Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 enero, 2025
Ames, 3 de xaneiro de 2025.- O alcalde de Ames, Blas García, vén de comunicarse a través dunha carta co Ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, para pedir a creación dunha mesa de traballo na que participen tanto o Ministerio como os concellos afectados polas excesivas tarifas da AP-9 impostas por Audasa. Dende Ames considérase fundamental que se empece a traballar dende o Goberno Central de forma conxunta coas administracións locais para establecer un plan de traballo que teña como obxectivo final a liberalización da AP-9.
Dende o Concello de Ames proponse a creación dunha comisión na que estean representados os concellos galegos, a título individual ou través da FEGAMP, que traballe de forma activa pola liberalización gradual da AP-9, en colaboración co Goberno de España, tendo en conta a dificultade que entraña realizar este proceso ao completo a curto prazo. A alternativa amesán propón que se prioricen tramos en función da importancia que a comisión lle asigne e que se vaia realizando un proceso gradual.
O alcalde declarou aos medios que “non hai dúbida de que os concellos somos a administración máis próxima aos cidadáns polo que loxicamente somos os que mellor coñecemos as súas dúbidas e reclamacións. Por iso e pola facultade que me outorgou o Pleno de Ames no mes de setembro por unanimidade decidinme a enviarlle esta carta ao Ministro de Transportes, Óscar Puente, con quen puiden falar brevemente o pasado mes de novembro en Sevilla”.
O rexedor explicou tamén o contido do escrito no que solicita “que comecen a estudar de forma conxunta cos concellos a gratuidade de tramos estratéxicos da AP-9, como pode ser o tramo Padrón- Santiago. Deste modo cumprimos tamén cunha demanda que nos vén facendo a veciñanza para aliviar as vías alternativas á autoestrada que transcorren polo concello de Ames, feito que beneficiaría a humanización que tamén está levando a cabo ministerio de Puente no Milladoiro por valor de 4,4 millóns de euros”.
“Cada vez somos máis os alcaldes e alcaldesas que levantamos a voz para esixir medidas contra os abusivos prezos de Audasa e, pese a que as bonificacións anunciadas dende o 1 de xaneiro supoñen un alivio para os condutores e condutoras que transcorren frecuentemente por esta vía, vexo necesario ir máis alá e que Goberno de España e concellos, representados cada un a título individual ou a través da FEGAMP, traballemos xuntos de forma activa para ir liberalizando a AP-9”, argumento García para finalizar explicando que “é deber dun alcalde ou alcaldesa ser esixente con todas as administracións, independentemente do signo político da mesma”.
Moción política de urxencia para que o Goberno do Estado estableza a gratuidade do tramo de AP-9 Santiago – Padrón
O Pleno de Ames aprobou o pasado 27 de novembro en sesión ordinaria a moción política de urxencia presentada polo Grupo Municipal Socialista para que o Goberno do Estado estableza a gratuidade do tramo de AP-9 Santiago – Padrón e facultou ao alcalde para cantas actuacións de trámite fosen necesarias para a mellor execución do acordado.
Do mesmo xeito actuaron as Corporacións dos concellos de Santiago, Padrón, e de outros concellos ao longo da xeografía galega con distintos tramos.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)