Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Ao longo destes anos a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou reiteradamente as carencias estruturais da plantilla do servizo de radioloxía. Pois ben recentemente pacientes que están a espera dunha proba puxeron no noso coñecemento que neste momento 6 radiólogos están en situación de baixa temporal sen que se contratara persoal de substitución.
Persiste a contumaz conduta dos directivos desta área sanitaria de cargar sobre as costas dos pacientes as demoras producidas na realización de probas diagnósticas como consecuencia da insuficiente dotación de medios humanos.
De acordo cos últimos datos publicados polo SERGAS referidos ao 30/06/2023 nesta área sanitaria un total de 17.095 persoas estaban a espera dunha proba diagnóstica. E isto sen contar cos miles de pacientes que agardan a realizar a segunda e sucesiva proba de control e avaliación que non son obxecto de publicación.
Tempo de demora (meses) | A 31/12/2019 (1) | A
31/12/2022 |
A
30/06/2023 |
Aumento/diminución 12/2019-06/2023 | Aumento/diminución 12/202-06/2023 |
De 0 a 3 | 7.263 | 10.824 | 11.711 | +4.448 | +887 |
De 3 a 6 | 889 | 2.812 | 3.851 | +2.962 | +1.039 |
De 6 a 12 | 556 | 1.405 | 1.489 | +933 | +84 |
Mais de 12 | 12 | 2 | 44 | +32 | +42 |
Total | 8.720 | 15.043 | 17.095 | +8.375 | +2.052 |
(1)Antes da declaración da alarma sanitaria.
(2)Fonte SERGAS.
Os datos oficiais que se recollen no cadro axunto, aínda sendo parciais, mostran unha situación de grave deteriorización nos tempos de espera comparando o primeiro semestre do ano 2023 cos datos do ano 2022 e cos inmediatamente anteriores ao 2020, cando se declara a alarma sanitaria. En termos absolutos as persoas en espera por unha proba diagnóstica aumentan, respecto do ano 2022 en 2.052, concentrándose no tramo de espera de 3 a 6 meses. Respecto do ano 2019, o aumento absoluto de pacientes en espera foi nada mais e nada menos que de 8.375 (96 por 100 de incremento). Resulta evidente que este aumento tan relevante non pode responder á existencia de pacientes en espera de acordo co tempo pautado, senón a demoras que exceden da pauta médica. As cifras mostran só unha parte da degradación do sistema. Non mostran o sufrimento e o dano causado pola demora na atención, nin a relación existente entre a gravidade da doenza e a demora na realización da proba.
As dificuldades que podan existir para substituir a persoal sanitario especializado, non pode ser a excusa para que toda deficiencia de medios humanos se resolva aumentando os tempos de espera dos pacientes e incrementando a presión laboral sobre o resto dos profesionais. Polo tanto non é aceptable que, con esta evolución tan negativa das listas de espera, queden sen cubrir postos temporalmente vacantes da plantilla que impacta sobre as demoras nas probas e que nas doenzas tempo-dependentes poden causar danos irreparables. Por todo isto, esiximos unha vez mais que pola xerencia e o SERGAS se dimensionen adecuadamente as plantillas para reducir as listas de espera e os tempos de demora para as probas diagnósticas.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)