AD

Destacado

Santiago creará unha cociña central nunha nave municipal para atender aos comedores escolares

today19 septiembre, 2024

Fondo
share close
AD

 

19/09/2024 Míriam Louzao presenta o informe para o proxecto dunha cociña centralizada ao Consello Municipal de Educación e explica a planificación para mellorar os espazos dos comedores, para facelos máis amigables para as crianzas.

A concelleira Míriam Louzao, presidiu este xoves o Consello Municipal de Educación, o primeiro do curso escolar 2024-2025, coa presenza como convidadas das persoas que representan os grupos políticos da Corporación, tal e como se acordou na xuntanza de constitución en xuño en consonancia co compromiso do Goberno que preside Goretti Sanmartín coa participación e a transparencia.

Na reunión que tivo lugar no Auditorio de Galicia, Míriam Louzao deu conta da relación de actuacións realizadas nos CEIP do concello ao longo do verán, unha documentación que xa foi remitida con anterioridade a esta xuntanza ás persoas integrantes do Consello. «Sabemos que segue habendo necesidades e, por iso, continuaremos facendo actuacións de mantemento ordinario no que queda de ano», destacou a concelleira.

Nesta liña, quixo anunciar as actuacións que se levarán adiante nas próximas semanas e meses como son o acondicionamento das parcelas próximas ao CEIP Quiroga Palacios e Ramón Cabanillas para a creación de máis prazas de aparcamento e a mellora do acondicionamento acústico do comedor escolar do CEIP Apóstolo Santiago.

Na súa intervención, tamén debullou a situación escolar e anunciou a previsión de iniciar os traballos de actualización do mapa escolar municipal, que o departamento que dirixe considera «prioritario para analizar os fluxos demográficos a ter en conta na planificación non só de potenciais novos centros de ensino, senón tamén como ferramenta de apoio na análise e planificación da mobilidade e no fortalecemento dos camiños seguros aos colexios e institutos do noso concello».

Proxecto cociña

Míriam Louzao indicou que os traballos previos á definición do proxecto piloto para cambiar o modelo de comedores escolares consistiron na elaboración dun estudo técnico para valorar as instalacións dos centros educativos que axudase a determinar o estado e a viabilidade de instalación da cociña dun deles.

A intención do Goberno local é un «novo modelo que teña como referencia a aposta polo produto local e o quilómetro cero» e que «se sustente nun verdadeiro plan pedagóxico municipal». Como indica o propio informe, que foi remitido ás persoas integrantes do consello con anterioridade a este encontro, o estudo considera que «ningún dos CEIP do municipio cumpre coas características precisas respecto da dimensión e accesibilidade».

Así, anunciou a intención de «construír unha cocina central nunha nave de titularidade municipal». «Con esta decisión, queremos deixar claro o noso compromiso co cambio de modelo de comedores escolares», enfatizou.
Tamén avanzou que, ao longo de 2025, o Goberno local prevé realizar un diagnóstico de necesidades dos espazos de comedores e de mellora da accesibilidade, para introducir actuacións que nos permitan eliminar barreiras e homoxeneizar os espazos e a experiencia pedagóxica do tempo de comedor», co fin de que sexan espazos máis amigables coas crianzas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%