AD

Actualidad

Compostela Aberta esixe responsabilidade á Xunta polo desastre dos pellets

today8 enero, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

Nas últimas semanas está a chegar ás praias, novamente, unha contaminación procedente da impunidade das compañías marítimas que transitan fronte ás nosas costas. Desta vez trátase dun cargamento de pellets, unhas boliñas de resina plástica de pequeno tamaño, transportadas por un barco de bandeira liberiana, fretado por unha compañía da India e que viaxaba camiño dos Países Baixos. O 8 de novembro caían os seis contedores de pellets ao mar e, a pesar de ter comunicados do Concello de Ribeira xa no 14 de novembro ou de Salvamento Marítimo o día 20 de novembro, a Xunta de Galicia non se deu por enterada ata o 14 de decembro, cun mes de demora.

Case todo o litoral galego está a ser afectado por esta marea de pellets, aínda que entre as zonas máis afectadas están precisamente as rías e praias máis achegadas a Santiago, como son as da Ría de Muros e Noia, ou da Arousa Norte no Barbanza. Diante da inacción da Xunta, que é a administración directamente responsable, estánse a formar grupos de voluntariado con centos de participantes espallados por toda a xeografía galega para, máis unha vez, defender a nosa costa.

Desde Compostela Aberta queremos denunciar a incompetencia da administración da Xunta de Galicia, que esperou un mes para declarar o Plan Camgal, e cando o declarou foi no seu nivel mais baixo, e que non está ofrecendo soporte e axuda aos concellos afectados. Nunha liña diametralmente oposta á do goberno galego, queremos parabenizar á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como a todo o tecido social ecoloxista e de defensa das rías que leva facendo acompañamento desta catástrofe desde o primeiro momento.

Sendo así, exiximos da Xunta de Galicia que actúe con contundencia e celeridade para que esta catástrofe e a dispersión destes microplásticos polo noso litoral non vaia a máis. Ao mesmo tempo, ofrecemos a nosa solidariedade e axuda tanto a todos os municipios afectados como a todo o voluntariado que está a mobilizarse nas últimas horas. Animamos tamén a colaborar nas tarefas de limpeza, mais sempre de xeito responsable e seguindo as indicacións das asociacións ou colectivos con experiencia neste tipo de tarefas.

É por isto que suxerimos contactar antes ou cos concellos afectados ou, no seu defecto, coas asociacións locais que están a organizar os grupos como: Noia Limpa, Plademar (Plataforma para a defensa do mar de Muros e Noia), Sachos á Rúa en Ribeira, a Plataforma de Defensa da Ría de Arousa, Greenpeace GalizaAdega, Verdegaia ou da Federación Ecoloxista Galega. Ou mesmo a través da comunidade de whatssapp de Limpeza de Praias, que ten xa varios grupos e onde se está a dar conta e informando de actividades de limpeza, lugares e horas onde se están realizando as intervencións de limpeza: https://chat.whatsapp.com/Cs3ydyLLgGA4YWiQDDv0kM

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%