AD

Deportes

O Obradoiro soña con volver á ACB mentres busca un himno: «O Miudiño non se toca»

today23 abril, 2025

Fondo
share close
AD

O Monbus Obradoiro está vivindo un momento doce, tanto no deportivo coma no emocional. Cun equipo que non para de sumar vitorias e unha afección que é “o sexto xogador”, o club compostelán quere dar un paso máis: crear un himno que represente á súa comunidade.

Andrés Bustelo, director de marketing do club, explicou con paixón na entrevista o momento actual do equipo: “Para nós é un momento ilusionante… non é só unha racha, é un espírito de vitoria”. A iniciativa do himno busca sumar música e identidade ao que xa é unha experiencia única nos partidos no Fontes do Sar.

Durante a conversa con Álvaro Veiga, director de Radio Líder Santiago e speaker do Obra, Andrés Bustelo tamén revelou un detalle curioso e algo melancólico: xa existira no pasado un himno para o club, pero por algún motivo perdeu o seu rastro co tempo. “Hai xente que cando abrimos o concurso nos dixo que xa había un himno… pero non tiñamos coñecemento del”, comentou. Esa peza, desaparecida da memoria colectiva, exemplifica como certos elementos culturais poden esvaecerse se non se manteñen vivos. Por iso, o club busca agora crear un novo himno que perdure, que se cante, e que forme parte da identidade do Obradoiro para as xeracións vindeiras.

Pero atención, «o Miudiño segue intocable», afirma con rotundidade, «é o lume que acende a caldeira antes do inicio. É un momento insustituíble, que nunca se pode cambiar”, aclarou Bustelo, reforzando o carácter ritual desta canción tradicional que marca o comezo dos encontros.

A proposta consiste en abrir un concurso á cidadanía para compoñer un novo himno que se poida cantar durante os partidos. Xa hai nomes involucrados, como Ruxe Ruxe, banda mítica do rock galego, que achegou unha canción inspirada no Obradoiro: “Fixémola con moito amor, con cariño polo barrio, polo Sar, pola historia do club”, dixo Vituco, o seu vocalista, participando na entrevista.

A intención non é crear un himno oficial de xeito imposto, senón abrir a porta á participación creativa: “Non somos ninguén para impoñer nada. Queremos que a xente participe, que saia algo que emocione”, engadiu.

O club tamén salienta o papel fundamental da afección: “Ese apoio incondicional, ese ánimo minuto a minuto… é o que fai que xogadores e corpo técnico se sintan parte de algo máis grande”, destacou Bustelo. A idea é que a música axude a manter ese espírito mesmo fóra de Sar.

Desde o Obradoiro tamén se reforza o compromiso coa cidade: “Os clubes deportivos non só son vender camisetas, tamén é vender emocións”, afirmou Bustelo. A cultura, a música e o deporte camiñan xuntos neste novo proxecto que busca facer historia.

Nun momento de posibles play-offs e soños de regreso á ACB, o club quere que Compostela cante, sinta, e cree. Porque como di o berro en cada partido: O,B,R,A, todos xuntos, Obra!

A entrevista completa, no seguinte enlace.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *