Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 marzo, 2025
A pertinaz e irresponsable conduta dos xestores desta área sanitaria segue producindo sufrimento a pacientes que ven como as súas necesidades de atención se supeditan a criterios xerenciais do sistema público que, por falta de medios humanos, é incapaz de responder as demandas clínicas do persoal facultativo. Xosefa, paciente oncolóxica, relata, como despois de estar diagnosticada polo seu oncólogo, quen indica que precisa coidados hospitalarios, vese obrigada a acudir en padiola a urxencias porque desde o hospital de día non foron capaces de conseguir unha cama dispoñible. Este é o seu testemuño:
“O meu nome é Xosefa B.G, e son paciente de cancro de mama en tratamento. O pasado día 13 de marzo, o meu oncólogo cítame ás 8:00 horas no CHUS porque, como consecuencia da medicación que me pautaron, detectáronme unha inflamación do fígado. Considera que é unha doenza que precisa atención hospitalaria e que, polo tanto, debería ingresar en planta. O problema é que non hai camas dispoñibles e dime que tratará de xestionar ao longo do día unha para que poida ocupala. Agardo 12 horas no hospital de día oncolóxico, ata as 8 da tarde, momento no que o especialista me informa de que non conseguiu cama e que, ante esta situación, a única saída é que vaiamos por urxencias. Así o facemos e a esa hora son traslada en padiola a urxencias como unha paciente máis. Alí, a pesar da miña doenza oncolóxica e dos síntomas hepáticos, asígnanme na triaxe a cor azul (sen urxencia de atención) e, automaticamente, colócanme no corredor xunto cos outros pacientes, moitos deles con enfermidades contaxiosas que poden causarme un dano físico que complique aínda mais o meu estado de saúde. Nesta situación estou ata as 12 da noite, hora na que por fin me asignan un cubículo. Despois de pasar a noite en urxencias, ao día seguinte fanme un TAC e ás 6 da tarde ocupo a cama en planta. Como paciente oncolóxica, considero que non se están usando adecuadamente os recursos sanitarios dispoñibles, que o trato que me está dando o sistema público de saúde atenta contra a miña dignidade, e que non recibín a atención hospitalaria que preciso e que o meu oncólogo considera adecuada, dado o meu estado de saúde.”
De acordo coas recomendacións estándares de calidade da unidade de hospitalización de día oncolóxica publicado polo Ministerio de Sanidade no ano 2009, os profesionais adscritos a ela deben ter a capacidade de dar a alta do paciente ou requerir o ingreso nunha unidade de hospitalización convencional (páxinas 43 e 44). O informe indica expresamente que nos hospitais de día debe de existir un dispositivo para atender pacientes non programados que requiran atención de xeito imprevisto, evitando que acudan con este obxecto a urxencias, co fin de garantir a continuidade asistencial (páxina 107). Pois ben, o testemuño de Xosefa pon de manifesto que a unidade do CHUS foi incapaz de darlle tratamento continuado asignándolle a cama hospitalaria que precisaba, porque non existía persoal suficiente para estar dispoñible antes da hora do peche do hospital de día. O oncólogo viuse obrigado a darlle a alta, a pesar de que a súa situación clínica requería atención hospitalaria, e trasladouna en padiola a urxencias, onde foi sometida a probas protocolarias a pesar de xa ter un diagnóstico concreto e unas necesidades de atención xa establecidas. Antes de conseguir unha cama e de ser atendida, tivo que soportar a vulneración do seu dereito á dignidade e á intimidade ao ser colocada, xunto con outros 19 pacientes, durante 4 horas nos corredores de acceso, sen ter en contra a súa condición de paciente oncolóxica e o risco de padecer doenzas infecciosas por tratarse dunha paciente cunha eventual inmunodepresión. Despois dun periplo de sufrimento de 34 horas, ocupa unha cama hospitalaria ás 18:00 horas do día seguinte, 14 de marzo.
Os feitos narrados supoñen un evidente maltrato asistencial que conleva, non só un gran sufrimento físico e psíquico, senón tamén un risco potencial de padecer efectos adversos ou danos irreversibles, por non recibir a atención hospitalaria requirida polos oncólogos no momento exacto e sen demoras. Nos pacientes con doenzas graves e tempo dependentes como son os oncolóxicos, o abandono asistencial pode afectar á esperanza de vida, e a capacidade futura de recuperación.
Os responsables do hospital de día oncolóxico incumpriron con Xosefa a súa obriga de atención continuada ao darlle a alta cando precisaba ingreso hospitalario. A xerencia e os responsables dos servizos de urxencias vulneran reiteradamente os dereitos fundamentais das persoas ao ser colocadas nos corredores e converten o servizo nun aparcamento de pacientes en espera de ocupar unha cama, con plena e manifesta perversión da atención urxente que se debe dispensar e que se recolle na Lei de Saúde de Galicia.
Esiximos que o hospital de día oncolóxico do CHUS actúe de acordo cos estándares de calidade e recomendación do Ministerio de Sanidade e estableza o dispositivo necesario para que pacientes non programados poidan ser ingresados en planta cando así o requiran os facultativos da unidade. Finalmente, reclamamos, unha vez máis, que se poña fin ao maltrato asistencial nos servizos de urxencias e se deixe de colocar os pacientes nos corredores de acceso.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)