Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 diciembre, 2025
Lucía Calvo de la Uz aborda no especial A Alcaldesa Responde os principais problemas trasladados pola veciñanza: tráfico en Montouto, licitacións, estradas sen competencia municipal, abastecemento de auga e prioridades en infraestruturas e emprego.
O despacho da alcaldía do Concello de Teo acolleu unha nova edición do especial A Alcaldesa Responde, un programa aberto ás preguntas reais de veciños e veciñas. Sen guión pechado e alternando notas de audio e mensaxes escritas, a rexedora respondeu con detalle a cuestións de mobilidade, servizos básicos, contratación pública, formación e Nadal, defendendo unha xestión “de territorio” e respectuosa co marco competencial.
Un dos primeiros asuntos foi o impacto das gravacións televisivas na contorna de Montouto. A alcaldesa recoñeceu as molestias puntuais, pero subliñou a dificultade de atopar solucións estruturais: “Somos conscientes do problema, pero o espazo non o podemos inventar”, lembrando que se trata dun ámbito privado e dun evento semanal que xera emprego.

Traballadores dunha empresa concesionaria trasladaron a súa preocupación polos atrasos. Calvo de la Uz explicou que o contrato —o maior do concello— sufriu paralizacións por reclamacións ante o tribunal administrativo, e pediu paciencia: “Teño máis présa ca eles en que se resolva”. Avanzou que o novo contrato inclúe cambio de colectores, limpeza de sendas e melloras non cubertas ata agora, insistindo en que “non nos esquecemos de ninguén”.
Sobre a vía Milladoiro–Pontevea, con queixas polos pasos elevados, foi contundente: “Non podo actuar en estradas que non son da miña titularidade; iso sería prevaricar”. A alcaldesa asegurou ter trasladado reiteradamente as demandas á Deputación e defendeu que o concello actúa onde ten competencia, priorizando solucións menos lesivas recomendadas por Urbanismo e Policía Local.
Veciños de Feros denunciaron a falta de auga corrente e saneamento. A rexedora coincidiu no diagnóstico: “Non é normal no século XXI”, e aclarou o procedemento: solicitude formal a Augas de Teo, estudo técnico de cotas e viabilidade, e execución cando é posible. Convidou expresamente a concertar cita coa alcaldía: “Atendemos a todo o mundo; esta é a súa casa”.
Ante a petición de novas sendas peonís, defendeu unha planificación baseada no impacto social: “Os recursos non son ilimitados; a prioridade son os centros escolares e a seguridade dos menores”. As novas actuacións chegarán de maneira progresiva, segundo a dispoñibilidade orzamentaria.
Sobre o proxecto de conexión entre a N-550 e a AC-841, indicou que é unha obra estatal e que o concello pediu rotondas, vías de servizo e elementos de seguridade para protexer vivendas e negocios. “Ata que o vexa no terreo, non mo creo”, advertiu, sinalando riscos se non se executan as melloras solicitadas na «mal chamada humanización».
A alcaldesa lembrou a existencia dunha orientadora laboral municipal e programas formativos en competencias dixitais e robótica, así como apoio á procura activa de emprego. Precisou que os programas remunerados para menores de 30 anos dependen fundamentalmente da Xunta e do Goberno central.
Finalmente, respondeu ás críticas pola decoración navideña en determinadas prazas. Defendeu un modelo de “mesura” centrado en zonas con comercio e maior tránsito, lembrando que as trece parroquias contan con detalles propios: “As luces están para apoiar o comercio local e crear ilusión, non para iluminar todo sen criterio”.
Escrito por Líder Redacción
a alcaldesa de teo responde concello de teo lucia calvo de la uz mobilidade politica radio lider santiago servizos basicos


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)