Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 mayo, 2024
A Baña. 17-05-2024.- A profesora Mª Jesús Álvarez Ramos recibiu esta mañá, na Casa da Cultura da Baña, o III Premio Daniel García Ramos, un galardón instituído polo Concello co gallo do Día das Letras Galegas en recoñecemento ao traballo en favor da lingua e da cultura galegas. Coa distinción deste ano recoñécese o gran labor que realizou Mª Jesús Álvarez durante os vinte anos que exerceu de mestra no CPI de San Vicente, deixando a súa impronta en varias xeracións de bañenses e guiando a súa traxectoria educativa, xa que ademais foi xefa de estudos do colexio.
“Con este premio non só se pretende recoñecer a súa traxectoria profesional, senón tamén mostrar o orgullo que sentimos de que unha bañesa, porque Chus ten sangue bañesa xa que a súa familia materna é natural de San Vicente, continúe coa profesión familiar. A súa nai e as súas cinco tías foron mestras, polo tanto forman unha saga de mulleres dedicadas ao ensino”, subliñou a tenente de alcalde, Mónica González Blanco. O acto contou tamén coa presenza do alcalde, José Antonio Pereira Gil, membros da Corporación; a directora do CPI San Vicente, Mar Sueiro; o ex alumno e agora profesor da USC Bruno Esperante; así como de moitos veciños e veciñas da Baña entre os que se encontraban excompañeiros e exalumnos da homenaxeada.
Mónica González lembrou na súa intervención o percorrido profesional da homenaxeada quen, tras licenciarse en Xeografía e Historia pola USC, traballou durante dúas décadas na Baña e na actualidade segue a desenvolver a súa actividade no IES Arcebispo Xelmírez, na modalidade de Educación para Adultos.
“Estamos aquí para celebrar que Chus pasou polas nosas vidas”, afirmou Mar Sueiro, quen insistiu en valores como o “respecto” como unha das principais ensinanzas que a homenaxeada transmitiu aos seus alumnos e alumnas durante as dúas décadas que traballou na Baña. Tamén con agarimo e veneración tomou a palabra Bruno Esperante, quen asegurou que “se hoxe son historiador é grazas a ela e a súa paciencia”. “De parte de toda a nosa xeración, Chus, moitas grazas”, transmitiulle á mestra.
Sen poder reter as bágoas, Mª Jesús Álvarez Ramos agradeceu ao Concello esta distinción e nun emotivo discurso recordou “ás mulleres da miña vida”, comezando pola súa avoa, integrantes todas dunha saga de mestras. Ademais de repasar a súa traxectoria profesional, insistiu en que na Baña completou a “etapa máis importante da miña vida”, insistiu en compartir esta distinción cos seus excompañeiros do CPI San Vicente, e amosou o seu orgullo por toda a cativada que posou pola súa aula. “O mellor agradecemento que poido recibir é o agarimo dos meus rapaces cando veño á Baña”, subliñou.
O acto, que contou con constantes alusións á celebración este venres do Día das Letras Galegas e á figura de Luisa Villalta, rematou coa actuación do alumnado da Escola de Música Tradicional da Baña que interpretou o Himno Galego diante da Casa da Cultura.
Terceira edición
Mª Jesús Álvarez Ramos é a terceira persoa que recibe o Premio Daniel García Ramos despois das distincións no ano 2022 do mestre e músico Alonso Barreiro Caxade, que exerceu na escola infantil de Lañas; e en 2023 de Emilio Lois, profesor na Escola de Música Tradicional da Baña e promotor de varios grupos como Os Campantes da Baña, os Pequenos da Baña ou as Pandereteiras da Baña.
Esta distinción homenaxea a figura de Daniel García Ramos, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e fillo predilecto da Baña, unha figura que destacou polo emprego do galego nos procedementos xudiciais e pola defensa do rural.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)