AD

Actualidad

Bota a andar en Compostela a cuarta edición de «Somos Cultura»

today4 marzo, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

04/03/2024.- Neste mes de marzo, as redes sociais encheranse de contidos audiovisuais para animar o consumo cultural e poñer en valor a fortaleza das industrias culturais de Santiago. Será no marco da campaña «Compostela Somos Cultura», impulsada desde a Concellaría de Promoción Económica, e que chega á súa cuarta edición. O edil do departamento en funcións, Xan Duro, presentou hoxe o programa, nunha rolda de prensa na que participaron o director artístico do proxecto, Xacobe Martínez Antelo, e a técnica da Concellaría de Promoción Económica, Carme Casado.

O concelleiro de Promoción Económica en funcións, Xan Duro, explicou que o proxecto «comezou en 2020 para reactivar o consumo cultural no contexto da pandemia da Covid, e mantívose co obxectivo de reivindicar a importancia do sector, non só en termos estrictamente culturais, senón tamén por razóns económicas e de creación de emprego». Nese sentido, apuntou o edil, esta campaña «está directamente aliñada coas premisas da Axenda Urbana 2030, que prevé diferentes accións para converter a Santiago en centro catalizador da producción cultural en Galicia».

Precisamente, a Axenda Urbana 2030 está moi presente na cuarta edición de «Compostela Somos Cultura», que pón o foco de maneira transversal noutros obxectivos dese documento como a igualdade de xénero, a revitalización do comercio local, e mesmo a economía sostible. Neste sentido, apóstase por unha comunicación e marketing sen residuos, nos que non se emprega nin cartelería nin panfletos, senón produtos reutilizables, sostibles e biodegradables, como é o caso dun marcapáxinas biodegradable con sementes dentro.

Sete microeventos

A campaña de promoción das industrias culturais que se desenvolverá nos vindeiros meses ten a súa orixe nos sete microeventos culturais que xa se celebraron no mes de decembro, e que agora chegarán ao gran público a través das redes sociais. Eses eventos foron concebidos co obxectivo de mostrar a diversidade das industrias culturais en Santiago e o talento en diferentes disciplinas. Así, na programación houbo música, con Suelen Estar Quartet e Gloria Pavía; danza, con Kirenia Martínez; teatro e narración oral con Celso San Martín e Borja Fernández; fotografía, con Lorena Cao, e literatura, con Camilo Franco.

As súas intervencións realizáronse desta volta en espazos culturais como librarías e bibliotecas de Compostela, «seguindo a liña iniciada nas anteriores edicións do programa, que chegou espazos que habitualmente non son habitados polos e polas artistas», tal e como destacou Xacobe Martínez Antelo. O director artístico de «Somos Cultura» tamén salientou que ao longo das catro edicións do proxecto, «o 80% dos e das artistas ou viven ou teñen unha relación directa con Santiago, que é claramente a cidade na que habita o tecido creativo en Galicia e a que debe reivindicarse como capital cultural». Nese sentido, salientou que o Ciclo «conseguiu abrir unha fiestra á curiosidade pola creación, ao talento de proximidade, á fachenda polos nosos artistas, e a redescubrir da man deles, novas visións da nosa cidade».

Dos microeventos celebrados en decembro xurdiron produtos audiovisuais que serán difundidos nas próximas semanas a través das redes sociais de «Compostela Somos Cultura». En anteriores edicións, o alcance real nas redes sociais do proxecto foi de máis de 200.000 persoas, e case 5.000 persoas conforman a comunidade de seguidoras das redes sociais do proxecto».

Sorteos de paquetes culturais

No marco da campaña realizaranse, a través das redes, sorteos de diferentes paquetes culturais, un por semana e máis un sorteo final. Asociados ao cancelo #CompostelaSomosCultura, nestes sorteos repartiranse diversos produtos culturais e artísticos mercados nas tendas e espazos culturais de Compostela, dende librarías, tendas de música, espazos formativos culturais, cines ou tendas de artesanía, entre outras.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%