Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
En febreiro do 2023 a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou demoras irregulares e alarmantemente prolongadas en pacientes con prioridade dous do servizo de cirurxía ortopédica e traumatolóxica e que, polo tanto, deberían ser intervidos nun prazo non superior a 90 días. Hoxe, despois de ano e medio, volvemos ter coñecemento de que se seguen producindo demoras que incumpren os criterios clínicos e as normas sobre tempos máximos de espera para unha intervención cirúrxica. Manuel F.A., paciente desta área sanitaria, soportou durante meses unha doenza de cadeira tempo dependente e invalidante con prolongados episodios de dor que debía ser atendida cirurxicamente antes do 28 de maio do 2024 e que, finalmente, se produciu o 12 de novembro: 174 días despois do tempo máximo de espera. Este é o seu testemuño:
“Son paciente diagnosticado desde o 9 de outubro do 2023 con necrose avascular da cabeza femoral, bilateral e lumbociatalxia dereita de características mecánicas. O 28 de febreiro do 2024 fun incorporado ao rexistro de pacientes en espera para hospitalización cirúrxica de prioridade 2 ao ser unha doenza extremadamente dolorosa e tempo dependente e que, no meu caso, debe ser tratada mediante cirurxía de implante de PTC (prótese total de cadeira) esquerda.
Dado que non se me citaba para realización da intervención cirúrxica, presentei reclamación ante o Servizo de Atención ao Doente do CHUS os días 11/06 e 18/10 do 2024. Na resposta correspondente á reclamación do 10/06/2024, que non está expedida polo servizo afectado, a pesar de que transcorrera amplamente o tempo máximo de espera para unha prioridade 2, respóndenme cun texto tipo que nada di respecto da miña situación concreta. Como consecuencia das demoras e a forte dor que padezo, véxome obrigado a acudir en 5 ocasións á unidade de urxencias hospitalarias do CHUS, dúas despois da miña incorporación á lista de espera, onde se emiten informes que acreditan o proceso de deterioro que sufro e o como os problemas se reproducen na cadeira dereita. Finalmente, transcorridos 264 días desde que fun incluído na lista de espera e cunha demora de 174 desde que rematou o prazo para ser intervido cunha prioridade 2, o servizo de traumatoloxía comunica que debo ingresar no Hospital de Conxo o próximo día 11 de novembro para ser intervido o día seguinte.”
Este procedemento constitúe non só a negación efectiva do dereito de atención, facendo prevalecer criterios administrativos ou de medios fronte aos criterios clínicos, senón que ademais é unha vulneración total e absoluta do establecido na Orde do 19 de maio de 2003 do Servizo Galego de Saúde que establece que os pacientes con prioridade 2 é recomendable que sexan intervidos nun prazo inferior a 90 días.
Pero, o máis alarmante é que, de acordo coa información subsministrada polo aplicativo do SERGAS para a xestión das listas de espera estruturais, o 22 de outubro do 2024, 658 pacientes estaban incluídos nela agardando a ser intervidos neste servizo coa mesma prioridade 2 e tipo de asistencia que Manuel.
A falta de atención a Manuel F.A. nos prazos legalmente recomendados vai asociada a unha nula información por parte de traumatoloxía que se limita, a través do servizo de Atención ao Doente e da subdirección de Humanización, a responder con frases tipo sen engadir ningunha razón que xustifique a demora, aínda que os pacientes temos expresamente recoñecido no artigo 10.2. da Lei 8/2008, de saúde de Galicia, o dereito a coñecer e recibir verbalmente, con motivo de calquera actuación no ámbito da saúde, toda a información dispoñible sobre a mesma. Pero, ademais de non recibir información verbal, as respostas por escrito fanse sen que recollan a data e a sinatura, como requisitos formais mínimos esixibles a calquera administración que considere os cidadáns suxeitos de dereitos.
O resultado final de todo isto é un paciente que ve empeorada a súa situación social e clínica por falta de atención, un sistema público de saúde que vulnera un día si e outro tamén os dereitos dos pacientes, que coloca a persoas que precisan atención prioritaria nun limbo de total abandono e indefensión, e un clima de descrédito da sanidade pública en beneficio da privada que rompe o principio de equidade.
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS solicitará unha nova entrevista coa xerencia e co xefe do servizo de cirurxía ortopédica e traumatoloxía, coa intención de aclarar a situación de Manuel F.A. e dos centos de persoas a quen, coma a el, se lles está negando o dereito de atención nos tempos clinicamente requiridos. Esiximos que prevaleza o criterio dos especialistas sobre un mal entendido aforro, que supón en realidade, a medio e longo prazo, un custo moi superior en recursos, iso por riba do prexuízo de todo tipo que supón para cada unha das persoas afectadas e das súas familias.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)