AD

Actualidad

O IES Rosalía de Castro anuncia as novelas finalistas do XXIX Premio Arcebispo Juan de San Clemente

today22 mayo, 2025

Fondo
share close
AD
  • ‘Pel de cordeiro’, de Ledicia Costas (Xerais); ‘O incendio’, de Sara Vila Alonso (Xerais), e ‘A miña vida noutro lugar’, de Rosa Súarez (Toxosoutos), disputaranse o galardón na categoría de novela en galego
  • ‘La llamada’, da arxentina Leila Guerriero (Anagrama); ‘Las fieras’, da barcelonesa Clara Usón (Seix Barral), e ‘La península de las casas vacías’, do ubetense David Uclés (Siruela), compiten no apartado de novela en castelán
  • O San Clemente á novela estranxeira decidirase entre ‘La impostura’, da británica Zadie Smith (Salamandra), ‘El volumen del tiempo’, da danesa Solvej Balle (Anagrama) e ‘Misericordia’, da portuguesa Lídia Jorge (La Umbría y La Solana)

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2025-. O XXIX Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e mais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, anunciou esta mañá as obras finalistas nas súas tres categorías: novela en lingua estranxeira, novela en castelán e novela en galego. No anuncio ante os medios participaron o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila; o secretario xeral de Lingua, Valentín García; vicedirector do IES Rosalía de Castro, Javier Turnes; a coordinadora do certame, a catedrática Marta Gende, e a profesora de Lingua Galega, a tamén catedrática Sira Vidal.

As tres obras que aspiran a levar este prestixioso galardón na súa modalidade de novela estranxeira son La impostura, título editado por Salamandra da autora británica Zadie Smith (Londres, 1975); El volumen del tiempo, obra da danesa Solvej Balle (Bovrup, Sønderjylland, Dinamarca, 1962) publicada por Anagrama, e Misericordia, título da portuguesa Lídia Jorge (Boliquieme, Portugal, 1946) lanzado ás librarías na súa tradución ao castelán por La Umbría y La Solana.

No apartado castelán, os títulos finalistas son os seguintes: La llamada, da arxentina Leila Guerriero (Xunín, Arxentina, 1967) publicado por Anagrama; La península de las casas vacías, de David Uclés (Úbeda, Xaén, 1990) editado por Siruela, e Las fieras, de Clara Usón (Barcelona, 1961), editado por Seix Barral.

Na categoría de novela en galego, dúas obras da editorial Xerais se atopan entre as finalistas: Pel de cordeiro, de Ledicia Costas (Vigo, 1979), e O incendio, de Sara Vila Alonso (As Neves, 1989). Completa a terna de finalistas A miña vida noutro lugar, obra da escritora rianxeira Rosa Súarez Redondo.

Na rolda de prensa, lembrouse a singularidade deste galardón no que a decisión final recae —tras unha selección previa de títulos finalistas realizada por unha comisión conformada polo profesorado do IES Rosalía— no alumnado de bacharelato do propio instituto compostelán e tamén doutros centros, tanto de Galicia como do exterior. Nesta 29ª edición, cuxas obras gañadoras se coñecerán no curso 2025/2026, participan dez centros: O IES Antón Losada Diéguez da Estrada (Pontevedra), o IES 12 de Outubro de Ourense, o IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña), o IES Sanxillao (Lugo), o IES Antonio Fraguas de Santiago, o IES Ramiro de Maetzu de Madrid, o Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), o Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña), o Hockerill Anglo European College (Reino Unido) e o IES Rosalía de Castro.

Ao longo de case tres décadas, acadaron este galardón sinaturas tan reputadas como as de Paul Auster, Haruki Murakami, Antonio Tabucchi, José Saramago, Han Kang, Almudena Grandes, Manuel Rivas, María Reimóndez, Anxos Sumai ou Pedro Feijóo. Na pasada edición, levaron o San Clemente Antón Riveiro Coello por Hotel Carioca; Alejandro Zambra por Literatura Infantil e Maggie O’Farrell por El retrato de casada.

Sinopses: Finalistas en lingua estranxeira

La Impostura: 1873. Eliza é a curmá e a ama de chaves do novelista William Ainsworth. Muller de múltiples intereses, Eliza entusiásmase cun xuízo que remexe Londres: Roger Tichborne, rico herdeiro desaparecido anos atrás reaparece para reclamar a herdanza.

