Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Cos votos a favor dos grupos municipais do BNG, CA e socialista e coa abstención do grupo municipal popular, o pleno aprobou de forma inicial esta ordenanza que, en palabras do concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, “ten como obxectivo a mellora da xestión dos residuos que son competencia municipal (40.000T recollidas no 2024 de residuos domésticos), para mellorar a calidade ambiental e o benestar da veciñanza de Compostela”.
A norma vixente, aprobada no ano 2008, “debe ser adaptada ás novas esixencias legais e aos estándares de sustentabilidade actuais. Ademais, a entrada en vigor do contrato de limpeza viaria e xestión de residuos no ano 2022, coa renovación e sistematización do proceso de recollida e xestión dos residuos, fai evidente a necesidade de actualizala” sinalou o concelleiro que apuntou como reto nesta materia “reducir a cantidade de residuos, incrementar a recollida selectiva, fomentar a separación en orixe e aumentar a reciclaxe de cara a unha economía circular”.
Na ordenanza proposta diferéncianse as características das zonas da cidade e recóllense as medidas para impulsar e apoiar a consecución dos obxectivos propostos. Tamén se definen as categorías de residuos que deben separarse en orixe ou recollerse de forma diferenciada, incluíndo aquelas que se poden xestionar de forma conxunta en casos excepcionais.
En resumo, abundou o edil, “sistematízanse os criterios xerais cos que se presta o servizo, recollendo as definicións de cada tipo de residuo e as normas específicas, así como os dereitos e as obrigas das persoas usuarias”. No plano estritamente normativo, “actualiza e harmoniza todas as disposicións aplicables e ofrece solucións regulatorias que incrementan a sustentabilidade enerxética e ambiental na recollida e na xestión dos residuos, que complementan a renovación feita da conterización e da maquinaria empregada, toda eléctrica ou de gas natural comprimido”.
Xesús Domínguez lembrou que as directrices europeas marcan a recollida separada obrigatoria dos biorresiduos, dos téxtiles e dos residuos domésticos perigosos, ao tempo que fixa obxectivos de separación para a reutilización e a reciclaxe, pasando do 50% no ano 2020 ao 55% no 2025 e ao 10% nunha década. O ano pasado, o Concello de Santiago rexistrou unha porcentaxe de separación en torno ao 25%, e “aínda que en aumento, moi lonxe das directivas europea, mais superior aos resultados de Sogama estancados nun 18%”.
Para acadar os obxectivos, “poñemos o foco na fracción orgánica, que supón case a metade en peso de todos os residuos domésticos” promovendo a xestión mediante a compostaxe individual ou colectiva e a separación no colector marrón, extendido xa por todo o espazo urbano. Para este colector repartíronse máis de 5.000 tarxetas, ata agora con carácter voluntario, a través do programa “ti tes a chave” que permite a súa apertura para conseguir unha correcta separación dos biorresiduos por toda a cidadanía.
Outro dos aspectos destacados polo concelleiro que “encaixa con esta filosofía de sustentabilidade” é a xestión dos residuos de xardinería, hortas e podas (de diámetro inferior a 1 cm) que deberán destinarse a compostaxe.
Horarios de cada fracción
Domínguez sinalou que tamén se toman medidas para facilitar o depósito dos residuos nun horario máis amplo. Todas as fraccións se poden depositar durante as 24 horas do día, agás o vidro que se exclúe en horario nocturno para mellorar a convivencia, e a fracción resto que mantén o horario limitado que xa tiña. Preténdese con esta medida promover a separación en orixe dos residuos.
A ordenanza desenvolve o “concepto da corresponsabilidade e a implicación de todas as persoas, que é clave para camiñar cara a esa Compostela orgullosa de si. Para iso, é fundamental a participación consciente e activa da cidadanía no obxectivo de reducir os residuos, separar en orixe e entregalos nos puntos de achega establecidos”.
Outro asuntos
Na sesión plenaria tamén se aprobaron por unanimidade unha proposición para desenvolver políticas de envellecemento activo e saudable e tres mocións relativas a melloras nas rúas dos Pexigos, Entrepexigos e Praza de Marcial Villamor; para a reactivación da mesa local de comercio e o establecemento dunha periodicidade mínima de convocatorias; e sobre o retraso na elaboración do Plan municipal de mocidade do concello; todas elas presentada polo grupo municipal do PP .
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)