Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today5 abril, 2024
Esta ferramenta, pioneira en todo o mundo, pode ser de aplicación para a dixitalización doutros textos medievais
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2024.- O Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago creou a Base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa (PalMed), en colaboración co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e con financiamento do Ministerio de Economía para a súa posta en marcha. Este proxecto, realizado grazas aos progresos tecnolóxicos acadados nas últimas décadas no ámbito das Humanidades Dixitais, é froito do traballo dun equipo multidisciplinar liderado polas catedráticas de Filoloxía Románica Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín, xunto ao doutor Antonio Fernández Guiadanes e o informático Carlos Sánchez.
Unha das investigadoras principais deste proxecto é Carmen de Santiago, responsable dunha boa parte das tarefas relativas á codificación e marcaxe dos textos. A doutora sinala que PalMed ofrece a transcrición paleográfica de todas as cantigas que chegaron ata os nosos días, é dicir, a transcrición literal dos textos tal e como están copiados nos cancioneiros. As transcricións van acompañadas das imaxes dos manuscritos. Ademais, engádese información sobre os caracteres orixinais naqueles casos nos que a súa lectura pode resultar máis complexa, como é o caso do sistema de abreviaturas empregado polos distintos copistas dos códices. “Trátase dunha base de datos pioneira a nivel internacional, xa que non existe outra igual de conservadora e coas mesmas características para ningunha tradición literaria medieval” -indica a investigadora-.
Esta base de datos recolle todas as cantigas da lírica profana galego-portuguesa que se coñecen na actualidade, unhas 1.700. A investigadora explica que unha mesma cantiga pode estar copiada en varios códices e que hai variacións duns a outros, o que fai que se multiplique o número de textos, elevando o corpus analizado a uns 3.200 documentos diferentes. Así, neste recurso reúnense todas as variantes dunha mesma composición, coa correspondente transcrición de cada unha.
A ferramenta permite comparar as distintas versións que se nos transmitiron das cantigas trobadorescas
“O que diferencia a PalMed do resto das transcricións en liña é que, a través dunha sinxela páxina web de acceso libre, ofrece a posibilidade de acceder a todos os testemuños que nos legou a poesía dos nosos trobadores e xograres medievais desde distintos niveis de consulta. Deste xeito, os usuarios poden visualizar as reproducións dixitais de cada un dos folios destes manuscritos, follear a súa transcrición, cotexar verso a verso as distintas versións que se nos transmitiron das cantigas e mesmo realizar buscas combinadas sobre múltiples aspectos relativos tanto aos textos en particular como a cada códice no seu conxunto” -sinala a experta-. Desde o punto de vista dos códices, pódese obter información referente ao número de folios que o compoñen, a posición que ocupa unha determinada cantiga no folio, os copistas que interviñeron…, entre outros aspectos.
Unha ferramenta de grande utilidade para os investigadores
Esta web ofrece información que pode ser de interese para distintos sectores da sociedade, sobre todo docentes e estudantes de diferentes niveis educativos, en particular universitarios. Non obstante, -tal como salientan os seus autores- “a exhaustividade da codificación informática dos datos facilita especialmente a súa explotación con fins investigadores”. En relación a isto, remarcan o feito de que non se trata dunha simple transcrición de textos, senón que se achega información de cada palabra, de cada verso, e para poder engadir esta información cómpre codificala. Os investigadores poñen de relevo que “a precisión na codificación dos datos permitirá adaptar este sistema á dixitalización doutras tradicións literarias medievais”.
Esta ferramenta concibiuse como un complemento de MedDB, a Base de datos da lírica profana galego-portuguesa que nos anos 90 puxo en liña as edicións críticas de referencia de todas as composicións dos trobadores. “Esta base de datos achega información de tipo literario, relativa ao contido das cantigas, mentres que a nova ferramenta que desenvolvemos é unha transcrición dos textos, que permite, por exemplo, facer estudos gráficos, gramaticais ou editorais. Así mesmo, con MedDB e PalMed ponse en valor o traballo dos paleógrafos e dos filólogos, dado que o usuario interesado na lectura das cantigas e na visualización de manuscritos deste tipo será consciente do labor previo que require ofrecer en liña dito material» -apunta Carmen de Santiago-.
A hipótese da procedencia do Pergamiño Sharrer
O investigador do Grupo de Románicas Antonio Fernández Guiadanes defendeu hai unhas semanas a súa tese de doutoramento, na que reúne unha transcrición exhaustiva das máis de mil cantigas que comparten o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, resultado de máis de dúas décadas de estudo, e que tamén están incorporadas á nova base de datos.
Tal como explica o autor, “estes dous códices foron copiados na Curia romana no primeiro terzo do século XVI, aproximadamente 200 anos despois de que se compuxesen as últimas cantigas do movemento trobadoresco. O responsable de que se realizasen as dúas copias foi o estudoso humanista Angelo Colocci, a quen lle debemos a gran maioría do legado lírico profano galego-portugués que conservamos”.
O investigador galego sinala que “Colocci conseguiu facerse cun cancioneiro medieval, con seguridade de mediados do século XIV e procedente de Portugal, que na actualidade está desaparecido”. Respecto a isto, Fernández Guiadanes defende a supervivencia dun folio deste cancioneiro, que el identifica co denominado Pergamiño Sharrer, descuberto en 1990 por Harvey Sharrer na Torre do Tombo, en Lisboa.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)