AD

Comercio

A campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” terá continuidade en 2025

today18 diciembre, 2024

Fondo
share close
AD

A campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, na que colaborou a concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, foi impulsada por unha ducia de comerciantes, todas elas mulleres, que quixeron establecer vías de colaboración con diferentes entidades sociais. Cada mes de 2024, a iniciativa estivo protagonizada por un establecemento, que difundiu unha causa social concreta a través de actividades como exposicións, charlas ou obradoiros. Os once comercios restantes foron informando de cada causa, para darlle maior visibilidade e favorecer o fluxo de clientela.

Na súa intervención, a alcaldesa reivindicou “un Santiago que é capital das compras, grazas ao pequeno comercio e ás persoas que están detrás desas tendas e que nos coñecen, saben o que precisamos, e mesmo nos gardan aqueles produtos que pensan que imos querer antes de que os pidamos”. Goretti Sanmartín puxo en valor que “o comercio de proximidade é o reflexo da sociedade que queremos” e reiterou o compromiso do Concello con este sector.

Na mesma liña, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude mostrou o seu orgullo “polo tecido comercial que temos en Santiago, que nesta campaña demostrou que á súa calidade suma a súa conciencia social e o seu compromiso coas causas xustas”. María Rozas salientou que “esta iniciativa naceu das propias comerciantes, todas elas mulleres, que tiraron de esforzo e traballo para facer grande unha campaña con medios limitados pero con moita ilusión”. A tenenta de alcaldesa anunciou que o Concello manterá o seu apoio para facer posible unha nova edición de “12 Comercios, 12 Sensibilidades” en 2025.

No acto interviron Vanessa Alvite, en representación das comerciantes que participaron no programa, e María Paz, de Solidariedade Internacional Galicia, en nome das entidades sociais colaboradoras.

Desenvolvemento da campaña

O programa, coordinado por Carmen Díaz, comezou en xaneiro, coa tenda online de artesanía e antigüidades 1 Águila Atlántica que deu a coñecer o traballo da Fundación Pictoaplicaciones orientado a persoas con Trastorno do Espectro Autista ou con outro tipo de trastornos na comunicación e linguaxe oral. E febreiro, a xoiaría José Antonio colaborou con Solidariedade Internacional de Galicia; en marzo a tenda Naf Naf Santiago difundiu a actividade do programa Vagalume de axuda ás mulleres en situación de prostitución; e en abril o Centro Deportivo Atmósfera puxo en valor o traballo da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple. En maio, Papelería Xaquín colaborou con AGADEA, a Asociación galega de axuda aos enfermos con demencia tipo Alzheimer; xuño foi o mes da colaboración entre La Tienda de María e a Asociación Galega de Familias de Acollida, Acougo; en xullo o Mercado Galego da Creatividade difundiu o traballo de Avante, a Asociación de Persoas con Discapacidade de Val do Dubra; e en agosto a tenda de cosmética natural Maravalla deu a coñecer o traballo do Refuxio de Bando.

Xa en setembro, o programa “12 Comercios, 12 Sensibilidades” chegou a Cousas do Campo, que colaborou con Daqui darrederee, unha entidade cooperativa de Brión; outubro foi o mes da xoguetería Escondi-T, a favor da Obra Social de Pediatría; en novembro, María Brey Diseño e Interiorismo traballou en prol da Cociña Económica; e o programa péchase neste mes de decembro coa tenda Quenlla SCQ, en favor de Las Olvidadas, un proxecto para achegar a literatura a mulleres presas en diferentes cárceres.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%