Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today30 junio, 2025
O rexedor cercedense falou do presente e futuro do concello, debullando proxectos estratéxicos, infraestruturas en marcha, o papel da industria, a demografía e a súa intención de repetir candidatura en 2027.
Nunha entrevista con Álvaro Veiga en Radio Líder Santiago, o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, fixo un repaso exhaustivo á xestión do seu goberno municipal, reivindicando o papel clave do concello como referente do desenvolvemento sostible e industrial en Galicia.
Rodríguez, que accedeu á alcaldía en 2020 e foi reelixido en 2023 con maioría absoluta, comezou agradecendo o respaldo da veciñanza e subliñando a importancia do traballo en equipo: “A política non é individualismo, é equipo. Eu sentinme partícipe xa desde o ano 2015, aínda que fora no posto 16 da lista”.
O alcalde destacou a responsabilidade que implica gobernar con maioría absoluta: “Non é unha ferramenta para avasallar, senón un depósito de confianza por parte da xente para xestionar con seriedade”. A súa filosofía política baséase no contacto directo coa veciñanza, a planificación realista e a execución constante: “Sempre hai unha pala traballando en Cerceda”, dixo, entre risas, en referencia ao ritmo de obras públicas.
Cerceda rexistra un comportamento demográfico pouco habitual en Galicia: “Estamos por riba dos 30 nacementos anuais desde hai 12 anos. Temos máis de 6 nacementos por cada 1.000 habitantes, cando moitos concellos perden poboación”, indicou.
Isto atribúeo a políticas municipais activas: ampliación da escola infantil (que pasará de 41 a 61 prazas), axudas á natalidade, programas de conciliación como os “Bos Días Cole”, subvencións para material escolar e un ambiente que favorece o asentamento de familias novas.
Entre as actuacións destacadas, o alcalde repasou obras de saneamento (máis de 600.000 €), a nova depuradora de Meirama, beirarrúas, sendas peonís como a de Xermar, e humanizacións de espazos como o Campo da Feira, co obxectivo de facelo máis accesible, cubrir o parque infantil e mellorar a zona de uso público.
Tamén se referiu ás melloras en tres campos de fútbol (San Martiño, O Roxo e Rodís), á rehabilitación enerxética da biblioteca da Silva e á instalación de placas solares no parque acuático para autoconsumo e mellora ambiental.
“Cerceda é un concello de base industrial, pero onde se vive ben”, afirmou Rodríguez. Recordou que o polígono do Acevedo, con máis de 70 hectáreas, está en permanente dinamismo, e que se están tramitando novas áreas industriais: 43 hectáreas en Coveláns e 10 na Areosa.
Anunciou, ademais, proxectos relevantes como a posible central hidroeléctrica nas Encrobas, e salientou que o desenvolvemento industrial vai ligado ao investimento social: “Canto máis se xera, máis capacidade temos para facer políticas públicas”.
O rexedor falou tamén do Parque Acuático de Cerceda, que estará aberto ata o 7 de setembro con prezos accesibles: “Queremos que sexa unha instalación aberta, visitada e asumida como patrimonio da provincia”.
Anunciou un proxecto estrela a longo prazo: a ampliación do parque con sete novos tobogáns “ao nivel dos mellores parques de España”, que xa conta cun anteproxecto e que buscará apoio da Xunta e da Deputación: “É un proxecto a longo prazo, de cara ao 2030, pero xa estamos traballando niso”.
Rodríguez confirmou a súa intención de repetir como candidato en 2027: “Mentres teña ideas e apoio da veciñanza e do partido, seguirei con forza. Teño 34 anos e moita ilusión por seguir traballando por Cerceda”.
En relación coa situación do PSOE e que afecta ao goberno estatal, foi claro: “O que pase en Madrid inflúe pouco nas municipais. Aquí o que importa é dar servizo e cumprir. A xente valora iso”. Recoñeceu a situación complexa do PSOE a nivel nacional, pero tamén cargou contra o Partido Popular: “Mentres non se aclare quen era M. Rajoy, que non dean moitas leccións de corrupción”.
Sobre posibles fusións de concellos, amosouse contrario: “Os cercedenses son cercedenses. E os carballeses, carballeses. A identidade é importante. A fusión só ten sentido se ben desde moi arriba e por razóns extremas”.
Cerceda aposta por unha axenda chea de eventos: o festival Aqualand, a Feira das Nenas da Silva, a Festa do Cochino (último sábado de xullo), ou as carreiras populares como a ‘Os 11 das Vías’ ou a ‘Poseidón Race’. “Non só de obras vive un concello: tamén hai que crear comunidade e identidade colectiva”, destacou o alcalde.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)