AD

Destacado

Compostela súmase ás reivindicacións do 25N: «Se non queres ser cómplice, mellor implícate»

today25 noviembre, 2024

Fondo
share close
AD

O Concello de Santiago súmase un ano máis á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres hoxe, 25 de novembro, coa lectura por parte dos membros da Corporación dunha declaración institucional na que se condenan todas as formas de violencia machista e os feminicidios e comprométense a traballar prevención deste tipo de violencia e na atención ás vítimas con medidas concretas e de xeito coordinado con outras institucións.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2024.- Con motivo do 25N, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e representantes de todos os grupos municipais participaron esta mañá nun acto no Pazo de Raxoi no que se procedeu á lectura da declaración institucional aprobada de forma unánime no Pleno do Concello do pasado 4 de novembro. Goretti Sanmartín abriu o acto e a continuación os/as concelleiros/as Mercedes Rosón (PsdG), Borja Rubio (PP), María Rozas (CA), Míriam Louzao (BNG) fixeron lectura do texto que pechou a rexedora. No acto tamén tomou parte o alumnado do IES Eduardo Pondal coa lectura duns textos de rexeitamento á violencia machista.

Impulsada polos catro grupos políticos municipais, a declaración fai un chamamento a «reflexionar sobre a orientación e a eficacia das políticas a prol da igualdade e contra a violencia machista, e deseñar novos camiños na definición das políticas públicas que teñen como obxectivo rematar coa discriminación, a desigualdade e a violencia contra as mulleres». En concreto, a declaración subliña a necesidade de «intensificar os traballos na prevención da violencia machista que ten no feminicidio a súa máxima expresión» e «concentrar esforzos na educación e na eliminación dos micromachismos».

O manifesto recorda que este ano houbo tres feminicidios en Galicia «que acrecentan o cómputo de mulleres asasinadas en Galicia desde o inicio das estatísticas no ano 2003 ata máis de 70», o que deixa «unha media de máis de tres mulleres asasinadas por violencia machista nos últimos 21 anos, e que suman 1282 vítimas no conxunto do Estado español desde o 1 de xaneiro de 2003».

Fronte esta realidade, faise un chamamento ás administracións públicas para que convirtan as políticas a prol da igualdade e contra a violencia de xénero nunha «prioridade de acción», e a que «todas as persoas asumamos un rol activo na concienciación e na actuación fronte á violencia machista, porque só posicionándonos con contundencia seremos capaces de erradicala».

A Corporación municipal comprométese a «dedicar os recursos necesarios a traballar a prol da igualdade e pola eliminación da violencia contra as mulleres» e enumera algunhas medidas concretas: destinar o 1% do orzamento municipal á prevención da violencia machista e á prestación de servizos de atención ás vítimas, impulsar a coordinación do traballo preventivo e de intervención fronte a violencia machista a través da Mesa local de coordinación interinstitucional, incorporar a perspectiva de xénero e a protección das vítimas de violencia machista a todos os niveis de acción do Concello, ou continuar a desenvolver campañas de información e sensibilización.

A declaración tamén reitera «o compromiso do Concello de Santiago co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero» no seu papel como «primeiro punto de acceso, apoio e asesoramento para as mulleres vítimas de violencia machista e as súas familias» e insta á Xunta de Galicia a » incrementar o orzamento destinado aos Centros de Información ás Mulleres para baixar as ratios e garantir o desenvolvemento de traballo preventivo e de intervención.»

Campaña municipal con motivo do 25N

Baixo o lema «se non queres ser cómplice, mellor implícate», a campaña lanzada este ano polo Concello articúlase arredor do concepto da responsabilidade compartida, destacando que mirar cara a outro lado tamén é unha forma de violencia. A través de impactantes anuncios e mensaxes visuais por toda a cidade, a campaña representa imaxes de ollos que evitan, disimulan ou miran de esguello, acompañados de frases que convidan á reflexión sobre a inacción cidadá, como «ISTO NON VAI CONTIGO…, DUBIDO MOITO QUE POIDAS FACER ALGO…, SEGURO QUE NON PODES FACER NADA… e facendo alusión á cifra reflectida no recente Barómetro Xuventude e Xénero 2023 de Fad Xuventude, que revela que un 23,1% da mocidade española de entre 15 e 29 anos considera que a violencia de xénero non existe e que é un “invento ideolóxico.”

A campaña desenvólvese ata o 30 de novembro e encherá as rúas e prazas de mensaxes en diferentes formatos como lonas en distintas localizacións, autobuses, marquesiñas, carteis ou camisetas. Todos estes materiais poderanse recoller na Casa Xohana Torres entre o 18 e o 23 de novembro de 9:30 a 14:30 h e de 16:30 a 20:30 h. Os distintos materias tamén serán distribuídos na rede de públicas, nos centros socioculturais e nas universidades.

A campaña tamén inclúe un plan de contidos dixitais que aborda as formas cotiás nas que se pode actuar para rachar coa cultura da inacción e do negacionismo, a través das redes sociais e da páxina web do CIM. Desta maneira, ao longo do mes de novembro, os perfís de redes sociais de Igualdade irán enchéndose de contidos variados sobre a cuestión. Entre eles, algúns datos relevantes sobre a magnitude das violencias machistas ou contidos sobre as accións que se poden levar a cabo para deixar de mirar para outro lado.

Minuto de silencio

Previamente ao acto, representantes da Corporación municipal, membros de persoal do Concello e o alumnado do IES Eduardo Pondal, gardaron un minuto de silencio na praza do Obradoiro en sinal de repulsa polo asasinato dunha muller a mans da súa parella en Estepa (Sevilla) no día de onte, 24 de novembro, última vítima de violencia machista.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%