AD

Actualidad

‘Macho Grita’ e ‘Amal’ centran a axenda escénica de Compostela para a fin de semana

today12 abril, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

Alberto San Juan parte do mito de Don Xoán para revisar a historia de España en ‘Macho Grita’, un espectáculo da Compañía Nacional de Teatro Clásico que encherá o venres o Teatro Principal. A compañía La Baldufa tomará as táboas da rúa Nova o sábado con ‘Amal’, un traballo para público familiar que se atopa entre os recomendados pola Rede Española de Teatros.

O Teatro Principal acolle esta fin de semana dous novos espectáculos da axenda escénica de Compostela Cultura. O primeiro deles, ‘Macho Grita’, terá lugar este venres, día 12 de abril ás 20.30 horas, nunha función que esgotou hai meses as butacas dispoñibles. Alberto San Juan escribe, dirixe e interpreta esta revisión do mito de Don Xoán que presenta como «unha crónica da miña propia cegueira sobre a historia do meu país. Un intento farfallán de aproximación ao proceso histórico polo cal se constrúe a norma que establece que é ser español. Unha tentativa de entender como se constrúe o sistema de poder xerárquico que nos goberna, como se constrúe o macho –entendido como vontade de dominio–, neste territorio chamado España». A Compañía Nacional de Teatro Clásico produce esta comedia en formato musical na que San Juan estará acompañado dunha banda integrada por Claudio de Casas, guitarra, Miguel Malla, saxo e teclado, Gabriel Marijuán, batería, e Pablo Navarro, contrabaixo. O espectáculo forma parte do Foco A Voltas cos Clásicos de Compostela Cultura, un ciclo que move á reflexión sobre a canonización de obras esenciais e históricas da escena teatral e reúne adaptacións que delas se fan na actualidade.

O sábado, día 13 de abril, ás 18.30 horas chegará o momento para gozar en familia co ‘Amal’ da Companya de Comediants La Baldufa, un traballo candidato a Mellor Espectáculo Nacional de Circo nos XXVI Premios da Crítica de Artes Escénicas e que se atopa entre os recomendados pola Comisión de Circo da Rede Española de Teatros. ‘Amal’ afonda no potencial da creación escénica como estímulo para a reflexión social e aborda a problemática migratoria. En palabras desta compañía que recibiu o Premio Nacional de Teatro en 2020: «Nun momento complexo e difícil en moitos aspectos, pensamos que os artistas debemos tomar parte, implicarnos e comprometernos coa sociedade na que vivimos. Isto implica tamén contar historias que fagan reflexionar, propostas que interpelen ao público, que removan. Que reforcen o papel da cultura como aquel baluarte de liberdade desde onde forxamos un espírito crítico necesario para reinventar o mundo que habitamos e comprometernos coa sociedade na que vivimos». Teatro e circo combínanse na construción da historia dunha moza que, tras vivir os horrores da guerra no seu país, busca refuxio en Europa. O espectáculo pon o foco na experiencia das persoas migrantes para visibilizar a súa realidade e fomentar a empatía do público, tamén do público máis novo, nunha peza divertida e engaiolante que demostra que entretemento e crítica social poden ir da man.

As entradas para este espectáculo poden ser adquiridas a un prezo de 3 euros na páxina web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, en horario de 11 a 14 e de 16 a 19 horas) e no do propio teatro (o día do espectáculo dende unha hora antes do seu inicio).

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%