AD

Actualidad

Concello e Rexufio de Bando promoven a adopción de animais co novo exemplar dos Bolechas

today18 noviembre, 2024

Background
share close
AD

O CEIP Mestre Rodríguez Xixirei acolleu esta mañá a presentación dun novo libro-guía sobre Os Bolechas promovido polo Refuxio de Bando e o Concello de Santiago, que pretende sensibilizar á cativada sobre o benestar dos animais e previr o seu abandono. No acto participaron máis de 90 escolares do centro, acompañados pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e representantes municipais que conforman o padroado do Refuxio de Bando e membros do voluntariado.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, apelou esta mañá ao acollemento e adopción de animais, un chamado que se enmarca na presentación do novo proxecto dos Bolechas e o Refuxio de Bando que inclúe un libro-guía. A xornada contou coa asistencia de máis de 90 escolares do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei e a participación da alcaldesa, Goretti Sanmartín; a concelleira de Educación, Míriam Louzao; o concelleiro de Sostibilidade Ambiental e Dereitos dos Animais, Xesús Domínguez; ademais e representantes dos demais concellos que forman parte do padroado, xunto cos Bolechas corpóreos que xogaron coa cativada.

Loitar contra o abandono animal e promover a adopción responsable son algúns dos obxectivos desta campaña impulsada polos Bolechas e o Refuxio de Bando, que conta coa colaboración dos concellos de Santiago, Teo, Vedra, Padrón, Brión, Boqueixón, Val do Dubra, Trazo, Touro e Dodro. A través das divertidas aventuras da familia, esta iniciativa pretende promover o benestar animal e informar sobre as formas de adopción responsable, as tarefas de socialización e a información de axuda de coidado dos cans e gatos da protectora.

Con esta nova guía, Os Bolechas pretenden sensibilizar no coidado dos animais de compañía e animar á cidadanía a ofrecerlles un novo fogar, ao mesmo tempo que tratan de previr o abandono a través da sensibilización social e a promoción de boas prácticas en relación co seu coidado. Tamén se difunden algunhas das opcións para colaborar co refuxio como a adopción, a acollida, o apadriñamento ou os labores de voluntariado na entidade.

Ao finalizar o acto de presentación, as alcaldesas e alcaldes que forman parte do padroado fixeron entrega do novo libro-guía dos Bolechas ao alumnado presente. A cativada puido gozar da compañía dalgúns animais do refuxio e participar nun taller de debuxo e de chapas de cans e gatos que puideron levar consigo. A iniciativa está dirixida a nenas e nenos de educación infantil e primeiro e segundo de educación primaria e ás súas familias co fin de sensibilizados na responsabilidade e no coidado animal.

O Refuxio de Bando

O Refuxio de Bando é unha entidade sen ánimo de lucro que comezou a súa andaina a finais do 2006 e que acolle animais dos concellos de Santiago de Compostela, Teo, Vedra, Touro, Brión, Boqueixón, Trazo, Dodro, Padrón e Val do Dubra. Na actualidade residen máis de 500 animais, que precisan atopar unha boa familia coa que poder pasar o resto das súas vidas.

As causas principais de entrada de cans e gatos no Refuxio son o abandono intencionado (na rúa, estradas, no monte ou no propio Refuxio), o extravío, cría en colonias de gatos, falecemento de donos, cambio de domicilio, camadas non desexadas… Pode resumirse que o abandono é o resultado da falta de responsabilidade, respecto e coñecementos.

Os Bolechas para aprender e divertirse

Desde que comezaron a publicarse no ano 2000, Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno. Con máis de 650 títulos publicados e máis de 2.000.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.

Este seguimento masivo e continuo durante máis de 24 anos permitiu a toda unha xeración de galegas e galegos achegarse á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida –posto que os Bolechas usan sempre o galego na súa versión orixinal–, o que supuxo un importante papel na promoción e difusión do idioma. Tanto é así que moitos nenos teñen na casa –e sobre todo no colexio– o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico, que contribúe á formación dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia mediante o pracer e o divertimento.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%