Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 noviembre, 2023
Ames, 15 de novembro de 2023.- O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, organiza un ano máis un programa de actividades de conmemoración do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller. As actividades comezan este xoves, 16 de novembro, coa celebración das XIII xornadas “Achégate á igualdade”, que este ano teñen como lema “Queres formar parte? Novas masculinidades, novas oportunidades”. Hai arredor de 120 persoas inscritas nas xornadas. Varios xogadores e mailo adestrador do Monbus Obradoiro, así como Verónica Boquete, futbolista na A.C.F. Fiorentina, o alcalde, concelleiros do goberno municipal, persoal municipal, alumnado do IES Milladoiro, e membros do tecido empresarial e hostaleiro amesán, participaron posando con camisetas nas que se poden ler varios lemas da campaña “Non contes comigo para…”, que ten o obxectivo de poñer o foco na concienciación sobre a violencia machista e as súas consecuencias. Elaboráronse tres carteis que se poden ver premendo nesta ligazón e ao pé desta nova.
A programación do 25N deste ano inclúe actividades que se alongarán dende o xoves 16 ata o sábado 25 de novembro. Nesta ocasión, o programa inclúe a celebración das XIII xornadas “Achégate á igualdade”, o espectáculo de teatro Golpes, unha andaina contra as violencias machistas, así como concertos a cargo do grupo The Tetas Van e do combo de voces da EMMA. O programa, que conta co lema “Non contes comigo para…”, ten como obxectivo poñer o foco na concienciación sobre a violencia machista e as súas consecuencias.
Este ano para elaborar os carteis promocionais da campaña contouse coa colaboración de varios xogadores do Monbus Obradoiro (Álvaro Muñoz, Rubén Guerrero, Fernando Zurbriggen, Álex Suárez, Alonso Grela e Pablo Harguindey) e do seu adestrador, Moncho Fernández. Tamén colaboraron na campaña a futbolista da A.C.F. Fiorentina, Verónica Boquete, que participa nas xornadas de igualdade, o alcalde, Blas García, concelleiros do goberno municipal (Gustavo Nieto, Víctor Fernández e Javier Antelo), persoal municipal, alumnado do IES Milladoiro e membros do tecido empresarial e hostaleiro amesán (Rafael Budiño, Jorge López, Gustavo Prado, Adrián Cunha, etc.).
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, destacou que “a realización das xornadas de igualdade é un reto. É o resultado do traballo realizado durante varios meses polo equipo de servizos sociais. Síntome moi orgullosa de poder sacar adiante este proxecto. Nesta edición apostamos pola temática das novas masculinidades debido á necesidade da implicación de ambos xéneros para a consecución da igualdade real. Ademais, dento da programación do 25N hai teatro, unha andaina e dous concertos. Conseguimos facer unha programación moi variada”.
XIII Xornadas Achégate á Igualdade
O programa de actividades dará comezo este xoves 16 de novembro coas XIII Xornadas Achégate á Igualdade que este ano teñen como lema “Queres formar parte? Novas masculinidades, novas oportunidades”. Trátase dunha xornada gratuíta que se vai a organizar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Para participar é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo xornada.ames@gmail.com indicando o nome, apelidos e lugar de residencia. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Na actualidade hai arredor de 120 persoas inscritas nas xornadas.
A xornada comeza ás 9.00 horas co acto institucional de apertura. De seguido, ás 9.30 horas haberá unha mesa redonda no que se abordará “A forza do desexo fronte aos roles de xénero establecidos no deporte”. Participarán Juan Carlos Permuy, psicólogo e coordinador de programas de CoidadosÁmente en Santiago de Compostela. Intervirán en dita mesa como relatoras: Verónica Boquete, futbolista na A.C.F. Fiorentina (Italia); Carlo Signiorini, patinador en categoría nacional do CPA Ágora de Boqueixón; Martín Casal, ximnasta do Club de ximnasia rítmica Viravolta de Santiago de Compostela; Angy Nogueira, xogadora de fútbol sala no FC Meigas de Ames; e María Pérez, adestradora de fútbol sala do FC Meigas de Ames.
Posteriormente, ás 10.30 horas impartirase a conferencia “Nós sumamos. Reformas: desculpen as molestias”. Será presentada por Belén Montesa, psicóloga e coordinador de programas de CoidadosÁmente en Santiago de Compostela. Dita conferencia será impartida por Silberio Sáez, doutor en psicoloxía e sexólogo. É codirector de AMALTEA
Sexoloxía en Zaragoza
As 12.00h farase unha breve pausa de media hora para retomar as actividades as 12.30 h coa conferencia “Os homes ante o reto da igualdade”, que será presentada pola psicóloga do CIM do Concello de Ames, Mónica Antelo. A conferencia será impartida por Ritxar Bacete, pai de familia numerosa, antropólogo, traballador social e coordinador de Equimundo Center for Masculinities & Social Justice en España (Victoria).
De 14.00h a 16.00 horas farase unha parada para xantar. Pola tarde, de 16.00h a 18.00 horas, impartiranse dous obradoiros simultáneos para profesionais (haberá que escoller un deles). O primeiro taller é “Os homes e a igualdade. Outros modelos de masculinidade para previr a violencia de xénero e os abusos sexuais”. Será presentado por Miriam Otero, coordinadora de programas preventivos de coidadosÁmente en Santiago de Compostela. Imparte o obradoiro, Silberio Sáez, doutor en psicoloxía e sexólogo. É codirector de AMALTEA Sexoloxía en Zaragoza.
O segundo taller é “Claves para comprender as masculinidades e ferramentas de intervención con homes”. Preséntao María Teresa Arufe, asesora xurídica e directora do CIM do Concello de Ames. O obradoiro será impartido por Ritxar Bacete, pai de familia numerosa, antropólogo, traballador social e coordinador de Equimundo Center for Masculinities & Social Justice en España (Victoria).
Música, teatro e andaina 25N
A programación continúa o xoves, 23 de novembro ás 20.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro coa actuación do combo de voces da Escola Municipal de Música de Ames e coa representación da obra de teatro Golpes a cargo da compañía aAntena. Trátase dunha peza que afonda dun xeito directo e fuxindo do tráxico en como nas accións máis cotiás nace o “Golpe” da desigualdade e chega á violencia machista. Os convites poden adquirirse na Billeteira electrónica.
Por último, o sábado 25 de novembro ás 11.00 horas lerase o manifesto institucional diante da Casa do Concello. De seguido, ás 11.30 horas farase a andaina “Achégate á Igualdade” contra as violencias machistas. Pola tarde, ás 20.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro o grupo The Tetas Van ofrecerán un concerto como peche da programación.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)