AD

Actualidad

Ames aproba por unanimidade o documento definitivo da Axenda Urbana 2030

today15 junio, 2024

Fondo
share close
AD
  • A Corporación municipal aprobou por unanimidade o documento definitivo da Axenda Urbana 2030, que é o documento que marcará a estratexia e as accións a levar a cabo ata 2030, para facer de Ames un concello de convivencia amable, acolledor e máis saudable
  • Esta folla de ruta naceu como resultado dun proceso participativo no que se implicou ao persoal técnico do Concello e Ames e ao tecido asociativo do municipio co obxectivo de pulsar a súa opinión e de que achegasen propostas e suxestións de cara á redacción do documento definitivo da diagnose. Premendo nesta ligazón podes ver o vídeo do pleno extraordinario sobre a Axenda Urbana 2030

Ames, 14 de xuño de 2024.- A Corporación municipal aprobou por unanimidade o documento definitivo da Axenda Urbana 2030, que é o documento que marcará a estratexia e as accións a levar a cabo ata 2030, para facer de Ames un concello de convivencia amable, acolledor e máis saudable. Esta folla de ruta naceu como resultado dun proceso participativo no que se implicou ao persoal técnico do Concello e Ames e ao tecido asociativo do municipio co obxectivo de pulsar a súa opinión e de que achegasen propostas e suxestións de cara á redacción do documento definitivo da diagnose. A presentación da Axenda Urbana 2030 realizouse este pasado martes, 11 de xuño, no Pazo da Peregrina. Premendo nesta ligazón podes ver o vídeo do pleno extraordinario sobre a Axenda Urbana 2030.

O pleno comezou co alcalde e concelleiro de Axenda Urbana, Blas García, destacando a importancia do documento da Axenda Urbana “porque é o documento que vai a marcar o futuro do noso concello na vindeira década. Trátase dun documento que foi elaborado coa participación de distintos colectivos e asociacións municipais, as cales foron convocadas a diversas reunións e a dous foros. Este documento tamén dispón das achegas feitas polos grupos políticos da Corporación e de mesas de traballo con técnicos de urbanismo. Tamén se realizou un proceso participativo a través dunha enquisa na páxina web da Axenda Urbana. Unha vez feito dito traballo obtívose como resultado a diagnose da que se derivan seis obxectivos estratéxicos e tres obxectivos transversais. Ademais existen 14 liñas de actuación e 45 accións encadradas dentro do Plan de Acción”.

Por outra banda, explicou varios dos aspectos máis importantes que se recollen na Axenda Urbana 2030 “como poden ser a mobilidade entre os dous núcleos urbanos do concello, a través dun sistema de transporte que conecte a estes dous núcleos e ao rural; a posta en valor dos produtos de proximidade; potenciación do comercio local; atención ás persoas que máis o necesitan con formación para permitir o seu acceso ao mercado laboral; traballar cara a sostibilidade e aforro enerxético; e a nivel medioambiental preservar a nosa biodiversidade centrándonos especialmente o río Sar”.

A continuación comezou a rolda de intervencións das voceiras dos grupos municipais da Corporación. A primeira en intervir foi Luísa Feijóo, de Espazo Común, que dixo “estamos ante un documento estratéxico e un documento importante para o noso concello, xa que debuxa o Ames do futuro. É o documento que traza as liñas mestras para alcanzar un Ames máis sostible, seguro, saudable e resiliente. Tamén serve para coñecer en profundidade as necesidades do noso concello e no que se realizou unha diagnose detallada de aqueles aspectos que inflúen no desenvolvemento urbano de Ames e para o que se tiveron en conta aspectos tan importantes como a situación social, económica, do medio ambiente e da mobilidade”.

Luísa Feijóo tamén dixo “este é un documento extraordinario que marca a folla de ruta deste goberno e do vindeiro goberno, para o Ames do futuro no que todos e todas queremos vivir. Este é un documento que chega tarde, levamos perdido moito tempo. Agora faise un documento extenso e participado por imperativo legal. É un documento que esixe traballo e xestión. Recolle moitas actuacións moi demandadas pola veciñanza e que son moi necesarias. Nós imos a apoiar este documento pero tamén imos a demandar que se cumpra, que se traballe, que se xestione, e que na medida do posible, se realicen a maioría das actuacións que nel se recollen”.

