AD

Arte y Cultura

Luis Zahera e Costa-Gavras non poderán asistir á 37ª edición de Cineuropa

today14 noviembre, 2023

Fondo
share close
AD

Unha indisposición do intérprete compostelán imposibilita a súa viaxe a Santiago, polo que a entrega do premio Cineuropa se apraza á 38ª edición do festival. Carmen Claudín, colaboradora próxima e amiga de Jorge Semprún, presidirá a mesa redonda en homenaxe ao centenario do nacemento do escritor e guionista.

A entrega do Premio Cineuropa ao actor Luis Zahera terá lugar na 38ª edición de Cineuropa. Unha indisposición do intérprete imposibilita a súa presenza en Compostela nas datas previstas, polo que o festival decidiu aprazar a homenaxe ao 2024 para que o público da cidade poida recibilo como merece e aplaudir de novo o seu traballo.

O actor pediu ao equipo do festival que trasladase ao público de Cineuropa a súa pena polo adiamento desta cita e o fondo desexo de reencontrarse coa veciñanza de Compostela na vindeira edición.

Malia o aprazamento da cerimonia de entrega do premio, Cineuropa mantén a proxección do filme El Reino prevista para a tarde do 15 de novembro, polo que as persoas que conten cun convite para asistir á sesión poderán gozar igualmente da película de Rodrigo Sorogoyen que lle valeu a Luis Zahera o seu primeiro Premio Goya.

Carmen Claudín presidirá a conmemoración do centenario de Jorge Semprún

Unha intervención cirúrxica menor pero non prevista impedirá tamén a Costa-Gavras viaxar a Compostela para presidir a mesa de conmemoración do centenario do nacemento de Jorge Semprún no marco de Cineuropa. O director expresou ao equipo do festival a súa fonda tristeza por non poder participar neste acto de homenaxe a quen foi un amigo e compañeiro esencial na viaxe creativa.
Finalmente será Carmen Claudín, outra das personalidades máis próximcas biográfica e politicamente a Jorge Semprún, quen presidirá a mesa de debate e conmemoración do centenario do seu nacemento, que se desenvolverá o próximo sábado 18 de novembro no CGAC.

Alén dunha das protagonistas e testemuñas principais de As dúas memorias, a única película dirixida polo escritor, guionista e político, Carmen Claudín acompañou o seu pai Fernando Claudín e a Jorge Semprún na expulsión do Partido Comunista Español de 1964. Fernando Claudín pode considerarse o pai político de Semprún no PCE e, malia pertencer a unha xeración anterior –a do secretario xeral, Santiago Carrillo– formou con este unha dupla que provocou a maior crise histórica do PCE ao desafiar a liña do partido que confiaba nunha caída inminente do franquismo dende os anos 50.

Carmen Claudín é investigadora sénior asociada de CIDOB (Barcelona Centre for International Affairs), ​​onde foi directora de investigación e directora adxunta durante varios anos. Ten un Mestrado en Filosofía pola Université de la Sorbonne Paris I, onde tamén cursou un posgrao en Historia, especializado en historia rusa e soviética. O seu libro, Lénine et la révolution culturelle (La Haye: Mouton, 1975) foi traducido ao inglés e ao español. Viaxou extensamente por toda a rexión post-soviética e foi observadora electoral da OSCE en Taxikistán, Rusia, Bielorrusia e Ucraína. Forma parte do padroado do Migration Policy Group, Bruxelas. É tamén integrante do Consello Asesor da Oficina Rexional de Cooperación e Paz en Europa (ROCPE) con sede en Viena e do Grupo de Estratexia UE-Rusia, convocado polo European Council on Foreign Relations (ECFR).

A mesa de debate sobre a figura vital, política e creativa de Jorge Semprún, como escritor de máis de 20 novelas e 14 guións de cinema dous deles candidatos ao Óscar, completarase coa presenza do historiador e escritor cinematográfico José Manuel Sande e do director de Cineuropa, Jose Luis Losa.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%