AD

Actualidad

Compostela, máis sol e menos chuvia

today2 enero, 2024

Fondo
share close
AD

 

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2024.- As horas de Sol medidas en Compostela pasaron das 2.300 ao longo de 2023, o que supón a marca máis alta deste século só superada polo rexistro de 2017 (2.351, 3 horas). Así o constata o ‘Resumo meteorolóxico do ano 2023 da cidade de Santiago de Compostela’, elaborado cos datos obtidos na estación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, centro colaborador da Axencia Estatal de Meteoroloxía. O informe tamén destaca que a chuvia recollida ao longo do ano superou os 2.000 litros por metro cadrado, logo de oito anos sen facelo, mentres que a temperatura máxima foron os 36º2 alcanzados o 8 de agosto, mes no que tamén se superou a barreira dos 30 noutras catro ocasións. En xullo a temperatura máxima ficou nos 28º2.

Chuvia

No capítulo relativo ás precipitacións, o resumo salienta que en 2023 sucedeu algo semellante ao acontecido no ano anterior: nos tres últimos meses caeron máis de 1.000 litros/m2, superando a media das últimas décadas. Aínda que fose a última hora, o ano que acaba de rematar deixounos 2.009, 2  litros/m2, dos que 1.000,5 corresponden aos tres últimos meses: outubro con 424,3 l/m2, novembro con 318,7  l/m2, e decembro con 257,5 l/m2. Tal e como subliña José Angel Docobo, director do Observatorio da USC, “choveu a mesma cantidade nos nove primeiros meses que nos tres últimos”. Neste senso, o profesor destaca que en meses tradicionalmente chuviosos en Santiago como abril e maio, “a precipitación recollida foi modesta”, sen chegar a 100 litros/m2 en cada un deles. O día máis chuvioso do ano resultou ser o 18 de outubro con 71.1  l/m2. Nesa xornada “aconteceu un fenómeno inusual”, relata o profesor Docobo, cando sobre as 19.00 horas se recolleron uns 30 litros/m2 en media hora. “En total foron 22 as xornadas nas que se mediron máis de 30 litros/m2”, sinala.

En canto ao número de días con precipitación, estes chegaron aos 192  (52,6 %), se ben en 26 deles foi inferior a  0,1 l/m2, “o que en meteoroloxía se considera unha cantidade inapreciable”, indica Docobo. Sen contar estes últimos, os 166 restantes corresponden ao 45,4% dos días nos que nalgún momento houbo precipitación, o cal entra na normalidade dos rexistros de Compostela, que ronda sempre o 50%.

Temperaturas

Durante as trece xornadas nas que a cidade de Santiago pasou dos 30º, sorprenden as cinco ocasións nas que isto aconteceu en outubro, que concretamente o día 7 marcou a quinta máxima do ano con 32º3. Pola contra, só se baixou dos cero graos en tres días, resultando a mínima absoluta do ano os  -0º2  compartidos entre o 2 de marzo e o 17 de decembro. Xunto cos  -0º1  do 18 de decembro, estas tres foron as únicas xornadas con temperatura negativa en todo o ano 2023.

O día coa temperatura máxima máis baixa resultou ser o 17 de xaneiro con só 8º5, mentres que a noite máis calida correspondeu ao 10 de agosto cando os termómetros non baixaron dos 18º5. Agosto con 20º9 de temperatura media foi o mes  máis quente, seguido de xuño (19º8), xullo (19º4) e setembro (19º3).

Insolación

No eido relativo á insolación, foron importantes as contribucións dos meses de maio  (291 horas  e 40 minutos) xunto cos meses estivais. En abril e setembro a insolación foi a mesma: 220 horas. Só houbo 38 días nos que o Sol non saíu en Compostela, pero entre abril e setembro só houbo dúas xornadas sen Sol, unha en abril e outra en xullo. Destacan os 18 días con máis de nove horas de insolación en maio e os 22 días de febreiro nos que o Sol se deixou ver entre 6 e 9 horas.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%