Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 marzo, 2025
Marta Rodriguez Lorenzo (izquierda), Antonio Rodríguez Núñez (1º derecha en la foto superior) y SEUR (plantilla de Seur Santiago)
O Padroado da Fundación Down Compostela acordou por unanimidade recoñecer o traballo da psicóloga e exdirectora da fundación Marta Rodríguez Lorenzo, do investigador e catedrática da USC Antonio Rodríguez Núñez e da empresa Seur Geopost, concedéndolles os Premios Down Compostela 2025 por facilitar a integración social e laboral das persoas con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual.
Os galardóns entregaranse o vindeiro 20 de marzo na gala que se celebrará na sala Mozart do auditorio de Galicia e na que as persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual volverán ser as protagonistas, xa que presentarán o acto e entregarán a escultura de Cándido Pazos que simbolizan estes premios, que celebran a súa dudodécima edición. O acto comezará ás 19.30 horas para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebra ao día seguinte tras a decisión da ONU de dedicar o 21-3 ás persoas con Trisomía 21 dende o ano 2012.
Con estes galardóns, o Padroado da Fundación quere recoñecer a contribución de Marta Rodríguez ao desenvolvemento de Down Compostela durante os case 25 anos que traballou como directora da entidade, sendo un referente para as familias e poñendo en marcha moitos dos programas que contribuíron a mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down.
De Antonio Rodríguez Núñez resáltase a súa visión para contar coas persoas con trisomía 21 e ter en conta assúas aportacións nalgunhas das investigacións que dirixe dende o IDIS, e tamén por facilitar a sensibilización do alumnado de Enfermería da USC.
Tamén se recoñece a aposta que Seur fixo en Santiago de Compostela por incorporar ao mercado laboral a persoas con discapacidade intelectual, contratando hai tres anos a Manuel Otero
O Padroado da Fundación, nunha reunión extraordinaria celebrada o 18 de febreiro, acordou por unanimidade conceder os galardóns, en base aos seguintes argumentos:
Marta Rodríguez Lorenzo
Por ser un referente para todas as familias e profesionais de Down Compostela durante os máis de vinte anos que traballou como directora da Asociación e da Fundación, poñendo en marcha moitos dos programas que contribuíron a mellorar a autonomía e calidade de vida das persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual.
Como psicóloga, Marta Rodríguez formou parte da primeira unidade de Atención Temperá que se creou no hospital de Santiago en 1980, labor que continuou despois no seu gabinete profesional. Formou parte da directiva da Asociación Galega de Atención Temperá e tivo unha contribución significativa na elaboración do primeiro Libro Branco de Atención Temperá, unha obra de referencia en toda España.
En 1999 aceptou a proposta dunha ducia de familias e decidiu cambiar todo o que tiña construído para convertese na primeira profesional de Down Compostela e iniciar unha aventura que hoxe segue máis viva ca nunca.
Profesional de recoñecido prestixio, Marta Rodríguez sempre soubo poñer o foco na persoa, dándolle valor ás súas capacidades e fomentando as súas habilidades. Puxo en marcha moitos dos programas que hoxe seguimos desenvolvendo en Down Compostela: atención temperá, apoio á integración educativa, inclusión social, emprego con apoio na empresa ordinaria e nas administracións e os primeiros pasos da vida independente. Foi, ademais, un referente e nexo de unión para todas as familias de Down Compostela e un apoio moi importante para o equipo directivo ata que se xubilou en 2023.
Sempre disposta a escoitar, emprender novos camiños e afrontar retos, o traballo de Marta Rodríguez en pro dos dereitos das persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual foi fundamental para que moitas delas acadaran as súas metas, e outras moitas estean máis preto de conseguilas.
Antonio Rodríguez Núñez
Por facer visible e ter en conta as achegas das persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual en diferentes investigacións que lidera dende o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e facilitar a sensibilización do alumnado da facultade de Enfermería da USC, na que é catedrático.
