AD

Actualidad

O BNG esixe á Xunta que paralice o megaproxecto mineiro de Touro e O Pino

today28 junio, 2024

Fondo
share close
AD
  • Demanda que reverta a concesión de proxecto industrial estratéxico a Cobre San Rafael polas gravísimas consecuencias meioambientais
  • «O PP volve poñer o lucro dunha empresa por diante dos intereses do país», denuncia a deputada Iria Carreira

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024.- O BNG oponse á declaración por parte a Xunta de Proxecto Industrial Estratéxico a Cobre San Rafael para a explotación da mina de Touro e o Pino e esixe, de maneira inmediata, que reverta unha decisión que terá consecuencias medioambientais e económicas lesivas na comarca, mais tamén na ría da Arousa.

Cunha batería de iniciativas parlamentarias, o grupo do BNG reclama da Xunta que dea marcha atrás, de maneira inmediata, á decisión aprobada no Consello da Xunta do pasado 24 de xuño de declarar Proxecto Industrial Estratéxico a Cobre San Rafael, o que axiliza a tramitación a un megaproxecto mineiro en Touro e o Pino que supón unha nova ameaza medioambiental que se suma á de Altri en Palas de Rei.

«Declarar o megaproxecto mineiro e Touro e o Pino como Proxecto Industrial Estratéxico é poñer o lucro dunha gran empresa por diante do respecto medioambiental, da protección dos sectores produtivos xa existentes e da poboación, e é un duro golpe para unha comarca que ten aínda próxima a oposición social, que rematou coa paralización do proxecto para a mina», sinala a deputada Iria Carreira, unha das promotoras das iniciativas que levarán o debate ao Parlamento.

Para o BNG, o PP está poñendo «alfombra vermella a Cobre San Rafael para facilitar e axilizar unha mina que terá gravísimas consecuencias non só na propia comarca senón na contaminación do río Ulla, os seus afluentes e a ría da Arousa, a máis produtiva a nivel marisqueiro do noso País con preto de 4.000 postos de traballo, cun impacto no desenvolvemento económico e a perda de emprego nos sectores afectados».

A deputada Iria Carreira denuncia que «o PP dálle as costas, máis unha vez, á xente, á comunidade veciñal e social que se opuxo a este proxecto mineiro e se sinte traicionada pola conivencia da Xunta cunha empresa á que se lle poñen todas as facilidades para sacar beneficio a costa de destruír o o noso patrimonio natural e os nosos recursos económicos».

A decisión da Xunta é, para o BNG, un novo ataque á saúde, á diversidade medioambiental e aos ecosistemas fluviais e mariños afectados pola mina. «As consecuencias son gravísimas, porque se lle reducen os trámites administrativos a un proxecto que só vai ter beneficios para a empresa e prexuízos irreparábeis para a xente da comarca e para o país», sinala Iria Carreira.

A organización nacionalista bota abaixo así os argumentos empregados polo PP para xustificar a decisión, fundamentalmente o investimento de 200 M€ e a creación de 394 postos de emprego directo, cando ocultan que o proxecto ocasionaría prexuízos non cuantificábeis na contaminación do río Ulla, os seus afluentes e a ría da Arousa, cun impacto directo sobre o emprego existente na comarca e nas poboacións da bacía.

Lembran que na mina de Touro se extraeu cobre ata 1986 e, desde aquela, o espazo vén sendo empregado por Explotaciones Gallegas para a obtención de áridos, sen que se acadase neste tempo unha restauración e xestión adecuadas, como veñen poñendo de manifesto sucesivos episodios de contaminación das augas circundantes, que acaban no río Ulla e na ría de Arousa, saldándose con sancións leves. No ano 2018 foi impulsado un proxecto, denominado Cobre San Rafael, para retomar a extracción de cobre, mais desatando unha forte oposición, tanto ecoloxista como veciñal. O proxecto recibiu unha declaración de impacto ambiental negativa por parte da Xunta de Galiza a comezos do ano 2020, sen que isto fixese desistir á empresa das súas aspiracións.

«O río Ulla e a ría da Arousa teñen xa uns niveis de contaminación actuais preocupantes, e a ameaza das consecuencias negativas do proxecto de Altri en Palas de Rei ve agora como o PP é o socio colaborador necesario para un novo ataque, que pode traer consecuencias irreparábeis», afirma Iria Carreira que esixe á Xunta que non apoie proxectos lesivos para o territorio e a poboación galega e reverta a decisión adoptada no Consello da Xunta do pasado 24 de xuño a respecto da concesión de Proxecto Industrial Estratéxico a Cobre San Rafael para a explotación da mina de Touro e O Pino.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%