AD

Actualidad

A USC premia a calidade lingüística de 25 traballos académicos, TFG e TFM

today18 abril, 2024

Background
share close
AD

 

 

 

Xoves, 18 de abril de 2024.- A calidade lingüística dun total de 25 traballos realizados no curso 2022-2023 foi recoñecida este xoves pola Universidade de Santiago no acto que cada ano, e xa van 20 edicións, busca fomentar unha cultura de calidade no uso do galego entre o alumnado.

Os premios á calidade lingüística dos traballos académicos, Trafallos de Fin de Grao (TFG) e Traballos de Fin de Mestrado da USC do curso 2022-2023 entregáronse nunha cerimonia que presidiu no Paraninfo da Universidade o reitor, Antonio López, e na que tamén interviñeron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, e Verónica Civeira Pérez en representación das persoas premiadas. O acto estivo amenizado coa música dun trío do Grupo Universitario da Cámara da USC.

Para Antonio López, estes premios son a mellor mostra “do compromiso e a aposta da USC por favorecer e incentivar o mellor uso da lingua en todos os ámbitos, particularmente naqueles como a docencia ou a investigación nos que, aínda que con importantes avances, temos que seguir esforzándonos”. Fiado a isto, o reitor compostelán anunciou que no vindeiro Claustro do mes de maio levarase como proposta un plan de acción en materia de normalización lingüística que abranguerá o período 2024-2026 e co que “seguiremos avanzado na normalización da nosa lingua no ámbito universitario”.

Os premios que hoxe se entregaron, que para o conselleiro son “un exemplo de coherencia e compromiso do alumnado co galego”, demostran que cada vez é maior a calidade lingüística dos traballos académicos. “No xurado -explicou Núñez Singala- experimentamos unha moi positiva evolución, sendo cada vez máis complicada a tarefa de elixir os mellores traballos entre os case 200 presentados nesta edición”. Pola súa banda, Verónica Civeira agradeceu á USC e ao seu Servizo de Normalización Lingüística a convocatoria destes premios, “que sen dúbida contribúen a que hoxe falar galego sexa algo normalizado”.

Traballos académicos

Na modalidade de traballos académicos, o xurado decidiu conceder o premio na área de Arte e Humanidades a Flor Fernández Suárez por Comentario CSM 276: “O monteiro a quen lle caeu unha campá na cabeza” e ademais oputorgou unha mención ao traballo A identidade das raíñas castelás baixomedievais a través da figura de María de Aragón, de Uxía Gestoso Cancelo.

En Ciencias da Saúde premiouse o traballo Memoria das Estancias Non Clínicas e na Administración, de Sabela Blanco Penelas, e na de Ciencias Sociais e Xurídicas o titulado O mérito e a idade como criterios morais para a distribución de recursos escasos, da autoría de Andrés Vázquez García. Nas dúas áreas restantes os premios quedaron desertos.

Traballos de fin de grao

En canto aos traballos de fin de grao, na área de Arte e Humanidades recolleron o premio ex aequo Manuel Catelao Ouzande por A deriva autoritaria nos movementos nacionalistas flamengo e ucraíno (1914-1939): Debates, dinámicas e consecuencias e Brais Costas Fragueiro por Primeira aproximación aos protocolos notariais de Johán Rodríguez (Catedral de Tui, 1413-1442). Ademais, houbo unha mención para o traballo Invisibles á vista: mulleres medievais no cinema (1900-2022), de Inés Canto González.

Tamén na área de ciencias o xurado decidiu repartir o premio ex aequo entre os TFG Verificación dosimétrica de tratamentos de radioterapia metabólica mediante detectores externos. Unha proba de concepto baseada en simulación Monte Carlo, de Pedro Otero Casal, e Síntese caracterización e estudo do comportamento in vitro de origamis de ADN: Parte B, de Beatriz Lista Lema.

Estudo clinicopatolóxico de linfomas plasmablásticos diagnosticados no HCU de Santiago, de Alexandre Rey López, foi o gañador na área de Ciencias da saúde, na que hoobo tamén unha mencvión para Prevención secundaria en doentes do sexo feminino con síndrome coronaria aguda con elevación do segmento ST (SCACEST) no noso medio. Seguimento de factores de risco cardiovascular aos 3 anos, de Xenevra Adriana Vence Nogueira.

Os premios de Ciencias Sociais e Xurídicas entregáronse ex aequo a A literatura dramática galega como recurso didáctico desde unha metodoloxía activa de aprendizaxe cooperativa, de María Gloria Queizán Fernández, e aO valor da transmisión [inter]xeracional na aula de educación infantil: unha proposta didáctica a partir de contos ilustrados, de Estefanía Bugallo Vega. Nesta área entregouse ademais unha mención ao traballo A aplicación temporal das medidas de transposición da Directiva 2014/104, de Andrés Vázquez García.

Por último, na área de Enxeñaría e Arquitectura Antonio Moscoso Sánchez recolleu o premio polo seu TFG Elaboración de novos modelos de síntese de voz para o idioma galego empregando técnicas de deep-learning. O xurado decidiu tamén outorgar unha mención a Mellora dunha contorna de desenvolvemento de aplicacións HPC-Big Data mediante a integración do sistema HDFS, de Andrea Solla Alfonsín.

Traballos de fin de mestrado

O republicanismo galego durante o Sexenio Democrático (1868-1874), de Fermín Caamaño Louro, e Diverxidade, de Andrea Maseda Prado, foron os gañadores ex auquo na categoría de TFM na área de Artes e Humanidades. EEn Ciencoias, recolleu o seu premio Javier Corral Sertal por Estudo da condutividade térmica no Fe2GeTe2, un material ferromagnético bidimensional. Nesta área recibiu tamén unha mención O traballo Síntese, caracterización e estudo coordinativo de ligandos B3-iminofosforano-Cc-fosfina-ocarborano, de Irene Vázquez Carballo.

Tamén ex aequo foi o premio na área de Ciencias da Saúde, que recaeu en Papel de FABP4 e mecanismos involucrados na cadiopatía auricular, de Xocas Vázquez Abuín, e Análise das habilidades de comunicación dos profesionais de enfermaría de atención primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, de Verónica Civeira Pérez.

En Ciencias Sociais e Xurídicas o xurado recoñeceu o traballo O movemento polos dereitos civís (1954-1968) a través dunha situación de aprendizaxe: Resultados do traballo cun grupo de 1º de Bacharelato, de Aloia Insua González, e deu unha mención a O alumnado de secundaria sen familia de referencia e en situación de tutela: a equidade educativa desde a súa perspectiva, de Pedro Carrasco Solla.

Xa por último, en Enxeñaría e Arquitectura gañou o TFM Análise tecno-económica da purificación de ácidos graxos volátiles obtidos de correntes residuais, de Hugo Quintana Álvarez.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%