A voceira do Bloque Nacionalista Galego, Escarlata Pampín, destacou “hoxe é un día importante porque se trae para a súa aprobación a Axenda 2030 que marcará o futuro do noso concello e polo tanto a calidade dos veciños e veciñas de Ames. Esta Axenda Urbana é a folla de ruta que vai a marcar a estratexia e mailas accións para facer do concello de Ames un lugar de convivencia máis amable, ordenado e saudable. A Axenda Urbana de Ames debe afrontar unha dobre oportunidade, por unha parte facilitar o planeamento para atender ás necesidades locais; e por outra parte deseñar e impulsar os seus principais proxectos urbanos para solicitar financiamento público no novo marco europeo ata o ano 2027. Resulta imprescindible adaptar as figuras de planeamento urbano, a través do PXOM ou dos correspondentes plans parciais ou especiais, e avanzar na redacción dos proxectos que vaian encamiñados a lograr financiamento propio ou en colaboración con outras administracións para pode executalos en prazo”.

Escarlata Pampín tamén falou dos retos que ten o Concello de Ames durante os vindeiros anos que segundo dixo “xiran en torno as seguintes prioridades: a necesidade dun plan territorial integrado e asumido polo conxunto de administracións que interveñen na area metropolitana; a revitalización do espazo rural no ámbito produtivo de dinamización social e posta en valor do seu patrimonio histórico. O río Sar e o río Tambre supoñen dus eixos naturais sobre os que actuar nos vindeiro anos. A construción dun sendeiro ambiental polo río Sar aportaría a conectividade necesaria para vertebrar Ames e Santiago de Compostela. Ademais, os investimentos incluídos no Plan Impulsa Ames deben ter continuidade, en particular a reurbanización de rúas e prazas centrais onde o protagonista sexa o peón fonte ao vehículo particular; e maila ampliación de percorridos urbanos seguros e sendeiros escolares, que permitan facilitar a mobilidade peonil nos desprazamentos curtos, non superiores a 15 minutos”.

A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, explicou “hoxe é un deses plenos importantes porque o que imos aprobar marcará a folla de ruta para construír entre todos e todas o Ames que queremos. Neste documento están plasmados os obxectivos estratéxicos do Ames de mañá. Un dos piares fundamentais para desenvolver o Ames do futuro pasa polo Plan Xeral de Ordenación Municipal, un documento técnico que define as distribucións e usos do noso territorio. Un novo plan xeral será o primeiro paso para ter un concello máis amigable cos nosos veciños e veciñas. Uns núcleos onde o formigón de paso ás zonas verdes e zonas de esparexemento para a nosa veciñanza”.

Oliva Agra Tamén falou da importancia de dispor “de novos espazos educativos para os nosos nenos nenas, un centro de día e cunha residencia de maiores pública, novas infraestruturas de comunicación que posibiliten a redución do uso do vehículo, vertebrar o noso concello cun transporte público municipal que una O Milladoiro e Bertamiráns e mailo rural. A Axenda Urbana é o primeiro paso para poder optar a nova convocatoria de fondos EDUSI. Esta nova convocatoria de fondos europeos ten que servir para poñer en práctica toda a experiencia adquirida neste últimos anos e será a única forma na que todas as necesidades detectadas atopen resposta”. Por último falou de actuacións prioritarias como “a conservación do patrimonio do noso municipio, a necesidade de rematar o abastecemento e saneamento no rural, e a creación de aparcamentos disuasorios nos núcleos urbanos”.

Tralas intervencións das voceiras dos grupos da oposición, o alcalde e concelleiro de Axenda Urbana, Blas García, destacou que “coincidimos todos e todas no documento que xurde do traballo feito polos distintos colectivos municipais e dos grupos da Corporación. A min gustaríame desligar a Axenda Urbana da EDUSI Impulsa Ames. A Axenda Urbana tocaralle executala ao goberno que estea nese momento gobernando e teremos que contar coa axuda doutras administracións. Deste documento teremos que sacar aqueles puntos ou fitos que queremos financiar dentro da nova estratexia europea que se convoque. Este é un documento de todos e de todas”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%