Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 enero, 2025
Noia, 27 de xaneiro de 2025- O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, celebrará a súa duodécima edición este verán. Os días 30 e 31 de xullo, e 1 e 2 de agosto, a programación do único evento no noroeste peninsular dedicado a este instrumento regresará os espazos máis emblemáticos da localidade coruñesa.
O Noia Harp Fest, dirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, -e que conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, ademais da colaboración da Deputación da Coruña-, é unha cita impresincible do calendario musical do verán para todas aquelas amantes da arpa así como da diversidade artística; pois o evento reúne cada tempada numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes. O fío condutor do festival é a interpretación a través da arpa, polo que durante unhas xornadas o público pode descubrir desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda, chegadas de países como Francia, Irlanda, Lituania, Paraguai, Polonia, Senegal ou Ucraína, e por suposto desde o territorio galego: precisamente o Noia Harp Fest é o evento que acolle, desde 2023, o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición.
Outra iniciativa tamén promovida polo Noia Harp Fest, e que neste caso conta co apoio específico do Concello de Noia, é a convocatoria do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador que pretende ampliar o repertorio actual de obras para arpa e orquestra. A súa terceira edición, aberta até o pasado 23 de decembro a creadoras e creadores de calquera nacionalidade, recibiu un total de 11 propostas orixinais chegadas de Alemaña, Arxentina, Austria, Colombia, España, Estados Unidos, Finlandia, Israel e Italia.
O galardón, que conleva unha achega económica de 2.500 euros, suporá tamén a estrea da propia obra da man do NHF. Un xurado especializado, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa -así como da orquestración-; a coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Por último, o tribunal valorará de forma positiva aquelas obras con referencias á música ou á cultura galega. O fallo do xurado terá lugar o 13 de febreiro.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)