AD

Actualidad

O espectáculo dos Fogos do Apóstolo sairá a licitación por dous anos consecutivos

today21 abril, 2025

Fondo
share close
AD

O inicio do expediente para licitar os Fogos do Apóstolo por un importe de algo máis de 519.000 euros foi un dos asuntos aprobados hoxe na sesión ordinaria da Xunta de Goberno, na que tamén se tomou conta de dúas axudas do Consorcio e se solicitou a Mercagalicia a convocatoria dunha consulta preliminar ao mercado co obxectivo coñecer o interese e as condicións das operadoras na colaboración público-privada para a xestión da plataforma loxística de mercadorías.

O executivo municipal aprobou hoxe o expediente que ten por obxecto a licitación do servizo de deseño, produción, montaxe e realización do espectáculo pirotécnico das Festas do Apóstolo para os anos 2025 e 2026 cun orzamento base de licitación de 519.138,04 € (base impoñible de 429.039,70 € máis IVE do 21% por importe de 90.098,34 €): 259.569,02 € para cada unha das dúas anualidades.

O espectáculo do día 24 de xullo consistirá no disparo de artefactos pirotécnicos de maneira simultánea desde tres puntos da cidade para compoñer un evento único deseñado en exclusiva para a cidade de Santiago de Compostela. Os puntos de disparo deben manter as  distancias de seguridade a vivendas e instalacións que esixe a normativa vixente sobre pirotecnia. Estes puntos son: Alameda, Escalinata de Fontiñas (Parque Carlomagno) e Cidade da Cultura. O espectáculo comezará ás 23:30 horas e terá unha duración mínima de 18 minutos.

O espectáculo do día 31 de xullo será disparado desde un único punto: A Alameda. Arrancará á mesma hora, ás 23:30 horas, cunha duración mínima de 16 minutos.

Consulta ao mercado 

A Xunta de Goberno Local acordou solicitarlle á sociedade mercantil Mercagalicia que convoque unha consulta preliminar ao mercado co obxectivo coñecer o interese e as condicións das operadoras loxísticas na colaboración público-privada para a xestión da plataforma loxística.

A consulta está prevista no convenio asinado o 9.01.2023 entre o Concello, o Consorcio da Cidade e a Sociedade Mercados Centrais de Abastecemento, SA (Mercasa), para desenvolver o centro loxístico de mercadorías para a Cidade Histórica, coñecido como plataforma loxística. A comisión de seguimento deste convenio, reunida o 28.03.2025 solicitou que fose o Concello, ben directamente ou por medio de Mercagalicia, quen realice esa consulta preliminar ao mercado.

Mercagalicia é unha sociedade pública de cuxo accionariado forman parte Mercasa (49%) e o Concello de Santiago (51%), cuxo obxecto social comprende expresamente, entre outras funcións, prestar calquera clase de asistencia técnica en materia de distribución, loxística e comercialización. Esta entidade, integrada no sector público local, é un instrumento idóneo para a xestión e acompañamento deste proxecto de alto interese común e concorrente para as distintas administracións públicas, directa ou indirectamente implicadas.

Mercagalicia asumirá a realización da consulta con cargo aos seus propios medios, sen que implique ningún custo económico para o Concello.

A consulta preliminar ao mercado recóllese no artigo 115 da Lei 9/2017 de contratos do sector público e permitirá que as operadoras loxísticas acheguen canta información ou propostas que consideren de interese para definir a xestión da plataforma loxística e os procesos de acopio e distribución das mercadorías, presentando así mesmo, se así o consideran, o seu interese por participar nalgún deles.

En concreto, a consulta demanda que as operadoras que participen analicen as seguintes cuestións: ámbitos espaciais, destnatarios finais, tipoloxía de mercadorías, fases de implantación en atención a tipos de mercadorías e de destiantarios, modelo operacional, custos e retornos, modelo de negocio, alternativas para o sistema de explotación, especificacións obxecto de licitación, necesidades de equipamento, cronograma para a entrada en funcionamento, ou calquera outra que consideren de interese (flutuacións temporais, loxística inversa, residuos… )

De cara a definir todos os aspectos concorrentes, trabállase tamén na análise dos datos de demanda por parte dos negocios da Cidade Histórica, que complementará a consulta que agora se convoca. Desta análise está encargada a Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras (UNINOVA).

A plataforma loxística conta cunha subvención de 3.913.920 € de fondos europeos, sobre un investimento previsto de 4.348.800 € (mais IVE), do Programa de axudas para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sustentable do transporte urbano, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Neste momento están executándose as instalacións e tamén está aprobado o proxecto para a urbanización exterior. As obras están encargadas a TRAGSA, como medio propio estatal.

Outros asuntos 

A Xunta de Goberno tamén acordou na súa sesión de hoxe persoarse en seis recursos contencioso-administrativos interpostos contra resolucións da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia de baixa e cancelación de inscrición no REAT de seis vivendas de uso turístico.

Así mesmo, autorizou o inicio dos trámites para proceder á recepción das obras de reforma do viario A Pajuela-Campo da festa de Marrozos (Fase I), dentro do POS+2022-Adicional 2/2ª fase.

Por último, tomouse coñecemento da concesión polo Consorcio de Santiago de dúas subvencións en especie: unha para rehabilitación do arco de Mazarelos cun orzamento de 188.986,87 euros; e outra para a rehabilitación de fontes e elementos patrimoniais por 211.686,24 euros.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *