AD

Actualidad

Nova denuncia dos Pacientes e Usuarios do CHUS sobre o ‘colapso’ no Hospital de Día Oncolóxico

today6 junio, 2024

Background
share close
AD

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, a través da información remitida por un doente, tivo coñecemento da situación de saturación e colapso que viviu o 29 de maio ás 13:20 horas o Hospital de Día Oncolóxico con ducias de persoas agardando durante horas os procesos de atención nos corredores adxacentes ao servizo (fotos). A pesar de que xa no ano 2016 denunciamos as precarias condicións materiais que soportamos cando acudimos periodicamente para recibir o noso tratamento de quimioterapia e a pesar dos estándares de calidade fixados polo Ministerio de Sanidade no ano 2009, a suposta solución chega 16 anos despois de que estas recomendacións fosen publicadas.

De acordo con isto, as salas de espera deberán ser adxacentes á área de admisión, ser confortables, dotadas de aseos e fontes de auga fría; contarán cunha previsión de 1,5 asentos cómodos por paciente que se atope en calquera área da unidade; terán acceso directo desde o vestíbulo de entrada, permitindo o contacto visual co mostrador de recepción e dipoñerán de acceso á zona do Hospital de Día, especialmente ás consultas e postos de tratamento. Por outra banda, o mostrador de admisión estará deseñado de tal xeito que permita un certo grao de intimidade no momento de producirse a recollida de datos.

Nada disto se cumpre no CHUS. As dúas salas de espera que dan acceso ao mostrador de admisión son manifestamente insuficientes; habilítanse como zona de espera dous corredores de paso fora do propio Hospital que non contan con acceso directo aos aseos e á área de admisión e non dispoñen de fonte de auga fría e TV; un dos corredores conta con pantallas de avisos que non son visibles desde calquera punto da zona de espera debendo os pacientes ou os acompañantes erguerse reiteradamente para poder ver os que se van producindo; o mostrador de recepción non ten as dimensións necesarias que garantan un mínimo de intimidade; os asentos de madeira non cumpren os requisitos de confortabilidade para pacientes que padecemos unha doenza tan dura física e emocionalmente como o cancro e que soportamos 10 ou 12 horas de espera ata rematar o tratamento.

Debemos aclarar que as obras que están agora en fase de licitación, consistentes na conversión en sala de espera oncolóxica dunha terraza na planta 1ª-D, realízanse fóra do Hospital de Día, situado na planta baixa e, polo tanto, non teñen como obxecto adaptar a súa estrutura e medios materiais ás recomendacións fixadas polo Ministerio, que alude a unha unidade funcional fisicamente integrada que evite desprazamentos e lles permita aos pacientes ter visión directa a todas as áreas de atención desde calquera punto da zona de espera. A sala proxectada dá a un amplo corredor da planta de docencia e investigación transitada diariamente por centos de persoas. Os pacientes, unha vez que son avisados polos monitores, deben percorrer toda a ala (foto), tomar o ascensor a planta baixa e acceder ás instalación do Hospital de Día, que non verá modificada a súa estrutura actual nin melloradas as súas condicións materiais.

Consideramos que o xefe do servizo, galardoado o ano pasado coa medalla Castelao en atención aos principios deontolóxicos da profesión médica colexial, non debería tolerar o maltrato asistencial que as mencionadas condicións materiais comportan para o paciente e agardamos que a nova xerencia estea disposta, no futuro, a escoitarnos, porque a experiencia dos pacientes e usuarios forma parte do diagnóstico dos problemas e debe integrar os termos das posibles solucións.

 

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%