AD

Actualidad

Cambios importantes na mobilidade en Santiago que afecta a bicicletas e patinetes

today16 septiembre, 2024

Fondo
share close
AD

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2024.- A Xunta de Goberno vén de aprobar dous documentos fundamentais para que Santiago avance cara un novo modelo de mobilidade: a Ordenanza de Circulación e Uso da Vía Pública e o Plan de Mobilidade Urbana Sostible. O primeiro dos documentos será debatido no Pleno deste mes de setembro, para a súa aprobación definitiva; mentres que o PMUS vai ser presentado nun acto público previsto para o mes de outubro.

O concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, deu conta da aprobación da ordenanza e do PMUS, dous documentos nos que se empezou a traballar no anterior mandato, e que conclúen agora a súa tramitación. O edil explicou que ambos textos “van na liña de avanzar cara un novo modelo de mobilidade, no que teñan protagonismo os modos brandos de transporte, e que priorice os desprazamentos a pé e en bicicleta”. Trátase, apuntou Duro, “de termos unha cidade a medida das persoas, e non dos vehículos, máis amable e mesmo máis saúdable”.

Unha ordenanza que fomenta a mobilidade ciclista

O concelleiro de Mobilidade explicou que a ordenanza de Circulación actualmente en vigor data de 2012, “e polo tanto non responde ás necesidades actuais nin á vontade de avanzar cara un modelo máis sostible, que priorice os modos brandos de transporte e en especial o uso da bicicleta”. Neste sentido, Xan Duro incidiu nas novidades relativas á mobilidade ciclista, “cun texto que considera que este é un elemento fundamental da movilidade urbana, fronte ao modelo restritivo anterior”.

Neste sentido, a nova ordenanza de circulación permitirá que as bicicletas circulen pola zona histórica, respectando a velocidade máxima de 10 km/hora e sempre que sexa compatible coa intensidade do tránsito peonil, e cando non exista sinalización que o prohíba expresamente por razóns históricas, artísticas ou de seguridade.

Outras novidades en canto á circulación de bicicletas é que poderán circular en grupo formando unha columna de dúas en determinadas condicións, acceder ás plataformas semafóricas cando os vehículos estean parados, ou usar remolques homologados. A ordenanza tamén fai referencia ás distancias de circulación doutros vehículos con respecto á bicicleta (1,5 metros para adiantar e 3 para circular); e regula as prioridades de paso en cruces con carril bici, glorietas, etc.

Tamén se regula o estacionamento de bicicletas, permitindo o seu amarre a elementos do mobiliario urbano, salvo semáforos, postes de iluminación, bancos ou papeleiras; e sempre que non afecten nin alteren a súa función, ou impidan o tránsito peonil, de vehículos ou dificulten a accesibilidade. Non se poderán amarrar nas árbores.

Circulación na zona histórica

A ordenanza aprobada pola Xunta de Goberno inclúe un anexo específico sobre a regulación da mobilidade na cidade histórica, que atende ás súas peculiaridades e á súa necesidade dunha maior protección. Nel, específicanse as condicións de acceso á zona vella, aludindo aos dispositivos de control que está previsto poñer en marcha esta mesma semana; ou os requisitos para solicitar os diferentes tipos de tarxeta existentes (residentes, titulares de establecementos mercantís, por razóns familiares, ou réxime especial das persoas titulares dos postos da Praza de Abastos).

En canto á carga e descarga, finalmente a ordenanza sinaloa que o horario establecido para esta actividade será de 7.00 a 10.00 horas, fronte ao contemplado na ordenanza aprobada inicialmente (de 7.00 a 9.00 horas) e ao horario vixente na actualidade (de 7.00 a 10.30 horas). Ademais, as empresas de reparto de mochilas ou maletas poderán acceder entre as 12.00 e as 14.00 horas, as empresas de mensaxería urxente poderán acceder de 16.00 a 18.00 horas, e as motocicletas e bicicletas de reparto de mercadorías poderían acceder sen restrición horaria.

Outras novidades

A nova ordenanza de circulación e uso da vía pública tamén incorpora un anexo sobre a regulación dos Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP), que son aqueles vehículos dunha ou máis rodas, dotados dunha única praza e propulsados exclusivamente por motores eléctricos que poden proporcionarlles unha velocidade máxima de 25 km/h. Entre outros condicionantes para a súa utilización, especifícase que estará prohibido o seu uso turístico na cidade histórica.