Zadie Smith (Londres, 1975). Estudou Filoloxía Inglesa na Universidade de Cambridge e forma parte da Royal Society of Literature. É profesora de narrativa da Universidade de Nova York. É autora de libros como Dientes blancos ou El Cazador de autógrafos.

El volumen del tiempo: Tara e o seu marido Thomas son libreiros especializados en libros ilustrados do século XVIII. Tara viaxa un 18 de novembro a Bordeos para asistir a unha poxa. Ao final do día cóntalle ao seu marido como foi. Á mañá seguinte, Tara descobre que continúa a ser 18 de novembro. Só ela parece ser consciente do bucle temporal.

Solvej Balle (Bovrup, Sønderjylland, Dinamarca, 1962). Debutou en 1986 con Lyrefugl, e en 1993 consagrouse cunha das obras máis aclamadas da literatura danesa, Según la ley. Con El volumen del tiempo acadou o Premio de Literatura do Consello Nórdico.

Misericordia: Trátase dun diario do último ano de vida dunha muller a través do cal se narran tamén as historias doutras vidas no escenario dunha residencia de anciáns e no contexto do desafío ao que se enfrontou a humanidade en 2020 por mor da pandemia.

Lídia Jorge (Boliqueime, Portugal, 1946). Licenciada en Filoloxía pola Universidade de Lisboa. Entre 1968 e 1974, impartiu clases en Angola e Mozambique. Voz referente da literatura lusa, asinou títulos como Os memoráveis, Estuário ou Los tiempos del esplendor.

Sinopses: Finalistas en lingua castelán

La llamada: A xornalista Leila Guerriero presenta nesta obra o retrato de Silvia Labayru, secuestrada con 19 anos pola ditadura arxentina por montonera, organización guerrilleira. Labayru acabou recluída na ESMA, centro de detención e tortura. Labayru sobreviviu e sempre a perseguiu unha pregunta: Por que segue viva?

Leila Guerriero (Xunín, Arxentina, 1967). Xornalista de gran prestixio que asina en medios como El País (España), La Nación (Arxentina) ou Mercurio (Chile). Entre os seus títulos, destacan obras como Los suicidas del fin del mundo ou La otra guerra.

Las fieras: Trátase dunha novela que retrata unha xeración sacudida pola violencia, encarnada por dúas mulleres cuxas historias quedan ligadas por un asasinato sen resolver durante a guerra sucia dos GAL.

Clara Usón (Barcelona, 1961). Estreouse na literatura con Las noches de San Juan, Premio Femenino Lumen en 1988. Dende aquela, publicou títulos como El viaje de las palabras, Perseguidoras,

La hija del Este ou El asesino tímido.

La península de las casas vacías: Nesta obra, definida pola crítica como unha novela total sobre a Guerra Civil en clave de realismo máxico, relátase a descomposición dunha familia, a deshumanización dun pobo e a desintegración dun territorio

David Uclés (Úbeda, Xaén, 1990). Escritor, músico, debuxante e tradutor. Con anterioridade publicou as novelas El llanto del León e Emilio y Octubre.

Sinopses: Finalistas en lingua galega

Pel de cordeiro: Catarina pertence a unha estirpe de bruxas. Herda da súa avoa o oficio. Lola é unha muller do século XXI que atravesa unha crise persoal. Ledicia Costas afonda no espertar sexual, na violencia e na maxia con grandes doses de fantasía.

Ledicia Costas (Vigo, 1979). É unha das escritoras galegas máis recoñecidas e traducidas. Entre os seus libros, destacan títulos como Infamia ou Golpes de luz. En 2014 recibiu o Premio Nacional de Literatura por Escarlatina, a cociñeira defunta.

O incendio: Unha adolescente narra os acontecementos que marcaron os meses previos a un devastador incendio. O lume arrasou Neboeiro, a aldea da súa avoa e cambioulle a vida para sempre.

Sara Vila Alonso (As Neves, 1989) é xornalista. Debutou na escrita con Oito días sen Eva Cortes (Premio Illa Nova) e con O Incendio levou o Premio Blanco Amor.

A miña vida noutro lugar: Mercedes volve dos Estados Unidos embarazada dunha filla, Indira, á que nunca lle desvelou a identidade do seu pai. Tres décadas despois Indira segue as pegadas da nai e regresa de América con información inesperada.

Rosa Suárez Redondo é natural de Rianxo, é profesora e esta novela é a súa primeira produción literaria.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *