duplica en seis meses os peregrinos que se aloxaron no pavillón de Lestedo en 2023

today11 julio, 2024

Fondo
  • Coincidindo coa visita dun grupo de 178 peregrinos, o alcalde salienta o positivo impacto do Camiño na economía local: “8 de cada 10 volven como turistas”

Boqueixón, 11 de xullo de 2024.- Un grupo de 178 peregrinos da Fundación Educativa Escolapias chegou este mediodía a Boqueixón, onde pasarán o día e se aloxarán no pavillón municipal de Lestedo. Un grupo que está facendo o Camiño de Inverno e que reúne a mozos e mozas de colexios de Madrid, Barcelona, País Vasco, Córdoba e Valencia.

A rapazada foi recibida polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, quen os acompañou no último tramo do camiño ata o pavillón de Lestedo, onde durmirán esta noite. Rodeiro Tato puxo en valor o positivo impacto que ten o Camiño de Santiago no desenvolvemento da economía local.

Importancia do Camiño

“O Camiño é un motor turístico importantísimo e en Boqueixón temos a sorte de contar con tramos do Camiño de Inverno, da Vía da Prata e do Camiño Miñoto Ribeiro, que o ano pasado trouxeron a máis de 10.000 peregrinos ao noso municipio”, explica Ovidio Rodeiro, quen destaca que “o maior gasto que fan os peregrinos, e ao que dedican máis do 60% do seu presuposto, é en comer e beber. E, ademais, prefiren consumir sempre produtos locais, o que supón riqueza para a hostalería e negocios locais dos nosos veciños e veciñas”.

Ademais, os estudos din que oito de cada dez persoas que fan o Camiño volven en calidade de turistas e catro de cada dez realizan algunha outra ruta xacobea. Isto supón un dobre beneficio para a economía local. “Un bo exemplo témolo hoxe con estes amigos das escolas escolapias de Madrid, Barcelona, País Vasco, Córdoba e Valencia, que xa estiveran connosco no 2019 cando percorreron a Vía da Prata e que hoxe volven a Boqueixón polo Camiño de Inverno”, apunta o alcalde de Boqueixón.

Crecemento dos peregrinos

A todo isto, engádese o significativo incremento no número de peregrinos que pasaron por Boqueixón neste ano 2024 con respecto a 2023. Segundo os datos que manexa o Concello, a día de hoxe duplicouse xa o número de peregrinos aloxados no pavillón municipal de Lestedo en todo o ano pasado.

Así mesmo, obsérvase un incremento de case o 10% no número de peregrinos en comparación cos seis primeiros meses de 2023. Así, a día de hoxe xa pasaron por Boqueixón 5.777 peregrinos, dos que practicamente o 80% procede da Vía da Prata.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%