Tamén se actualiza noutras cuestións como a clasificación das vías urbanas como zonas peonís, zonas de prioridade peonil, zonas residenciais ou de encontro, ou vías con limitacións para a circulación de vehículos de máis de 5,5 toneladas. Neste último punto, e con respecto á modificación aprobada inicialmente, atendéronse as alegacións presentadas de maneira que se contemplan as excepcións dos vehículos de obra e transporte agrícola, e autobuses de transporte público, escolar e discrecional. Tamén se incorporan á ordenanza os límites xenéricos de velocidade nas vías urbanas: 20 km/h nas vías que dispoñan de plataforma única de calzada e beirarrúa; 30 km/h nas vías dun único carril por sentido de circulación, e 50 km/h nas vías de dous ou máis carrís por sentido de circulación.

O concelleiro de Mobilidade lembrou que  ordenanza de circulación e uso da vía pública fora aprobada inicialmente en 2021, nun Pleno no que tamén recibiran luz verde diferentes emendas presentadas polos grupos da Corporación. O texto foi sometido a exposición pública, un trámite durante o que tamén se presentaron diferentes alegacións por parte de 19 persoas e entidades, e parte delas foron incorporadas ao texto.  Xan Duro explicou que, despois da aprobación por parte da Xunta de Goberno, a ordenanza será debatida no próximo Pleno de setembro, para a súa aprobación definitiva.

Plan de Mobilidade Urbana Sostible

Ademais da nova ordenanza, a Xunta de Goberno vén de aprobar o novo Plan de Mobilidade Urbana Sostible. O concelleiro de Mobilidade explicou que o documento será presentado en detalle á veciñanza nun acto público que se celebrará no próximo mes de outubro.

O PMUS, tal e como apuntou Xan Duro, é “unha ferramenta de planificación que tén como obxectivo orientar as decisións relativas ao transporte e a mobilidade de maneira que avancemos cara un modelo máis eficiente e sostible, que garanta un entorno saúdable, fronte aos anteriores modelos de transporte que xiraban en torno aos vehículos motorizados”. O documento, que incorpora un Plan Director de Mobilidade Ciclista e un Plan Director de Mobilidade Peonil, desenvolveuse de maneira moi participada, con numerosas reunións, foros e enquisas, e formúlase como un PMUS vivo e en permanente evolución.

O PMUS fixa como actuacións prioritarias a promoción do transporte público, o fomento da mobilidade a pé e en bicicleta, a xestión e optimización do aparcamento, a mellora da accesibilidade, e a mellora da conexión co medio rural e coa área metropolitana. Trátase, apuntou Xan Duro, “de mudar as prácticas establecidas, nunha cidade na que o 63,6 por cento dos desprazamentos internos son en vehículo privado motorizado, fronte ao 36,3% que se realizan a pé e o 10,26% en transporte público”. Neste sentido, o concelleiro tamén apuntou que o PMUS sinala que a taxa de motorización en Compostela é de 582 vehículos por cada mil habitantes.

O Plan de Mobilidade Urbana Sostible fixa unha serie de obxectivos de carácter xeral como contribuir a unha maior calidade de vida e á redución do impacto ambiental do transporte; conseguir mellor balance enerxético; ou avanzar cara proxectos urbanísticos sostibles. Tamén sinala obxectivos específicos como promover o uso dos modos de transporte non motorizados, potenciar o transporte público fronte ao automóbil privado, promover un uso máis racional do espazo público urbano, incidir sobre as condutas de mobilidade da cidadanía, ou contribuir á planificación sostible do desenvolvemento urbano.

Para lograr eses obxectivos, o PMUS fixa ata 90 accións concretas, divididas enmarcadas en trece plans sectoriais:

  • Plan de ordenación do tráfico e estrutura viaria
  • Plan de fomento da mobilidade peonil
  • Plan de fomento da mobilidade ciclista
  • Plan de fomento do transporte público
  • Plan de mellora da xestión do aparcamento
  • Plan de fomento e educación de seguridade viaria
  • Plan de mellora urbana de distribución de mercadorías
  • Plan de fomento da mobilidade eléctrica e mellora da calidade
  • Plan de mellora da xestión da mobilidade urbana
  • Plan de mobilidade e xénero
  • Plan de mobilidade turística
  • Plan de mellora da mobilidade ós centros de atracción de viaxes
  • Oficina de mobilidade de Santiago

O concelleiro de Mobilidade explicou que “ainda que hoxe concluímos a tramitación, o Plan de Mobilidade Urbana Sostible xa está a servir de guía para moitas das actuacións do Goberno, non só ds que impulsa a concellería de Mobilidade, senón tamén, dunha maneira transversal, ás que pilotan outras áreas como Obras ou Urbanismo”. Nese sentido, explicou que está habendo avances en moitas das recomendacións do PMUS, tanto en actuacións máis visibles como a do acondicionamento do carril bici de Xoán XXIII e Burgo das Nacións como en proxectos a medio e longo prazo, como pode ser o concurso de ideas para a reforma da Virxe da Cerca ou o Plan Director de Accesibilidade no que se está traballando”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%