AD

Actualidad

Cristina Abalo pide “os mesmos dereitos e oportunidades” para as persoas con síndrome de Down

today20 marzo, 2024

Background
share close
AD

 

 

 

  • A moza reclámalle aos políticos que adopten “as medidas necesarias para que poidamos acceder á educación e ao emprego para ter unha vida mellor, e vixiar que se cumpren”
  • O IES Antón Losada Diéguez, El Corte Inglés de Santiago de Compostela e Ofelia Vieites recolleron os galardóns diante de máis de 250 persoas
  • O presidente da Fundación puxo en valor o traballo dos premiados e de todas aquelas persoas que, con pequenos xestos, axudan a construír unha sociedade máis inclusiva e igual para todos
  • A gala estivo presidida pola alcaldesa de Santiago e o conselleiro de Sanidade

Santiago. 20-3-2024. “Queremos falar da nosa vida, poder decidir sobre o noso futuro, pero o mundo non é accesible para nós. Temos os mesmos dereitos, pero non as mesmas oportunidades”, asegurou esta tarde Cristina Abalo, a moza con síndrome de Down que copresentou a gala dos premios Down Compostela. “Queremos que os políticos adopten medidas para que poidamos acceder á educación e ao emprego para ter unha vida mellor, e vixiar que se cumpran”, reivindicou durante o acto no que a Fundación Down Compostela premiou o traballo do IES Antón Losada Diéguez, da Estrada; de El Corte Inglés de Santiago de Compostela e de Ofelia Vieites.

A gala, que xuntou a preto de 300 persoas no Hostais dos Reis Católicos, estivo presidida pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, polo conselleiro de Sanidade, Julioi García Comesaña, e pola deputada provincial Mar García Vidal.

“Somos persoas adultas, somos responsables, pero a xente trátanos como se fósemos pequenas. Moitas persoas non entenden que podemos tomar as nosas propias decisións, e non teñen en conta as nosas opinións. E nós queremos falar da nosa vida”, dixo Cristina Abalo, que presentou a gala xunto con Ramón Castro.

O presidente da Fundación, Juan Martínez, agradeceu o traballo de persoas como as premiadas por Down Compostela, “por ser quen de darlles unha oportunidade ás persoas coa síndrome de Down ou discapacidade intelectual e crer nas súas capacidades. Son eses pequenos cambios os que fan posible unha sociedade máis inclusiva, na que todas as persoas contan. Pequenos cambios ou ofrecerlles un punto de apoio nun momento determinado fixeron posible un grande avance na sociedade, e que hoxe vexamos a moitas persoas con síndrome de Down defendendo un posto de traballo, ou prantexándose vivir de xeito independente”. De todo isto son un bo exemplo os premiados desta tarde, o IES Antón Losada Diéguez, El Corte Inglés de Santiago ou Ofelia Vieites, engadiu.

Entrevista en Radio Líder Santiago

Entrevista á vicepresidenta de Down Compostela, Rebeca Munín, este mércores no Vive Santiago con Álvaro Veiga.

Os Premiados

O Fundación Down Compostela recoñece este ano o traballo que veñen realizando Ofelia Vieites García, El Corte Inglés Santiago de Compostela e o instituto estradense Antón Losada Diéguez por facilitar a integración laboral e educativa das persoas con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual. Como galardón deste premio recibiron a escultura dunha man, obra de Cándido Pazos, que simboliza os apoios que reciben as persoas con discapacidade de parte dos galardoados.

Ofelia Vieites García

Polo compromiso e apoio incondicional que dende o ano 2015 ven realizando para facilitar o desenvolvemento nas instalacións de Viveiros Compostela das prácticas dos cursos de formación que promovemos na Fundación. Coa súa calidade e calidez, favorece a inclusión e a participación das persoas usuarias da Área de Formación e Emprego de Down Compostela nos diferentes departamentos da empresa, facilitándolles a posterior incorporación ao mercado laboral ordinario.

Ofelia destaca pola súa empatía, tendendo a man sempre en positivo para facer que a estancia en Viveiros Compostela sexa unha experiencia de aprendizaxe útil; con dinamismo e vontade de mellora continuada, sendo todo un exemplo para facilitar oportunidades de crecemento persoal e profesional.

A El Corte Inglés de Santiago de Compostela

Pola súa confianza e forte compromiso coa inclusión laboral de persoas con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual, contribuíndo a visibilizar as súas capacidades e habilidades así como normalizar un dereito universal: o dereito ao traballo.

A súa política corporativa de Recursos Humanos levounos a incorporar en 2022 a Paula Fernández, Irene Rodríguez-Toubes e a Jacobo Dopazo e, en 2023, a Angélica Gontán. Paula, Irene e Jacobo presumen hoxe de ter un contrato indefinido. Os catro demostraron que con valentía e perseverancia é posible conseguir e manter un posto de traballo.

Orgullosos da súa empresa e dispostos a aprender e mellorar profesionalmente cada día, conseguiron ser un exemplo para compañeiros e compañeiras, amizades, familiares e a sociedade en xeral.

El Corte Inglés de Santiago de Compostela sabe xerar alianzas que promoven a inserción laboral das persoas coa síndrome de Down ou discapacidade intelectual e crer nas súas posibilidades.

Ao IES Antón Losada Diéguez

No IES Antón Losada saben como poñer o foco no contexto educativo e non nas dificultades da persoa, como puideron comprobar Sara Romero, no seu momento, e agora Fabián de Paz, nas aulas de formación profesional.

Este centro da Estrada favorece que o alumnado con necesidades educativas desenvolva as súas capacidades e habilidades ao máximo para conseguir unha calidade de vida digna. O equipo docente sabe que é necesario instaurar novas metodoloxías educativas e cambiar estruturas para fomentar unha inclusión real.

Entender que detrás do alumnado con síndrome de Down ou discapacidade intelectual hai soños, ilusións e capacidades é o primeiro paso para que o sistema educativo sexa realmente accesible e inclusivo.

No IES Antón Losada as persoas con discapacidade contan.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%