AD

Actualidad

Médicos galegos confirman que pacientes con EPOC melloran a sua calidade de vida grazas á balneoterapia

today24 abril, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

  • As enfermidades das vías respiratorias representan entre o 9 e o 21% de todos os tratamentos de balneoterapia
  • O ciclo “A saúde é o que importa” abordará esta tarde os beneficios da terapia termal con estes pacientes 

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2024 (Vía Láctea Comunicación).- Baixo o título “A saúde é o que importa”, a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia promove un ciclo destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico actual das augas mineromedicinais. Esta iniciativa cumpre a súa 6ª edición.

Esta tarde, a partir das 19:30 horas, celebrarase a primeira sesión deste ano, no salón Rahid do compostelán Hotel Araguaney, con entrada libre ata completar aforo. Consistirá nunha mesa redonda na que se abordarán as indicacións actuais da cura termal para o tratamento de patoloxías otorrinolaringolóxicas e respiratorias. Estará moderada polo director da Cátedra, o doutor Juan Gestal. Os expertos participantes manterán un coloquio posterior co público asistente ao encontro e proxectarase ademais o documental “A balneoterapia na patoloxía respiratoria”.

A melloría dos paciente con patoloxías respiratorias

Pola súa parte, o doutor Francisco Javier González Barcala, profesor titular de Pneumoloxía da Universidade de Santiago e facultativo especialista do Servizo de Pneumoloxía do CHUS, abordará as doenzas respiratorias. Pon de relevo que “en Galicia disponse dunha gran riqueza de augas mineromedicinais, con características diferentes que nos permiten adecuar os tratamentos ás necesidades de cada paciente. Un dos efectos beneficiosos claros da balneoterapia deriva do seu gran potencial para orientar aos enfermos a estilos de vida saudables por medio da educación e información sanitaria, permitindo mellorar a prevención primaria e secundaria destas doenzas”.

O experto asegura que “todos os tipos de augas termais utilizadas para inhalacións reducen o número de células inflamatorias no lavado broncoalveolar e no esputo obtido tras indución con soro nebulizado. En pacientes con EPOC a presión hidrostática exercida durante a inmersión permite mellorar a espiración, reduce o volume residual e o atrapamento aéreo”.

O doutor indica que en estudos recentes realizados con pacientes con enfermidades inflamatorias da vía aérea superior comprobouse a melloría dos síntomas, así como a modificación da expresión de xenes activadores da reparación de tecidos e de vías inflamatorias. No caso dos pacientes con EPOC, afirma que se observaron mellorías significativas na calidade de vida, diminuíndo a inflamación e mellorando os mecanismos celulares de defensa.

Por outro lado, o doutor González Barcala apunta que “a inhalación de augas sulfurosas demostrou reducir os procesos inflamatorios e oxidativos, protexendo así do dano en diversos xenes que poden favorecer o desenvolvemento de tumores ou de enfermidades dexenerativas”. Segundo o experto, outros efectos destas augas son que melloran a fluidez do moco, de forma que se favorece a súa eliminación.

A balneoterapia ten un papel relevante como tratamento complementario de rinites, sinusites, otites e enfermidades crónicas da farinxe

O doutor Andrés Soto Varela é profesor titular da Universidade de Santiago e xefe do Servizo de ORL do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). Na súa intervención centrarase nas patoloxías otorrinolaringolóxicas. Nesta liña, afirma que “a balneoterapia ten un papel relevante como tratamento complementario de varias enfermidades da área otorrinolaringolóxica, sobre todo daquelas que teñen a súa orixe na vía aérea superior, é dicir, nas fosas nasais e seos paranasais, na farinxe ou na larinxe”.

O experto explica que a indicación de realizar lavados das fosas nasais con auga de mar ou con soro fisiolóxico forma parte do día a día do tratamento de varias destas doenzas. “Ademais do efecto directo de limpeza e arrastre mecánico de secrecións, os lavados con líquidos que teñen unha concentración de sales minerais similares á do sangue melloran o funcionamento da mucosa do nariz e dos seos paranasais, permitindo unha mellor respiración a través das fosas nasais e unha menor produción de moco. É fácil comprender, por tanto, que a balneoterapia ou uso de augas con propiedades mineromedicinais cando menos igualará a efectividade destes lavados con soro fisiolóxico, aumentando en moitas ocasións a súa eficacia. De feito, os tratamentos para as enfermidades das vías respiratorias representan entre o 9 e o 21% de todos os tratamentos de balneoterapia” -apunta-.

“No caso das doenzas otorrinolaringolóxicas, a utilización de augas mineromedicinais é un tratamento complementario do farmacolóxico e/ou cirúrxico. Os baños, irrigacións e duchas nasais son útiles para axudar á resolución das infeccións dos seos paranasais (as sinusites), no manexo de pacientes con rinites crónicas e tamén na recuperación postoperatoria dalgunhas cirurxías rinosinusais” -asegura o doutor-.

O doutor Soto sinala que estes lavados nasais son útiles tamén como complemento ao tratamento dalgúns tipos de otite media. Así mesmo, destaca que son moi efectivos os gargarismos e as pulverizacións no caso das doenzas crónicas da farinxe. “O contacto directo da auga mineromedicinal coas paredes da farinxe e das amígdalas axuda a eliminar secrecións e a limpar residuos introducidos nas criptas amigdalares” -indica-.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%