Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 abril, 2024
Míriam Louzao, concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, participou este xoves nunha entrevista con Álvaro Veiga en Radio Líder Santiago, onde abordou o controvertido anuncio respecto ao control do fluxo turístico nas zonas de maior afluencia de visitantes na capital galega. Esta medida xorde como parte dun proceso «en fase de estudo» por parte do grupo de goberno municipal, co obxectivo a medio e longo prazo de implementar accións que se consideren necesarias, sempre en consenso co sector turístico.
A concelleira nacionalista ten claro que a prioridade é apostar pola calidade do turismo, en lugar de simplemente «buscar números» e por iso que «estamos traballando cara un novo modelo turístico que, cremos, necesita a cidade, onde o turista respecte o ritmo do día a día da veciñanza», explica.
Louzao é consciente que o modelo turístico que se pretende se implantar «non se cambia dun verán para outro», pero «temos que ir traballando, reflexionando e actuar en varios ámbitos como a mellora da xestión do fluxo turístico, en determinados lugares e en determinados momentos do ano». Para iso asegura que están a estudar as ordenazas municipais actuais para, nun futuro, poder modificalas se fora necesario. Confirma que a primeira medida a implantar será a de limitar o número de grupos acompañados por guías turísticos, norma que xa implantaron cidades como Barcelona ou Donosti.
O estudo pretende establecer medidas que limiten o fluxo turístico, non só co obxectivo de ofrecer unha experiencia máis auténtica aos visitantes, senón tamén para favorecer a convivencia entre os veciños e traballadores locais coa chegada de turistas. Esta medida procura mitigar os impactos negativos asociados ao turismo masificado e favorecer un equilibrio sustentable entre a actividade turística e a vida cotiá dos locais. Ademáis, confía en que esta futura ordenanza permitirá que os turistas poidan descubrir outros recunchos e paisaxes da capital, ademais de aliviar a presión sobre as zonas máis concurridas.
Louzao subliñou a importancia de que este proceso se leve a cabo de forma consensuada co sector turístico, tendo en conta as súas necesidades e preocupacións. As accións futuras estarán orientadas a preservar e potenciar a riqueza cultural, histórica e natural da cidade de Santiago, ao tempo que se busca garantir unha experiencia gratificante para os visitantes e unha convivencia harmoniosa coa veciñanza.
Louzao tamén engadiu que a campaña de Fráxil, presentada polo Concello de Santiago no marco de Fitur, «convida a vir á nosa cidade e a ter o dereito de gozar de Compostela en positivo, indicando que as persoas que nos visitan tamén teñen que coidar Compostela».
Xa na recta final e en resposta as voces críticas sobre a implantación desta medida, Louzao deixou claro que «este goberno non ten turismofobia, só queremos mellorar a experiencia dos visitantes», e lamenta as afirmacións do PP de Santiago ao afirmar que o BNG compostelán ve ao turista e ao peregrino como «inimigos» algo que desminte categóricamente afirmando que esas manifestacións «son un serio perigo» para a propia cidade e a nosa imaxe de cara ao exterior.
A entrevista completa no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
compostela fluxo goberno limitacion medidas radio lider santiago santiago turismo turistas visitantes
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)