AD

Actualidad

Catuxa Salom: «No rural non todo son vacas e pandeiretas, e na música do rural non todo é tradi»

today26 noviembre, 2024

Fondo
share close
AD
    • A artista galego-arxentina reflexiona sobre o rural, presenta o seu disco «Caldo» e racha cos estereotipos nunha entrevista en Radio Líder Santiago

Catuxa Salom, cantante e compositora galega, compartiu nunha entrevista con Álvaro Veiga en Radio Líder Santiago unha visión renovada sobre o rural, a súa música e os desafíos sociais aos que se enfronta Galicia. Desde A Ulloa, onde reside actualmente, a artista presentou Cāldo, un disco que combina tradición e modernidade, mentres aborda temas como a desromantización do rural, os coidados comunitarios e a necesidade de compromiso social. Un traballo conceptual que fusiona música electrónica, instrumentos tradicionais e sons da natureza, explorando temas como a amizade, o amor propio e a liberdade.

Catuxa Salom e Álvaro Veiga nos estudios de Radio Líder Santiago

Tras o EP Nunha aldea, que romantizaba o rural, Cāldo reflicte un espertar máis crú sobre a vida no campo, alonxada da idealización bucólica. «Cando vives nunha cidade, o rural parece idílico, cheo de natureza e tranquilidade, pero a realidade é máis complexa», afirmou. A artista destacou que, malia os desafíos, segue elixindo vivir no rural, valorando o apoio da comunidade: «O importante non é onde vives, senón a xente que te rodea».

Composto por nove pezas inspiradas na comarca da Ulloa, o álbum combina ritmos como muiñeira, afrobeat, drum and bass e dembow, utilizando instrumentos como o bombo legüero, guitarra, pandeireta e sintetizador. Catuxa mestura as súas raíces galegas e arxentinas para crear unha proposta única, enérxica e universal, feita para bailar e conectar co público.

Esta perspectiva reflíctese na súa música, que mestura sons tradicionais galegos con afrobeat, reguetón e electrónica. «Non todo son pandeiretas e gaitas. Encántannos as raves, os sintetizadores e os baixos potentes», comentou. E por iso que «na música do rural non todo é tradi».

Cāldo, como explica Catuxa, é unha homenaxe á cultura do coidado. «O caldo simboliza como coidamos á xente, é medicinal», asegurou. No disco, a artista transita entre o galego, o castelán, o francés e mesmo o ruso, reflectindo unha multiculturalidade que enriquece a súa obra. «Non vou ser infiel a min mesma; cando falo de emocións moi profundas, saen en castelán, pero no rural onde vivo fálase 100% galego, e reivindícoo».

Durante a entrevista, Catuxa tamén fixo fincapé no impacto dos proxectos industriais no rural, referíndose especificamente ao caso de Altri: «Non creo no discurso de que vai traer traballo. Vai xerar máis despoboamento e afectará as nosas augas e recursos naturais». Salom participou en mobilizacións masivas contra este proxecto e subliñou a importancia de actuar con conciencia: «Todo é político, pero hai que ir máis alá dos partidos».

A artista anunciou unha ambiciosa xira que a levará por Galicia, España e Europa a partir de 2025. Os seus concertos combinarán música, performance e visuais, ofrecendo o que define como «unha viaxe sonora». A súa aposta pola innovación e a autenticidade reforzan o seu lugar como unha das voces emerxentes máis prometedoras da escena galega.

Con máis de 100 concertos realizados en dous anos e unha traxectoria que comezou en 2021 tras a pandemia, Catuxa Salom consolidouse como unha das grandes revelacións musicais de Galicia. «Non hai outra opción que seguir mellorando e dar todo de min», confesou.

Tes a entrevista completa, no seguinte enlace.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%