AD

Actualidad

O concurso de fotografía Enfoca Ames xa ten as nove imaxes gañadoras da súa quinta edición

today10 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD
  • O obxectivo deste certame, organizado pola Xuntanza de Empresarios de Ames e o Concello de Ames,  é fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos do concello de Ames. A esta edición presentáronse un total de 51 fotografías, repartidas entre as tres categorías existentes (artística, paisaxe e patrimonio)

A Xuntanza de Empresarios de Ames e o Concello de Ames organizaron a quinta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames. O obxectivo deste certame é fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos do concello de Ames. A esta edición presentáronse un total de 51 fotografías, repartidas entre as tres categorías existentes (artística, paisaxe e patrimonio). Este ano incrementouse o importe dos premios e repartiranse 1.125 euros para gastar nos comercios asociados á XEA. O xurado, que estivo composto por catro persoas (dúas achegadas polo Concello e outras dúas por XEA), encargouse de elixir as nove mellores fotografías. Os/as premiados/as foron notificados/as mediante chamada telefónica.

O xurado, como no ano anterior, estivo composto por 4 persoas: dúas escollidas por XEA (Javier Troitiño, de Javier Troitiño Fotógrafo, e Fernanda Valentina, de Happy Memories) e outras dúas en representación do Concello de Ames (as técnicas de Turismo, Sonia Moure, e de Medio Ambiente, Patricia Reboreda). Tralo ditame, xa se coñecen as fotografías gañadoras da quinta edición do concurso Enfoca Ames.

Na categoría artística, o primeiro premio foi para David Hernando Castro, coa instantánea Tambre Mágico. O segundo premio recaeu en Alejandro Germán Jofre Sánchez, coa obra Ames, e o terceiro premio foi para Amparo Portabales Dobaño, coa fotografía Reflexo. Nesta categoría, na que se permite a posibilidade de editar e manipular a captura orixinal, co obxectivo de dotala dun aspecto máis subxectivo e surrealista, presentáronse 15 fotografías.

Na categoría paisaxe, o primeiro premio foi para Nerea Gui Barbazán Suárez, coa foto Solpor de Outono. O segundo premio recaeu en Amparo Portabales Dobaño, coa obra Néboa na Mahía; mentres que o terceiro premio foi para Francisco Javier Díaz Gilmartin, coa instantánea Aguas Fugaces. Nesta categoría presentáronse 19 fotografías, que debían mostrar os espazos do mundo que adoitan captar a presenza da natureza, pero tamén podían centrarse en características creadas polo home ou perturbacións das paisaxes.

Por último, na categoría patrimonio o primeiro premio foi para Vanessa Lamas Gesto, coa obra Reflexos de cores outonais e néboas do río muíño de Tapia. O segundo premio recaeu en Alejandro Germán Jofre Sánchez, coa fotografía Ponte; e o terceiro premio foi para Amparo Portabales Dobaño coa obra A Peregrina no Espello. Nesta categoría, na que a fotografía debía recoller o patrimonio material (igrexas, cruceiros, pontes, muíños, etc) ou inmaterial (tradicións ou expresións vivas, verbenas, romarías, etc.) do noso concello, presentáronse 17 fotografías.

Os premios serán entregados o domingo, 16 de novembro, ás 12.00 horas, en Trasmonte, durante o transcurso da Feira Tanto Monte, Monte Tanto. Entregaranse nove cheques (un por cada premiado das tres categorías) para gastar nos comercios asociados á XEA. O primeiro premio é de 200 euros, o segundo de 100 euros e o terceiro de 75 euros. En total, repártense 1.125 euros. Ademais, as persoas premiadas recibirán un galardón creado en especial por unha empresa amesá. As persoas premiadas xa foron notificadas mediante chamada telefónica.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *