Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 marzo, 2025
• Maggie O’Farell: “Este premio anima os lectores máis novos a coller libros e arredarse das pantallas e os móbiles; é unha patada ás grandes corporacións que buscan reconfigurar os nosos cerebros con todas estas pantallas”.
• Riveiro Coello afirmou “sentirse realmente afortunado” por recibir este premio que entrega un público lector “non contaminado, coa mirada libre de prexuízos” como é o público adolescente. Zambra, pola súa banda, salientou a “alegría abrumadora” que o enche conseguir este galardón.
• O Auditorio do IES Rosalía de Castro acollerá ás 18.00 horas o acto de entrega do Premio San Clemente, ao que asistirán a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2025-. Os tres gañadores do XXVIII Premio San Clemente, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, mantiveron ao longo desta mañá encontros co alumnado dos dez centros implicados nesta edición do galardón e ofreceron unha rolda de prensa conxunta ante os medios. Maggie O’Farrell (Coleraine, Irlanda do Norte, 1972), Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) e Alejandro Zambra (Santiago de Chile, 1975) coincidiron en poñer en valor a singularidade deste galardón que outorgan xurados integrados exclusivamente por alumnos e alumnas.
Maggie O’Farrell, quen gañou o Premio San Clemente na modalidade internacional pola súa obra El retrado de casada (Libros del Asteroide), sinalou que ao saber que acadara este premio se sentira “moi nerviosa” porque ten fillas adolescentes e sabe que “poden chegar a ser moi críticas”. Pero ao pasar o día no IES Rosalía de Castro notou a boa recepción da rapazada. O’Farrell, ademais, resaltou como unha das fortalezas do Premio San Clemente que sexa un premio que “escoita as opinións dos lectores novos”. “É un galardón que anima a adolescentes a achegarse á lectura e abandonar os móbiles, as pantallas. É unha patada ás grandes corporacións, que con todas estas pantallas buscan reconfigurar os nosos cerebros”, reflexionou a escritora antes de lembrar a influencia que tivera na súa vida e na súa traxectoria “un profesor no instituto”. “Sentinme moi inspirada por el e axudou en gran medida que eu sexa escritora”, rematou para enxalzar o traballo dos equipos educativos.
Pola súa banda, Antón Riveiro Coello -gañador da modalidade en lingua galega coa obra Hotel Carioca (Editorial Galaxia)- recoñeceu sentirse “realmente afortunado” por recibir este premio, do que foi finalista xa en 2003. Coello sinalou que se sentía “moi próximo á literatura de Zambra e de O’Farrell” antes de poñer o foco sobre o alumnado. “Síntome moi orgulloso de pertencer a nómina de autores e autoras que conseguiron este premio, que entregan xurados cunha mirada non contaminada e libre de prexuízos, unha mirada tan inocente como a que podiamos ter nós aos 16 ou 17 anos”, concluíu o autor de Hotel Carioca.
Zambra, pola súa banda, admitiu que sentía unha “alegría abrumadora” e “moita felicidade” por conseguir este galardón que permite “dialogar entre xeracións”. O escritor chileno, premiado por Literatura Infantil (Anagrama), no apartado de literatura en castelán, sinalou que á hora de escribir o seu libro pensou “nun lector moi novo: o meu fillo, que agora fixo sete anos”. Zambra puxo de manifesto que cando escribe, polo xeral, non pensa nun público concreto, pero que estar hoxe no IES Rosalía de Castro coa rapazada só pode dicir que sente un “entusiasmo” especial por “estar en contacto con lectores inesperados”.
Os tres premiados co San Clemente deste 2025 ofreceron a rolda de prensa na compaña da directora do centro Gemma Paredes, que definiu a xornada de hoxe como “un día moi especial para o alumnado e o profesorado” dos seis centros galegos, un madrileño e tres estranxeiros que participaron nesta edición. Paredes, ademais, lembrou que o Premio San Clemente fai neste 2025 trinta anos de vida, malia que se está a celebrar a 28ª edición. “A pandemia implicou un parón de dous anos, pero aquí seguimos e aquí seguiremos”. Por parte do xurado falou o alumno Lois Docampo, que definiu os tres títulos premiados como “obras magníficas”.
Os tres novelistas únense hoxe á listaxe de escritores e escritoras premiadas por este prestixioso galardón. Unha listaxe que inclúe nomes como os de Paul Auster, Haruki Murakami, Antonio Tabucchi, Almudena Grandes, Manuel Rivas, Sica Romero, Brenda Navarro, María Reimóndez, Mario Vargas Llosa, José Saramago ou a máis recente Nobel de Literatura, a coreana Han Kang, que se fixo co San Clemente en 2018.
No Premio San Clemente de Novela, é o alumnado de diferentes centros educativos quen actúa de xurado. Nesta 28ª edición, os institutos participantes son os seguintes: IES Rosalía de Castro (Santiago), IES do Sar (Santiago), IES de Brión (Brión, A Coruña), IES Aquis Celenis (Caldas de Reis, Pontevedra), IES Gregorio Fernández (Sarria, Lugo), IES Universidade Laboral (Ourense) e IES Ramiro de Maetzu (Madrid). Tamén participan estudantes do Lycée Santi François Xavier de Vannes (Francia), do Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña) e o Hockerill Anglo European College (Reino Unido).
Novela gañadora en lingua galega.
Hotel Carioca, de Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) editado por Galaxia. En 1982, Helena ten 13 anos e os domingos lelle á avoa as cartas que envía o seu tío favorito, Leandro, que marchou ao Brasil para non volver. Un día chega a noticia de que Leandro morreu. A familia sospeita que foi asasinado e encárgalle unha complexa misión a Helena: manter a ficción de que Leandro segue con vida para que a avoa non saiba a verdade.
O xurado destacou o pasado mes de outubro no seu ditame “a maxistral construción” de Hotel Carioca para ensamblar “distintas tramas en distintas épocas” e a súa “variedade temática”, na que se abranguen asuntos universais como “a emigración, a familia ou a homosexualidade”.
Novela gañadora en lingua castelán
Literatura infantil, de Alejandro Zambra (Santiago de Chile, 1975), editada por Anagrama. Diario de paternidade, carta ao fillo e ficción pura conviven en extraordinaria harmonía ao longo deste libro. O xurado salientou a “universalidade temática”, a “sinxeleza da narración e o seu dinamismo”, así como tamén “a reflexión que achega sobre a educación e o sentimento de ser pai”.
Novela gañadora no apartado Internacional
El retrato de casada, de Maggie O’Farrell (Coleraine, Irlanda do Norte, 1972) editado por Libros del Asteroide. Florencia, século XVI. Lucrezia, terceira filla de Cosimo de Medici, vese na obriga de casar co prometido da súa irmá falecida, Alfonso D’Este, primoxénito do duque de Ferrara. Trasládase a corte de Ferrara e o único que está claro para a protagonista é o que se espera dela: que proporcione axiña un herdeiro ao título.
Sobre esta obra, o xurado salientou a conxugación de “dúas liñas emerxentes”, a “linguaxe poética empregada”, a ambientación histórica e “o fincapé” que se fai sobre un asunto esencial na vida: “a procura da liberdade”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)