Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 abril, 2025
A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, denuncia a demora para obter cita previa na Unidade de Atención ás Migracións e persoas emigrantes retornadas (UAMI), que, neste momento, pode tardar ata cinco meses, segundo as queixas rexistradas no propio Concello. “Esta situación -explicou Yolanda Otero- impide que as persoas afectadas poidan ter os seus papeis en regra antes do vindeiro 20 de maio, data na que cambia o regulamento de estranxeiría en España”.
“A modo de exemplo, -remarcou a edil popular- unha das queixas reflicte que unha persoa que solicitou cita o 28 de marzo, déronlla para o 22 de agosto, polo que é evidente que estamos ante unha mostra máis da nefasta xestión do goberno local, que pode traer, aos cidadáns afectadas, problemas de distinta gravidade”.
Para Otero, “este goberno municipal carece de capacidade de organización e anticipación ante situacións previsibles, como é o importante incremento de peticións de atención na UAMI, motivado polo cambio lexislativo coa aprobación da nova normativa, que entrará en vigor o vindeiro 20 de maio”.
“De todos é sabido que, ante este incremento previsible das solicitudes de atención, esta oficina municipal segue a ser atendida só por unha persoa técnica, o que implica unha xestión deficitaria, que se traduce en prexuízos graves para a cidadanía”, insistiu.
A UAMI é a oficina municipal encargada da acollida inicial ás persoas inmigrantes e emigrantes retornadas, prestando información e asesoramento sobre os diferentes recursos, programas e trámites administrativos que este colectivo necesita, entre eles a emisión de informe para a regularización da situación por arraigo social das persoas inmigrantes empadroadas en Santiago.
Por outra banda, a concelleira popular reclamou a necesidade de que Santiago conte cun Plan municipal de Inmigración, tal e como reflectimos na proposta levada ao Pleno municipal en xuño do ano pasado”.
Para Yolanda Otero, esta ferramenta “significaría un marco estratéxico de referencia que, con obxectivos e medidas específicas, articule as actuacións municipais que estean encamiñadas a garantir a acollida, asesoramento e acompañamento de inmigrantes e emigrantes retornados; a integración de toda a veciñanza, independentemente, da súa orixe, realidade e situación administrativa; a convivencia solidaria, igualitaria e creadora de cidadanía, sempre dende a perspectiva da diversidade e da pluralidade da sociedade compostelá”.
A chegada, tránsito e asentamento de poboación estranxeira en Compostela representa un fenómeno multidimensional e significativo, unha realidade heteroxénea e dinámica, con incidencia nas estruturas sociais, económicas e culturais que require unha acción local que dea resposta ás necesidades das persoas inmigrantes e as súas familias.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)