Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A Xunta de Goberno deu luz verde esta mañá á solicitude ao Consorcio de Santiago da mutación demanial a favor do Concello do complexo deportivo Multiúsos Fontes do Sar, un cambio que non afectará á prestación dos servizos que ofrece este espazo. O executivo municipal tamén aprobou á adxudicación do contrato de asistencia técnica externa para a coordinación e xestión técnico-administrativa do proxecto “Entre Sar e Sarela” á empresa SILO SL (Science & Innovation Link Office SL) por un importe de 62.738,83 euros. Destes e outros asuntos tratados en Xunta de Goberno, deu conta en rolda de prensa a voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao.
Míriam Louzao recordou que o complexo deportivo Multiúsos Fontes do Sar, que comprende o pavillón e as instalacións deportivas anexas ou vinculadas a este, foi construído polo Consorcio en terreos de titularidade municipal e que “no ano 2025 vencerá a última das prórrogas posibles do convenio de colaboración formalizado o 19 de maio de 2000 entre as dúas institucións, mediante o que o Consorcio lle encomendaba ao Concello a explotación do complexo para a prestación de servizos públicos municipais”.
Coa solicitude acordada esta mañá polo executivo municipal, o Concello dá o primeiro paso para conseguir a mutación demanial ou cambio de afectación deste espazo, que lle permitirá ao Concello seguir prestando os servizos, “liberando ao Consorcio das cargas económicas inherentes á conservación e mantemento dunhas instalacións cuxa finalidade é estraña ás súas competencias”, detallou Míriam Louzao. Este cambio non afectará á prestación dos servizos que ofrece o complexo deportivo.
Contratación
A Xunta de Goberno tamén deu luz verde á adxudicación do contrato do servizo de asistencia técnica externa para a coordinación e xestión técnico-administrativa do proxecto “Entre Sar e Sarela” á empresa SILO SL (Science & Innovation Link Office SL), que presentou unha oferta de 62.738,83 euros, IVE incluido, dos que 10.369,96 € corresponden á anualidade do 2024 e 52.368,87 á do 2025.
Este proxecto, desenvolvido de maneira conxunta polo Concello de Santiago e a USC, conta cun orzamento total é de 4.480.955,83 euros, dos que 3.228.069 euros son financiado polos Fondos Next Generation a través da achega da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Entre as actuacións que inclúe este proxecto están a renaturalizacióndo barrio de Pontepedriña e a creación dun corredor ecolóxico urbano; a naturalización da lagoa do Auditorio de Galicia e a restauración fluvial do río Corgo; e outras tres accións destinadas a consolidar o Anel Verde exterior da cidade: a restauración ambiental e creación do laboratorio vivo-urbano agroecolóxico no xardín botánico, a recualificación e recuperación ambiental da área verde do barrio de Cornes, e a restauración ecolóxica e fomento da biodiversidade no monte periurbano do Viso. Tamén forman parte do proxecto un plan de participación e gobernanza, un plan de comunicación e a elaboración de indicadores para a avaliación
Segundo Míriam Louzao, a contratación dunha oficina técnica externa vén motivada porque “á complexidade que este proxectos teñen en si mesmos súmanse procesos de participación e as esixencias de tramitación das administracións implicadas, nomeadamente da UE”, que detallo que na sesión de Xunta de Goberno tamén se deu conta do inicio dun expediente de contratación aberta para un servizo de consultaría técnica, que dependerá da Coordinación Xeral.
Licenzas de obras
O executivo municipal tamén acordou a concesión dunha licenza para a realización de obras no edificio que dá fronte á rúa das Trompas 2 e á da Ensinanza 3, co obxectivo adecuar a actual residencia da comunidade relixiosa para o seu uso como residencia universitaria.
As actuacións consistirán na rehabilitación das plantas semisoto, baixa, primeira e segunda, que contan cunha superficie construída total de 2.488,46 m2. Unha vez rehabilitado, o inmoble contará con 75 habitacións, 15 dobres e 60 individuais, distribuídas en todas as plantas do edificio, acceso e recepción, estar, comedor, salas polivalentes, cociña e todas as dotacións necesarias para o correcto funcionamento da residencia.
Plan municipal de prevención contra incendios forestais
Ademais, dentro da Área Medio Rural, o executivo municipal tamén aprobou de maneira definitiva o Plan municipal de prevención contra os incendios forestais do Concello de Santiago, presentado pola EMPRESA PÚBLICA DE SERVIZOS AGRARIOS GALEGOS SA.
Míriam Louzao explicou que o obxecto deste Plan «é a delimitación das faixas secundarias de xestión de biomasa, así como definir as actuacións silvícolas necesarias para controlar ou eliminar a biomasa forestal e fixar as directrices de actuación procedentes para, deste xeito, minimizar o risco de incendios».
Outros asuntos
Tamén se deu conta na Xunta de Goberno de hoxe das resolución de varias diferentes concellarías entre as que destaca o o inicio do expediente para contratar a elaboracón de proxectos para ampliar e rehabilitar as redes de saneamento nas parroquias da Sabugueira, A Peregrina e San Xoán de Fecha ou do contrato menor para a fabricación dos apioabrazos dos bancos históricos da Alameda que se necesitan para as reparación destes elementos.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)