Xefe de sección de Pediatría Crítica, Coidados Intermedios e Paliativos Pediátricos do CHUS e máster en Bioética, Antonio Rodríguez demostrou a través de estudos científicos que as persoas con Síndrome de Down poden realizar manobras de reanimación cardiopulmonar. Tamén puxo de manifesto as capacidades do colectivo para salvar a vida doutras persoas e para tomar decisións sobre a súa propia saúde.
Antonio Rodríguez ten en conta as achegas das persoas usuarias de Down Compostela para desenvolver un chatbot sobre hábitos de vida saudable no que segue a traballar. E, xunto ao seu equipo, quere abrir novos camiños para facilitarlle a autonomía e a vida independente ás persoas con trisomía 21 ou discapacidade intelectual utilizando as novas tecnoloxías.
Cunha mente inqueda como a de Antonio Rodríguez Núñez, as persoas con discapacidade teñen máis fácil demostrar todo o que son capaces de facer.
Seur Geopost Santiago
Pola súa aposta pola inclusión laboral de persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual e polo seu forte compromiso coa responsabilidade social, facendo efectivo o dereito ao traballo e garantindo a igualdade de oportunidades.
En 2022, Seur Geopost incorporou ao seu cadro de persoal en Santiago a Manuel Otero cun contrato indefinido. Dende entón, e ademais de crecer persoal e profesionalmente, Manuel puido demostrar a súa valía, contribuíndo a visibilizar as súas capacidades e habilidades.
Orgullo de formar parte de Seur, Manuel é un exemplo de normalización, autonomía, compromiso, responsabilidade, perseveranza e compañeirismo. Grazas á confianza depositada polos directivos da empresa na súa valía e no servizo de emprego con apoio de Down Compostela, o soño de Manuel de poder traballar e formar parte dun equipo fíxose realidade.
Grazas á Seur Geopost por crer nas persoas con discapacidade e contribuír á inclusión real e efectiva, demostrando que as persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual teñen cabida nesta empresa.
Premiados en edicións anteriores
Na primeira edición dos Premios Down Compostela, celebrada no 2012, foron galardoados o Concello de Santiago, a empresaria Sofía Cebro e Julio Castro Marcote, director do Hostal dos Reis Católicos. No 2013, os II Premios Down Compostela foron entregados ao CIEP Pérez Viondi de A Estrada, Pizza Móvil e BBVA. Os premiados no 2014 foron María García Quintas, a Asociación Cultural Rosalía de Castro, de Cacheiras (Teo), e a farmacéutica Keramat (Milladoiro, Ames).
No 2015 recibiron os Premios Down Compostela o catedrático de Estomatoloxía da USC Pedro Diz Dios, o Instituto As Fontiñas e Limpezas Salgado. No 2016 os galardoados foron o Concello de Rianxo, Leroy Merlín e José Antonio Rey. No 2017 foron entregados á ex directora do BBVA, Carmen Barbeito, o colexio Divino Maestro e a empresa XADE (que xestiona o Multiusos Fontes de Sar e Santa Isabel).
Os premios DOWN COMPOSTELA de 2018 foron para o Colexio Nuestra Señora del Rosario de Arzúa (colexio Atocha), a empresa Cafento, a directora do Centro Instituciones Galicia de Caixabank, María Jesús García Piñeiro; e a voluntaria Malena González Barreiro. No 2019 a Fundación premiou a Lourdes González-Laganá e Mar Caamaño; Vero Boquete, a escola infantil municipal de Meixonfrío e a empresa Universo Milongas. Os IX Premios Down Compostela –que se entregaron en 2022 tras quedar suspendidos no 2020 e 2021 pola pandemia do coronavirus– foron para a doutora María José Fernández Seara, o artista Xurxo Martiño e a empresa Emetel.
En 2023, os Premios Down Compostela recaeron en Burger King, a Escola de Música Play e o empresarios José María Fernández “Chema”, e no ano 2024 recibiron o galardón Ofelia Vieites, El Corte Inglés de Santiago de Compostela e o IES Antón Losada Diéguez da Estrada.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)