Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 marzo, 2024
O programa de actividades con motivo do 8 de marzo arrancou hoxe cun acto organizado polo Concello de Santiago, no que se recoñeceu as traxectorias profesionais e vitais de varias mulleres que forman parte da historia viva da cidade. As galardoadas foron Jaione Camborda, Julia López, María Jesús Lamas, Nanina Santos, María Pereira, Yolanda Castaño, Maribel Martín e as integrantes do grupo Leilía.
Baixo o lema «Mulleres de Compostela», a sala Mozart do Auditorio de Galicia, acolleu esta tarde a gala de entrega dos galardóns Mulleres de Compostela 2024, que foi conducido pola xornalista Rosa Aneiros, e que contou coa presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e da Corporación municipal case ao completo.
Organizado pola Concellería de Igualdade, este evento pretende recoñecer de forma pública a traxectoria profesional e vital dunha serie de mulleres vinculadas a Santiago, e que día a día contribúen a construír unha cidade máis igualitaria, máis social e máis humana.
O grupo musical ‘Caamaño-Ameixeiras’ formado por Sabela Caamaño (acordeón cromático) y Antía Ameixeiras (violín y voz) foron as encargadas de abrir o acto coa peza «Florencio».
A escritora Rosa Aneiros, condutora do acto, fixo un repaso polas «mulleres andadoras» que foron facendo camiño como Exeria, a primeira muller peregrina da historia, ou «as nosas queridas Maruxa e Coralia». A continuación foi presentando cada unha das mulleres distinguidas que foron subindo ao estrado para recoller o galardón de mans da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, das concelleiras Míriam Louzao (BNG) e Mercedes Rosón (PsdG) e dos concelleiros Xan Duro (CA) e Borja Rubio (PP). Durante a entrega tamén se visualizou un vídeo sobre cada unha das premiadas.
A alcaldesa pechou o acto recitando un fragmento do texto que a poeta Yolanda Castaño escribiu para Leilía: «Miña irmá, miña irmá, miña amiga/tan igual a min e tan distinta/dáme a man e faremos cordada/vén comigo miña camarada», que para Goretti Sanmartín resume «os valores que queremos destacar arredor do 8 de marzo» como son a sororidade «fronte ao estereotopo da rivalidade feminina», as diferenzas de «intereses, carecteres e posicións», a «unidade contra a discriminación» e o feito de ser os «elos dunha cadea» que se vai construíndo ao longo da historia. Para a alcaldesa, estas son as características da «loita común» que comparten todas as mulleres distinguidas no acto ás que parabenizou polos seus logros e á súa contribución á historia viva de Compostela. Goretti Sanmartín rematou o seu discurso cun poema de Luisa Villalta, a quen se lle dedica o Día das Letras deste ano sobre Compostela e as súas rúas.
Tras a intervención da rexedora, ‘Caamaño e Ameixeiras’ puxeron o punto final ao acto cunha nova actuación musical.
Galardoadas
Durante o acto, o Concello distinguiu dúas mulleres referentes no mundo da cultura actual: a cineasta Jaione Camborda Coll, que coa súa película ‘O Corno’, «un filme cheo de sororidade, de dor, de soidade e de beleza» acaba de gañar a Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián e a poeta e activista cultural Yolanda Castaño, recentemente galardoada co Premio Nacional de Poesía 2023 polo seu poemario ‘Materia’. Tamén recibiron o recoñecemento as integrantes de Leilía: Montse, Ana, Merche, Rosario, Patricia e Felisa, grupo nacido en Compostela, pioneiro da música galega e na recuperación da tradición oral que veñen de celebrar a súa despedida dos escenarios tras máis de tres décadas de andaina.
Tamén recibiron o recoñecemento á compostelá de adopción María Jesús Lamas Díaz, directora da Axencia Española de Medicamentos, que tamén o foi do Servizo de Farmacia do CHUS como especialista en farmacia clínica en Oncoloxía; Nanina Santos Castroviejo, historiadora, pioneira do feminismo organizado e promotora dende o ano 1983 de revista galega de pensamento feminista Andaina, «unha voz contracorrente» que «leva toda a súa vida turrando para rematar coa desigualdade que sufrimos polo simple feito de sermos mulleres».
Outra das mulleres recoñecidas durante o acto foi Maribel Martín, profesora do IES Rosalía de Castro durante máis de 40 anos e impulsora do Premio San Clemente que trouxo á cidade figuras literarias de renome internacional, e que na actualidade é a vicepresidenta da Asociación Cultural Casino de Santiago e coorganizadora do Premio Novela Europea e do Premio «Ao Diálogo e á Concordia Lorca, Guerra da Cal, Blanco Amor».
Este recoñecemento municipal tamén o recibiron dúas mulleres referentes do comercio compostelán: María Pereira, que estivo 35 anos á fronte do negocio Dosel de fabricación artesá de tecidos e encaixes tradicionais na rúa Nova, e Julia López Varela, que con 90 anos segue detrás do mostrador do mítico negocio familiar Fotos Sandine na rúa do Vilar.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)