Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 julio, 2024
Compostela, 23 de xullo de 2024. “Este ano ás viticultoras vainos saír custoso o quilo de uva porque hai menos produción”, afirma Cristina Carrera, viticultora da zona do Condado. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) estiman que existe unha baixada de produción respecto da colleita do ano pasado de arredor dun 25%-30%, un descenso ocasionado polo menor nacemento de uva con respecto á campaña anterior; por mor da climatoloxía e das precipitacións, que fixeron que se producira moito corremento nos acios; e favoreceron os numerosos ataques do mildio (enfermidade criptogámica das plantas que ataca especialmente a viña e se manifesta pola aparición de manchas nos órganos afectados -follas, flores e froitos-), sobre todo o larvado, que dende principios do mes de xuño atacou fortemente os acios provocando a perda da colleita ao respecto das previsións iniciais.
“Ademais de nacer menos uva este ano tivemos que realizar máis controis fitosanitarios, xa que houbo moito mildio e ao ser o inverno e a primavera chuviosos obrigounos a facer diversos coidados”, admite Carrera, que ademais de viticultora tamén visita e asesora viñas e está ao tanto da problemática existente. “Por outra banda a floración este ano foi moi mala. Había moita humidade e as temperaturas moi baixas e iso fixo que os acios fosen máis pequenos e pesen menos. Xunto a iso, tivemos que desbrozar continuamente as parcelas porque hai moita vexetación e a mesmo tempo facer labores frecuentes de despunte, problemas para todo. Logo tamén tivemos que contratar xente para sacar folla, e así conseguir airear os acios para que entraran ben os tratamentos e conseguir que frearan os ataques de mildio que houbo”, insiste.
Todos estes factores motivaron que as viticultoras e os viticultores das Rías Baixas tiveran que afrontar máis gastos para conservar a colleita e máis gastos en man de obra, á vez que se incrementaron os prezos das aplicacións fitosanitarias e da maquinaria.
Por estas circunstancias, dende o Sindicato labrego Galego-Comisións Labregas solicitamos que, habendo menos colleita e tendo en conta a boa situación do mercado, o prezo da uva que se lle paga ás persoas produtoras siga manténdose ou incluso aumente por mor da problemática que atravesan as viticultoras e viticultores. Ademais constatamos que existe demanda por parte das adegas para a compra de uva, xa que o mercado segue na alza, sobre todo na venda de viño branco, e necesítase a colleita para manter o mercado e incluso despois do incremento de prezo na botella de viño branco.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)