AD

Actualidad

“O pemento de Herbón está en perigo”, alerta Ángel Rosales na previa da súa festa máis emblemática

today22 julio, 2025

Fondo
share close
AD

Declarada de interese turístico, a festa celebrarase o 2 de agosto con pasarrúas, verbena, pregón e máis de 3.000 racións de pementos. A comisión organizadora alerta: “Se non se coida o que é noso, o pemento de Herbón pode desaparecer”

O sábado 2 de agosto, a parroquia de Herbón, no concello de Padrón, acollerá unha das celebracións gastronómicas máis emblemáticas de Galicia: a Festa do Pemento de Herbón, que cumpre este ano a súa 45ª edición. Declarada festa de interese turístico, esta cita é moito máis ca unha degustación popular: é un acto de identidade, un símbolo cultural e unha chamada á acción para protexer un produto que forma parte do ADN galego.

Na antesala da festa, Ángel Rosales, membro da comisión organizadora, participou nunha entrevista en Radio Líder Santiago onde repasou o programa festivo pero tamén fixo unha advertencia clara sobre o futuro do cultivo: “Cada vez hai menos cultivadores. Os prezos baixan e non compensa a inversión. Se non se coida o que é noso, o pemento de Herbón pode desaparecer”.

A festa naceu en 1978, impulsada polos veciños da aldea coa intención de promover o pemento local, coñecido mundialmente como “pemento de Padrón”, malia que a súa orixe real se atopa precisamente en Herbón. “Forma parte da nosa gastronomía diaria e está nas cartas de restaurantes de toda España”, lembra Rosales. “Pero sen agricultores, non hai pemento”.

O evento comeza cunha das imaxes máis representativas da festa: o desfile de tractores decorados polos veciños, que percorren a zona desde o convento ata o centro de Padrón. Alí, fan unha ofrenda floral á estatua da pementeira e entregan un cesto de pementos ao Concello. A comitiva continúa o seu camiño de volta ata Herbón, onde ten lugar o pregón, a entrega de premios aos mellores tractores e, finalmente, a gran degustación popular.

“Prepararemos máis de 3.000 racións de pementos fritidos no momento, acompañados de cachelo e pan de millo”, sinala Rosales, quen destaca que todo o proceso se fai “ao xeito tradicional, cos pementos con rabo, como sempre se fixo aquí”.

A festa contará tamén coa actuación da Charanga Noroeste, que animará as rúas desde a mañá e acompañará parte do desfile, así como unha verbena nocturna no campo de fútbol, co grupo Unión y Fuerza e DJ Chito para rematar a xornada por todo o alto.

Pero máis alá da festa, a conversa con Ángel Rosales pon o foco nun tema preocupante: a falta de relevo no cultivo tradicional. “Hai moito traballo e pouca rendibilidade. Moitos prefiren traballar nunha fábrica oito horas que botar todo o día na horta”, explica. A situación leva a que o número de produtores vaia en descenso, e as axudas ao sector agrario resultan escasas ou ineficaces.

“O pemento de Herbón é internacional como marca, pero local na súa raíz. E iso hai que protexelo”, afirma o organizador.

A organización da festa recae sobre unha comisión de só cinco persoas, que traballan desde finais de maio para poñer todo a punto. “É un esforzo enorme, que facemos quitando tempo doutras cousas. Sen comisiones como a nosa, desaparecería o 80% das festas do rural galego”, destaca Rosales, quen anima á mocidade a implicarse máis: “Todos deberían pasar por unha comisión para saber o que custa organizar unha festa así”.

Con humildade, orgullo e preocupación, a entrevista de Radio Líder Santiago serve de crónica viva dunha celebración que resiste o paso do tempo… pero que precisa ser arroupada desde as institucións, os consumidores e a sociedade no seu conxunto.

“O marisco, as carnes, os peixes… Todos definen Galicia. Pero como marca propia, ningún produto como o pemento de Padrón, que é de Herbón”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *