Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 junio, 2025
A Asociación do Traxe Galego celebra tres décadas de labor ininterrompida co obxectivo de recuperar, investigar e divulgar a vestimenta tradicional de Galicia. Con motivo desta efeméride, a entidade organizou unha completa programación que inclúe unha exposición de 26 traxes antigos ―na súa maioría de coleccións privadas― e unhas xornadas divulgativas en San Martiño Pinario, en Compostela.
“Comezamos porque isto non se podía deixar esquecer, e levamos 30 anos traballando arreo”, explicaba Consuelo Vázquez, presidenta da asociación. A exposición, aberta ata o 15 de xuño, permite ver “pezas testemuño” que abranguen todas as provincias galegas, incluíndo os espectaculares traxes composteláns ou picheleiros, confeccionados con pedrería e brillantes que reflicten a riqueza dunha época.
“Non se trata de folclorizar, senón de reproducir con fidelidade histórica, baseándonos nas pezas orixinais ou en fotografías antigas”, sinala Vázquez. A presidenta tamén destacou o traballo de recuperación que están a facer, especialmente co traxe santiagués, “o máis luxoso e vistoso de Galicia”.
Durante a entrevista con Álvaro Veiga, tamén se abordou o papel simbólico do traxe. “Non estaría mal que o presidente da Xunta lucise o traxe tradicional en actos institucionais. Sería un xesto de respecto á identidade galega”, comentou Aurelio Gianzo, vicepresidente da asociación. De feito, xa nos anos 80 se confeccionaron traxes para Manuel Fraga con esa intención, hoxe custodiados polo Museo do Pobo Galego.
As xornadas inclúen faladoiros sobre ourivaría tradicional, a diversidade dos traxes por provincias, o uso nos coros e no entroido, e rematarán cunha mesa redonda arredor do traxe galego. Todo con acceso libre e gratuíto.
A asociación tamén aproveitou a ocasión para convocar unha nova edición do Premio Antón Fraguas de investigación sobre vestimenta tradicional, cunha dotación de 3.200€ para traballos analíticos e descritivos que se poidan publicar. O prazo está aberto ata o 30 de setembro.
“Queda moito por facer, porque sen as asociacións folclóricas o traxe galego desaparecería”, alertou Vázquez. Por iso, desde a entidade fan un chamamento á participación: “É unha oportunidade única. Non sabemos cando se poderá facer outra exposición coma esta.”
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)