AD

Arte y Cultura

Búscanse creadores de contidos en galego nos centros de ensino de Santiago

today9 noviembre, 2023

Fondo
share close
AD

María Rúa, da canle PradoRua, e Nuria P. Espasandín, da canle Toxío, conducen encontros co alumnado nunha xira de obradoiros que nunha primeira quenda visita centros educativos de Santiago, Pontevedra e Moaña. Os Premios Youtubeiras, que repartirán 7500 euros entre as persoas gañadoras nas diferentes categorías, manteñen o prazo de inscrición aberto até o vindeiro 17 de novembro ás 23:59 h. Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística de Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, da Deputación da Coruña e da Universidade de Vigo, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, está inmerso xa no seu programa de visitas de difusión e formación a centros de ensino para achegarlle á rapazada o traballo de youtubeiros e youtubeiras de gran repercusión na nosa lingua.

Se en edicións anteriores, Mario Brión ou Nee Barros conduciron os encontros co alumnado, este ano María Rúa, da canle PradoRua, e Nuria P. Espasandín, da canle Toxío, son as encargadas de levarlle a súa experiencia ao alumnado de centros pertencentes aos diferentes concellos que promoven o Proxecto Youtubeiras dende o ano 2017. Nunha primeira quenda desta xira de difusión, as dúas youtubeiras están a acudir a centros de Pontevedra, Moaña e Santiago de Compostela para amosarlle á rapazada a realidade do galego como ferramenta de creación e posicionamento na Rede, as súas traxectorias como creadoras audiovisuais e as claves precisas tanto para coñecer este mundo virtual como para sumarse a el.

En concreto, esta campaña de difusión polo sistema educativo principiou xa o pasado 27 de outubro no Colexio Plurilingue Calasancio e continuou o martes 31 no CIF Carlos Oroza, ambos os dous de Pontevedra. O pasado venres 3 de novembro as youtubeiras achegáronse ao IES As Barxas de Moaña e as seguintes paradas serán no IES Pontepedriña (Santiago, 10 de novembro), no IES Luís Seoane (Pontevedra, 14 de novembro), no IES Valle-Inclán (Pontevedra , 21 e 28 de novembro) e no IES Sánchez Cantón (Pontevedra, 24 de novembro). Os centros pertencentes aos concellos promotores de Youtubeiras pódense inscribir para participar nesta campaña de difusión a través do correo premios@youtubeiras.gal.

Prazo ata o 17 de novembro

Os Premios Youtubeiras, que neste 2023 acadan a súa sétima edición, manteñen aberto o prazo de inscrición até o vindeiro 17 de novembro ás 23:59 h. As persoas participantes deberán inscribirse a través da web youtubeiras.gal e os vídeos que se presenten deberán ter data de subida posterior ao 15 de novembro do 2022. As categorías este ano volven ser as seguintes: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e o Premio do Público. Todos os apartados están dotados con 1000 euros, agás o último ao que se destinan 500 euros. En total, o certame reparte entre as propostas gañadoras 7500 euros. Ata o de agora, inscribíronse 33 canles para concorrer nesta sétima edición.

O xurado deste 2023 está formado por Nee Barros (@neeumatiko), divulgadore cultural, escritore e youtubeire, quen se fixo co galardón a Youtubeira/o na pasada edición; Fátima Souto Muñiz, bolseira do Servizo de Normalización do Concello de Ames; Irene Pin, creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista musical e membro de equipos de comunicación de festivais e artistas, e Belén Puime, creadora de contido audiovisual a través do perfil @pringadas.serie tanto en TikTok como en Instagram.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%