AD

Actualidad

A productora CTV cumpre 40 anos: De Supemartes a Land Rober pasando por Pratos Combinados

today14 enero, 2025

Fondo
share close
AD
  • Supermartes, Land Rober, Pratos Combinados, Libro de Familia ou O sabor das margaridas, a televisión que conquistou e conquista a espectadores dentro e fóra das nosas fronteiras
  • A produtora dispón de máis de 12.000 metros cadrados nas súas instalacións de Teo (Santiago de Compostela) onde traballan máis de 80 profesionais

A produtora CTV cumpre 40 anos encadeando éxitos de audiencia no prime time da TVG e exportando o galego, grazas as súas series dispoñibles en plataformas internacionais como Max ou Netflix. CTV naceu en 1985, seis meses antes que a CRTVG, coa que tivo unha estreita relación desde os inicios.

CTV é unha das primeiras produtoras do país e ten unhas instalacións que son das máis amplas do sector, cuns 12.000 metros cadrados onde traballan máis de 80 profesionais. A produtora é unha lanzadeira de talentos e deu a coñecer a rostros televisivos moi populares como Xosé Manuel Piñeiro –SuperPiñeiro–, Roberto Vilar, Xosé A. Touriñán, Teté Delgado, Manuel Manquiña ou Boris Izaguirre.

A produtora marcou a historia da televisión galega porque produciu series e programas tan coñecidos como Pratos Combinados, Pepe O Inglés, Efectos secundarios, Land Rober Tunai Show, Libro de familia, O Nordés ou a serie infantil As Aventuras de Minchi. CTV tamén foi  pioneira no eido da dobraxe ao galego de series que marcaron xeracións como Dallas, Arriba e Abaixo ou A Nanny.

Sobre a traxectoria da produtora, o seu fundador, Ghaleb Jaber Ibrahim, comenta que CTV naceu como unha empresa de dobraxe que despois foi crecendo co respaldo familiar e de varios socios externos. “Cunha antena parabólica, situada no Hotel Araguaney, comezamos a dar os partidos da Champions League e xente de toda España viña ver estes encontros”, lembra.

O empresario explica que primeiramente os estudios de dobraxe situáronse nos camerinos da discoteca Casting  para máis tarde asentarse nas oficinas da Praza de Vigo. Igualmente, destaca que o primeiro estudio de produción estivo na rúa República do Salvador, e para poder crecer decidiuse dar o paso a San Marcos, pero por problemas coa administración local este proxecto non fraguou, polo que se apostou por construír a sede de CTV en Montouto (Teo). “Os primeiros quince anos foron moi difíciles, tivemos que preparar e formar eficientemente aos dobradores. Navegamos contracorrente, pero conseguimos dobrar series como Dallas ou Magnum con moita calidade”, manifesta.

Entre as miles de anécdotas, o fundador recorda especialmente a saída do concurso Noite Meiga para TVG, que xa se gravaba no plató 1000 de Montouto. A pesar das dificultades para arrincar e diferentes problemas cos seus directores, Jaber Ibrahim decidiu tomar as rendas da dirección, con Xosé Arias na realización, para sacar adiante esta produción, mesmo facendo el de invitado nunha das seccións do programa. “Tiñamos que botarlle ganas e forza para resolver os problemas e saír. Nadábase contracorrente, non había axuda. Tras catro décadas, seguimos a traballar como empresa independente para todos os galegos e galegas”, asegura.

CTV conseguiu fitos importantes no audiovisual galego: produciu o primeiro concurso para TVG, Apúntaste a un bombardeo?; o primeiro telefilme para televisión, Novo de Parmuide; a primeira serie de televisión, feita en Galicia, Os outros feirantes, baseada na novela de Álvaro Cunqueiro na que participaron actores como Alfredo Landa, Rossy de Palma e Gabino Diego; e creou o primeiro thriller en galego para Netflix, O sabor das margaridas.

Desde hai unha década, CTV aposta pola internacionalización das súas producións con series como O sabor das margaridas (Netflix), a coprodución galego-portuguesa Motel Valkirias (HBO Max) ou Dalia, a modista. O produtor executivo de CTV, Ghaleb Jaber Martínez, explica que O sabor das margaridas foi unha serie pioneira que conseguiu situarse no top 10 de popularidade de Netflix en diferentes países como España, Reino Unido, Irlanda, Grecia, Romanía, Arxentina e Uruguai. “CTV comezou como unha empresa pioneira cando non había tecido audiovisual en Galicia, o mesmo que O sabor das margaridas que aínda hoxe en día é a única serie en galego no catálogo de Netflix”, indica. En canto ao futuro do audiovisual, destaca que o gran desafío do sector é manter a identidade das empresas no mercado actual, coa súa preocupación polo galego, sempre baixo a responsabilidade das propias compañías e as administracións públicas.

40 anos despois, CTV segue producindo os programas de maior audiencia da TVG como Land Rober Tunai Show, Luar ou Bamboleo e tamén se adapta aos novos soportes e formatos creando Ghuasapp, a primeira serie da plataforma AGalega da CRTVG. Desde os seus inicios, CTV está comprometida coa innovación e seguirá creando contidos que entreteñan ao espectador do 2025 e tamén do futuro.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *